Emmanuel Joven e Andrea Rey preséntanse por primeira vez cun concerto en solitario tras varias intervencions noutros festivais ou actos. Farano no Café Continental este venres 8 arredor das once da noite. Eles mesmos aseguran que durante o concerto desta semana tocarán cancións de estilos variados e sobre todo van coa intención de pasalo (e facer) pasalo ben. Seguir lendo
Finalmente concretouse unha data para concentrarse diante do Concello para rexeitar a decisión unilalteral do Goberno de Cambados de instalar unha estatua de Manuel Fraga Iribarne pagada cos cartos de tod@s. Será o vindeiro sábado, 9 de Xuño, ás 20.30 horas e durante os vindeiros días publicitarase este evento tanto en internet coma pola rúa en forma de carteis e panfletos. Seguir lendo
Falaba eu cun amigo polo facebook e saíu a célebre frase de Aristóteles de que “o home é un animal político”, “zoon politikón” transcrito do grego. Lembro as miñas clases de filosofía en COU cun estupendo profesor, Xosé Manteiga e como nos dixo que a miúdo se malinterpreta a frase porque Aristóteles non entende político no sentido que nós lle damos a política e actividade política senón no sentido de ‘polis’ ou cidade-comunidade. A polis era para os gregos a comunidade de cidadáns que vivían nela e se autogobernaban e non só a cidade en sentido físico. Do mesmo xeito anos despois tamén os romanos diferenciaban ‘ urbs’ para referirse á cidade romana e ‘cívitas’ para referirse á comunidade de cidadáns; Roma non foi nunca unha democracia pero nos tempos da República (que ven de res pública ou asuntos públicos) tamén un grupo de cidadáns tomaba as decisións de goberno.
O que quero dicir é que a frase de Aristóteles fala de que o home é un animal social ou urbano, que vive en comunidade. E Atenas, que inventou a democracia, entendía esta como unha comunidade de persoas que participaban no goberno. Autarquía, autogoberno son palabras gregas que para eles eran sinónimo de liberdade. A Ekklesía era a asemblea na que se reunían os cidadáns de Atenas e onde se tomaban as decisións importantes.
Menudo rollo estou soltando pero veume á cabeza ao ler un comentario nun xornal sobre a estatua de Fraga. Este cidadán dicía que os que nos opoñíamos á estatua non aceptabamos os resultados das eleccións municipais que deron un claro triunfo ao partido popular e por iso saíamos á rúa. A democracia como todos sabemos é o goberno do pobo e a esencia desta é que se escoiten todas as voces non só as da maioría, senón isto sería unha ditadura da maioría. A nosa democracia é representativa, nós cedemos o uso do poder a uns representantes, e non directa, como era a grega, onde na Asemblea ou Ekklesía se tomaban as decisión importantes. Pero o feito de elixir a uns representantes non supón darlle un cheque en branco e que co noso voto teñan poder para facer o que queiran, e ademais todos contribuímos cos nosos impostos a soster a comunidade e non só os que gañaron as eleccións. Eu podo entender que non se nos consulte sobre o ancho dos sumidoiros ou sobre onde se van poñer farolas pero para cousas menos técnicas e de máis calado a cidadanía pode e debe ser consultada. Esa estatua, se se fai, espero que non, tamén vou eu a contribuír a pagala. Así que si o goberno municipal non se dignou a consensuar a decisión cos outros partidos elixidos tamén democraticamente eu síntome totalmente lexitimada a manifestarme. Desta crise na que estamos que é a un tempo económica e política, moita xente está dacordo en que só sairemos de dous xeitos, cara adiante ou cara atrás. Ou se rompe Europa e o Euro ou máis Europa e máis integración. Ou ditadura ou máis democracia e participación cidadá. O futuro o dirá.
Por certo nas pasadas eleccións o Partido Popular obtivo 5.208 votos, ampla maioría si, pero en Cambados vivimos 13.946 persoas.
Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.
Benito González volta a ser o centro da atención ao recibir máis unha acusación de irregularidades. Hai meses xa se coñecía que a Fiscalía estaba a traballar na investigación a raíz das denuncias da Asociación Galega de Mariscadores (Agamar). Agora esta organización vén de remitirlle a cinta co audio e unha transcrición literal do que nela se escoita. Seguir lendo
Calquera pode pensar que é así, lida a prensa dos últimos días, nos que tan só o Faro de Vigo tratou a nova cunha extensión acorde coa polémica xerada pola decisión do Concello de mercar, con cartos de todos, unha estatua a Manuel Fraga Iribarne. La Voz e Diario pasan de puntiñas, ou non pasan, sobre o tema. Incluso o Faro de Vigo, que onte preguntaba a persoas concretas (con nomes e apelidos) a súa opinión ao respecto e obtiña unha maioría rotunda que respondía non a se estaban dacordo coa decisión do Concello, hoxe reflicte na súa nova que “a maioría” dos cambadeses apoia a iniciativa de poñer a escultura. Seguir lendo
O Faro de Vigo volve hoxe sobre a polémica xurdida tras coñecerse que o Concello de Cambados ten encargada unha estatua de bronce de Manuel Fraga Iribarne. Cuestionados ao respecto, varias persoas do mundo da cultura de Cambados amosáronse contrarios á instalación da escultura. Todos coinciden nun asunto clave: a figura de Fraga non reúne o consenso do pobo de Cambados. O Faro recolle as declaracións do escritor Ramón Caride, o pintor Saúl Otero, e os historiadores Jacobo Domínguez ou Maribel Iglesias. O académico da RAG e trianero, Fernández Rei, incidiu nesta cuestión e propuxo que se lle adicara unha homeaxe a xentes da terra e do mar de Cambados que si suscitan consenso entre a poboación.
No mundo do viño tampouco a proposta é recollida con fervor. Aínda que desde Condes Albarei o seu presidente amósase a favor e eloxia a figura do ex presidente da Xunta en relación co Albariño, o seu homólogo en Martín Códax non é partidario de erixir o monumento a pesares de que na súa opinión Fraga se portara ben con eles.
“MÁIS DE 15.000 EUROS”
O alcalde, Luís Aragunde, non despexou a incógnita aínda de cal vai ser o prezo que teñamos que pagar pola estatua. Só declarou que serán “máis de 15.000 euros” e que pedirá axuda a outras administracións para sufragar o custo. Hai que lembrarlle ao señor Aragunde que o feito de que parte dos cartos veñan da Xunta e/ou Deputación non significa que non sexamos, finalmente, os veciños quen paguemos este despropósito que ten como único fin a propaganda particular do PP. Aínda así, unha estatua de iguais características (mesmo material e mesmo esculturor) custou hai un ano 28.000 euros e non 15.000.
Non se descarta a convocatoria de mobilizacións nos próximos días.
Grupo en Facebook contra a iniciativa do Concello. NON á estatua de Fraga en Cambados.
Os primeiros en pronunciarse sobre a nova escultura que o Concello mercou para honrar ao fundador do seu partido foron as Xuventudes Socialistas de Cambados, que declararon que “non permitirán” que se erixa esta estatua, e lembraron o pasado franquista de Manuel Fraga.
Pola súa banda o Bloque xa rexistrou no Concello preguntas ao alcalde sobre o tema. Para Víctor Caamaño é unha “burla” que o goberno local pida austeridade e lle suba os impostos aos veciños de xeito abusivo para a continuación gastar miles de euros nunha escultura “para mellor gloria do PP”. Para o BNG é claro que a figura de Fraga cando menos non suscita consenso (lembran tamén o seu pasado como ministro de Franco) aínda que todos e cada un dos cambadeses -incluídos os que non queremos a estatua- teremos que pagar por ela. Seguir lendo
28.000 euros, a falta dos datos oficiais do Concello (que nin sequera anunciara que ía mercar a escultura e esta xa se está facendo) esta e a cantidade que nos podería custar a todos os cambadeses a homenaxe a Manuel Fraga Iribarne. Non é unha estimación, é o que custou en 2011 a estatua a Francisco Asorey, en principio de similares características e deseñada e realizada polo mesmo artista. Seguir lendo
Hai uns días que en Cambados a xente está indignada; está indignada coa proposta do PP de malgastar os cartos públicos nunha escultura de Manuel Fraga; e a verdade é que teñen argumentos e razóns para estalo. Este caso é todo un exemplo de como o goberno municipal do PP está a xestionar este concello e a malgastar os nosos recursos.
O PP toma esta decisión, non só, sen consultalo con ningún outro grupo político (como fai sempre), senón que ademais tenta ocultalo o maior tempo posible. De feito, esta é unha das razóns polas que envían as actas da Xunta de Goberno con máis de 3 meses de retraso, en lugar dos 10 días que marca a lei. Así o BNG, que forma parte da corporación municipal, ten que coñecer polos medios de comunicación barbaridades como o encargo desta escultura.
Co agravante de que o PP toma a decisión de encargar a escultura sen ter cartos para elo e, despois de facelo, afirma que tentará conseguilos a posteriori; o cal indica a “excelente planificación” coa que traballa o goberno municipal do PP de Cambados.
Por se isto non fose suficiente, o alcalde manifesta que agarda conseguir os cartos para a estatua de “Don Manuel”, a partir de axudas doutras Administracións. Esta é outra das teimas do PP: ten que enterarse, dunha vez, Luís Aragunde que os cartos das Administracións son públicos. Son cartos que proceden dos nosos impostos e que merecen ser gastados con sentido común e eficacia para o benestar de todos e todas. Porque os cartos públicos, tamén os da Deputación; eses que Louzán gasta tan alegremente, realmente non son del, senón nosos. E cando son “malxestionados”, como adoita a facelo o PP, está demostrar que non lle doe malgastar os cartos das Administracións, como se estas non tiveran onde investilos. Porque con estas actitudes, semella que sobran cartos para sanidade, educación, servizos sociais, cultura…, ou en saneamento (no caso de Cambados) e como sobran tantos, pois se lle poden facer cos sobrantes unha escultura para maior gloria do exministro de Franco.
Esta decisión do PP non hai por onde collela, porque nin é momento para tirar os cartos en esculturas como esta, nin se trata dun personaxe que concite o mínimo consenso entre as diferentes sensibilidades políticas e sociais. Isto é simplemente unha “cacicada” do PP de Cambados que con este tipo de decisións está a situarse, cada día, máis á dereita.
Víctor Caamaño. Voceiro do BNG de Cambados. Podes ler o seu blog premendo aquí.
Un estudo do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral vén de darlle a razón á equipa de Víctor Caamaño no referente ás súas críticas sobre o Polígono Industrial. O estudo cualifica a situación de Sete Pías como de “mala” por carecer das infraestruturas e servizos mínimos. Destaca a falla de servizo de mantemento, cortes de luz que o Concello non dá solucionado, falta de plans de seguridade, falta de beirarrúas… Seguir lendo
Comentarios recentes