//
arquivo

confraría

Esta etiqueta está vinculada a 34 artigos

Agamar entrega á Fiscalía gravacións que probarían unha presunta malversación de fondos na Confraría

Benito González volta a ser o centro da atención ao recibir máis unha acusación de irregularidades. Hai meses xa se coñecía que a Fiscalía estaba a traballar na investigación a raíz das denuncias da Asociación Galega de Mariscadores (Agamar). Agora esta organización vén de remitirlle a cinta co audio e unha transcrición literal do que nela se escoita. Seguir lendo »

Os rañeiros non descartan denunciar pola vía penal ao Patrón Maior

O presidente dos rañeiros, Carlos M. Martínez, González, remite unha nota na que se queixa de que o Patrón Maior da Confraría, Benito González, non respostou un escrito da súa agrupación remitido no mes de Xaneiro sobre a suposta actividade irregular dun dos ex-asociados que volvera a fanear a pesar de levar máis de un ano apartado de calquera actividade pesqueira ou marisqueira (nese caso pérdese a condición de membro da Confraría). Seguir lendo »

Benito González, investigado polo TSXG?

Segundo o Xornal Galicia, o Patrón Maior de Cambados, Benito González, quen tamén é Presidente da Federación Galega de Confrarías, está a ser investigado pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza por presuntas retribucións irregulares á fronte do ente autonómico. Foi AGAMAR (Asociación Galega de Mariscadores) quen denunciara en Novembro estes feitos, xa que segundo eles González percibira durante tres anos até 78.000 euros en concepto de retribución en calidade de Presidente das confrarías galegas, algo segundo AGAMAR “contrario á lei”.  Eles pedían tamén investigar daquela outros 90.000 en concepto de dietas e a súa compatibilidade cos ingresos de Benito González por ser Patrón Maior de Cambados, membro da Autoridade Portuaria de Vilagarcía e vocal da Federación Española de Confradías (todo isto á marxe da súa empresa particular Barco Pelea SL). Seguir lendo »

“Todo o que toquei sempre foi para arriba” di Luís Somoza

A reforma da Cultural adquiriu onte o matiz máis personalista coa re-inauguración da nova sede. Unha inauguración na que tomaron parte o presidente da Asociación, Luís Somoza, o Presidente da Deputación (institución que financiou cun millón de euros a obra), Rafael Louzán, o alcalde Luís Aragunde, o delegado da Xunta Cores Tourís e e deputada do PP Rosa Oubiña. Seguir lendo »

Agamar denuncia que o Patrón Maior recibiu 78.000 euros de xeito irregular

Benito González, segundo El País, tería recibido entre os anos 2008 e 2010 até 78.000 euros a través do seu posto de presidente da Federación Galega de Confrarías en concepto de “retribucións”, algo expresamente prohibido pola Lei. É por iso que a Asociación Galega de Mariscadores denunciou os feitos perante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e perante o Consello de Contas. Seguir lendo »

O PP volve a anunciar obras que acaba de suspender

La Voz de Arousa repasa hoxe amplamente o capítulo de inversións que recibirá, teoricamente, o noso Concello en virtude dos orzamentos da Xunta de Galicia. Resulta especialmente curioso ler como se volven a anunciar inversións en obras que se suspenderon moi recentemente. É o caso do Centro de Día (350.000 euros), que quedara en suspenso hai tan só dúas semanas e media. Ou da cuberta da piscina (381.000 euros) que hai pouco máis de un mes a Xunta decidía suspender por mor da ”política de axustes” logo de varios retrasos desde 2008. Seguir lendo »

Novo cruce de acusacións na Confraría, agora con demandas no xulgado

O patrón maior da Confraría de Cambados anunciou que presentará unha demanda no xulgado contra un grupo de críticos do cabildo. A denuncia, por “inxurias e calumnias” aparece a raíz dunhas acusacións duns socios sobre un barco que a Confraría adquiriu cunha axuda da Consellería do Mar de máis de 170.000 euros. Este barco, que estaba presupostado en 185.000 euros supuxo ao final un desembolso de 340.000 (máis do duplo) e algúns socios deixaron entrever nunha Asemblea que o motor xa estaba utilizado de antemán.

Segundo eles existen elementos que os levaron a crer tal hipótese, como a presenza de óxido e desgastes. O Patrón Maior, Benito González, sinalou ao Diario de Arousa que “unha cousa son as críticas e outra dicir que un barco novo, subvencionado pola Consellería do Mar ten un motor de segunda man, iso é pasar aos límites á calumnia”.

Pero este grupo de socios pensa que, ademais do tema do motor, unha nave como a adquirida custaría no mercado arredor de 99.000 e non os 340.000 que supuxo finalmente. Ademais, os socios preguntaron hai catro meses polo barco e aínda non tiveron contestación, nin da Confraría nin da Consellaría do Mar, polo que estudan interpoñer tamén unha demanda no xulgado para acceder a unha información que consideran que teñen dereito a recibir. De todos os xeitos agardarán á vista oral que se producirá a raíz da demando de González para comprobar se xurden novos datos.

Esta polémica únese á que se relatou nesta páxina hai uns días relacionada cunha nota de prensa do presidente dos rañeiros, na que denunciaba gastos esaxerados en dietas do Patrón Maior, unha xestión económica nefasta e actitudes que el tildaba de “ditatoriais”.

Imaxe e información do Diario de Arousa

Denuncias na Confraría por presuntas irregularidades e mala xestión

Chegou hoxe á bandexa de entrada de Cambados(tk) unha nota de prensa de Carlos Martínez González, presidente da Asociación de Rañeiros e membro do Cabildo da Confraría. Trátase dunha denuncia máis sobre a xestión do Patrón Maior, Benito González, que se suma a algunhas críticas exteriorizadas nos meses anteriores.

Martínez deixa claro no comezo da nota de prensa que Benito González ten “un poder omnímodo no seu particular Reino de Taifas” e que “o oscurantismo é total na Confraría, a falta de información é unha constante diaria, Benito González non necesita o Cabildo para tomar decisións, puenteandoo cando quere e como quere”.

A XESTIÓN ECONÓMICA: NÚMEROS VERMELLOS

A xestión económica, di, é desastrosa; e dá datos: en 2008 había un superávit de 19.584€, en 2009 pasouse a un déficit de 6.000€ e en 2010 os números vermellos foron de 95.155€. Algo que segundo esta fonte é totalmente inexplicable e que non se pode acudir á crise para excusalo, xa que o sector do mar é o sector que menos está a notar a crise en Cambados.

O máis “chamativo” son os gastos de representación e dietas. Segundo esta fonte, en 2010 o Patrón Maior gastou máis de 12.000 euros nestes conceptos (sobre 6.000 en gastos de representación, case 1.500 en gastos da tarxeta de crédito e máis de 5.000 en dietas).

O presidente dos rañeiros achéganos unha lista das que, sinala, son as dietas máis “curiosas” de 2010, entre as que se contan até cinco  visitas á Notaría (que está a cincuenta pasos da Confraría) ou asuntos na propia sede da institución que preside (aparecen listados até catro veces).

Ademais tamén aparecen reflectidos os gastos de varias comidas pagadas coa tarxeta de crédito da Confraría, todas menos unha en Cambados e segundo o presidente dos Rañeiros a maioría destas comidas eran de carácter persoal.

DESAPARICIÓN DA CONTA PARA AS FESTAS DO CARME

Tamén sinalan que xa non existe a conta bancaria onde se depositaban os fondos para as festas do Carme e San Antonio. Entre outras cousas, alí ingresábanse as doazóns cidadáns para os festexos, que ascendían a máis de 13.000 euros. “¿Onde e quen contabiliza estas cartos que se lle piden os veciños?”, pregunta Martínez.

GASOLINA, TELÉFONO, XULGADOS

Aparecen nas contas máis de 24.000 euros adicados á mercar gasolina en diferentes estacións de Cambados, sen que os críticos da Confraría coñezan quen son os beneficiarios de dito gasto. En 2010, o gasto telefónico pasou dos 5.000 euros. Ese mesmo ano a Confraría realizou o maior gasto en Xulgados, pasando dos 8.400 euros. E case 30.000€ por despedimento improcedente dun traballador da fábrica de xeo; despedíndose dese xeito tamén á biológa, sen que por agora se coñeza o seu custo.

MALA XESTIÓN E MALAS MANEIRAS?

A nota de prensa de Carlos Martínez remata sinalando que non só a xestión é nefasta, senón que o xeito de facer de González adquiriu tamén “tintes ditatoriais, chegando a mandar misivas os socios que levantan a voz nalgunhas asembleas que sen chegar a ser amenazantes non deixan de ser intimidatorias, polo que estas cartas fan a vez de mordazas nalgúns socios.”

O presidente dos rañeiros recorda que Benito González recibe ademais unha compensación económica de 3.000 euros mensuais por ser o presidente da Federación de Confrarías de Galicia, e que por ese mesmo motivo ten á súa disposición un vehículo e un teléfono.

Podes ler a nota de prensa completa, con todas as cifras, premendo aquí

Benito González estivo en Bruxelas hoxe convidado pola Xunta de Galicia

O Patrón Maior de Cambados, Benito González, viaxou até Bruxelas acompañado dunha mariscadora, María Xosé Martínez, para participar nun debate sobre a reforma da política pesqueira europea. O foro estaba organizado pola Consellaría do Mar e casualmente as dúas persoas que procedían de Cambados apoian o proxecto das comportas no Saco de Fefiñáns.

Alí tiveron que escoitar outra vez críticas da man da voceira do BNG en Bruxelas Ana Miranda, quen interviu para reclamar unha reforma de pesca que estea integrada cunha política marítima e do medio ambiente e ordenación litoral correcta. Ana Miranda lembrou a falla de depuración e o mal estado do saneamento das rías, a aposta pola macroacuicultura en zonas de protección litoral ou os modelos que degradan a sostenibilidade na produción, como as comportas hidráulicas en Cambados, sinalou a representante europea.

O PP ponse nervioso tralo destape de toda a información ocultada sobre o Saco

Luis Aragunde, alcalde de Cambados, fixo públicas hoxe por medio dos xornais unhas declaracións nada amistosas sobre o voceiro do BNG, Víctor Caamaño. Del dixo que está a caer en “insidias e mesmo falsidades”, que está “presionado pola liña máis dura da UPG para que radicalice o seu discurso, sexa máis agresivo”.

Segundo Aragunde, Víctor tenta “compracer aos seus xefes” e cando fala de relacións entre o proxecto do Saco e especulación urbanística na zona da Mercede quere “emporcar o proxecto”. É máis, para Aragunde a inciativa que tivera a Consellaría de Vivenda no bipartito de construir vivenda protexida en Cambados, “si que era especulación”. Menudo xeito de razoar. Agardo que o Concello algún día decida especular un pouco nese sentido e en lugar de rexeitar ese tipo de proxectos os apoie, fronte ao que fixeron co campo de fútbol da Mercede. Beneficio para quen máis o precisa fronte beneficio para os de sempre.

Como vemos o PP si é quen volve á liña de sempre, ao ataque sen ningún tipo de argumentos. Porque a rebatir as supostas mentiras do Bloque non entrou. Mentres desde o BNG presentaron documentos oficiais para desmontar as ocultacións de Xunta e Concello, o PP utiliza as descualificacións contra o voceiro do BNG. Isto demostra que no Concello están nerviosos con como calou este tema na sociedade e particularmente nas mariscadoras (lembremos que a semana pasada o alcalde e o Patrón Maior non foron quen de convencelas).

O BLOQUE DESVELA QUE UN DEPARAMENTO DA CONSELLARÍA TAMÉN TEN DÚBIDAS

Fronte a estes ataques do rexedor, Víctor Caamaño declarou que “ao PP as verdades dóenlle” e que mentiras foron as da Dirección Xeral da Consellaría do Mar cando dixeron que nunca se realizaría o proxecto sen o consentimento das mariscadoras ou que existía un estudo de impacto ambiental que ao final resulta que non había.

Ao ter acceso por fin ao proxecto das comportas os nacionalistas comprobaron como, ademais de todas as institucións que xa amosaran as súas dúbidas ao respecto, tamén a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, dependente da Consellaría do Mar sentenciou que era necesaria “realización dun Estudio de Impacto Ambiental que avalíe en profundidade o efecto que terá a xestión da comporta sobre o medio”.

 

Xuño 2012
L M Me X V S D
« Mai    
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.