//
arquivo

educación

Esta etiqueta está vinculada a 42 artigos

Magariños xa ten comedor escolar

Polo de agora tan só 15 alumnos fan uso del aínda que as instalacións teñen capacidade para 40 nenos e nenas. Segundo o Diario de Arousa o prezo por comida para os pais e nais é de 4.60€ por cada unha. A ANPA agarda obter unha subvención para o seguinte curso mediante a cal se abaratarían custos. Imaxe de La Voz de Arousa.

Dous novos blogs de cambadeses na rede

Un deles é o creado por Jacobo Aragunde, que tras varios anos de docencia decide pór a disposición de quen o precise diverso material sobre Pedagoxía Terapéutica, a súa especialidade. ReforzoPT, como se titula o espazo, conterá diversas ferramentas que Jacobo foi empregando para motivar aos rapaces con dificuldades e inculcar hábitos de traballo, e serán útiles para outros profesores, alumnos, nais e pais… Podes visitar o blog premendo aquí.
O segundo blog é o iniciado pola xornalista cambadesa Carolina Laya. Chámase Comparte todas tus ideas e actualizarase dúas veces por semanas con temas de actualidade, política, deportes, sociedade…e a idea é que o lector interactúe e amose a súa opinión sobre cada tema (de aí o título do blog). Preme aquí para acceder a el. Ademais, ten creado tamén outro blog en galego tamén de carácter xornalístico e que podes acceder premendo neste enlace.

A revista A Buxaina cumpre o seu primeiro ano

A revista dixital A Buxaina está de aniversario. Cumpre agora o seu primeiro ano de vida como proxecto do Departamento de Ciencias do IES Asorey, e faino con éxito tralas doce edicións que se publicaron até agora na rede. Boas mostra disto son as máis de trescentas persoas que colaboraron até o de agora con A Buxaina, entre os que se atopan alumnos do Asorey, ex alumnos, profesores do centro e  tamén xente de fóra. Seguir lendo »

A USC xoga coa investigación: 17 persoas en risco de perder o seu traballo

A Universidade de Santiago de Compostela é líder no noso país e unha parte importante desta institución radica na investigación. A través do Programa Isidro Parga Pondal, a USC captou persoal investigador en forma de bolsas-contrato que tras un período de tempo deberían rematar en contratos estábeis se superan  a correspondente avaliación. Seguir lendo »

Vén o inverno

Comeza a campaña electoral de verdade. Por fin. Porque xa levamos meses en campaña, levamos meses escoitando ao partido da oposición reclamar eleccións e agora, estarán contentos, xa as teñen aquí. E parece que van arrasar.

É curioso, por certo, comprobar como conforme se acerca o día aquelas proclamas de “imos resolver a crise co cambio de goberno” vanse atenuando e convertíndose en “a cousa está mal, a recuperación será lenta”. E iso xa o sabíamos.

Pero especialmente se temos en conta que as propostas do PP (as que intuimos, porque por desgraza non soltan prenda) e as iniciativas do goberno do PSOE nos últimos tempos non difiren dun xeito significativo. Ambos apostan ou apostaron por reducir o gasto público (algún, o que mantén plusvalías e insitucións tan inútiles como Senado ou Deputacións mantéñeno) e recortar dereitos para a maioría social. Isto, nun momento en que todos coincidimos en que a economía está estancada non permite impulsala.

¿Acaso non sería o momento en que, de xeito responsábel, o goberno empregara as ferramentas das que dispón para reactivar a economía? Eu penso que nestes meses se comprobou, e non só en España, que a política de recortes non só é inxusta, senón que ademais está fracasando estrepitosamente. E o caso máis claro está aquí, en Galiza, onde temos un goberno que se inhibiu de tomar decisións de carácter económico e de emprego e disparou a taxa de paro con respecto ao bipartito.

Vivimos unhas eleccións nas que a esquerda perdeu a esperanza. Perdeuna “grazas” aos últimos catro anos dun goberno que se dicía de esquerdas, se supoñía de centro-esquerdas e rematou por ser de centro-dereita. Os votantes dese partido maioritario quedaron coa boca aberta e por desgraza, neste país o sistema bipartidista calou xa fondo e semella que cando A o fai mal votamos a B, e cando B o fai mal votamos outra vez a A. Cando o intentaremos con C, D, E..? Certo é ,si, que o sistema beneficia a PSOE e PP e temos que reclamar que se poña fin a esa inxustiza.

Pero hai alternativa. Tocan tempos de mobilización, non só nas urnas, á cidadanía correspóndelle tomar outra vez a iniciativa para recuperar a ilusión e gobernos ao servizo da mesma e non dos poderes económicos. Non podemos permitir que se poña fin ao estado do benestar porque entón seguiremos construindo un país máis inxusto e egoísta. Temos que impedir que a avaricia dos bancos e especuladores remate por danar sanidade, ensino e servizos sociais.

En Galiza por fortuna contamos coa opción C, cunha alternativa galega e de esquerdas. Con deputados que si dan a cara en Madrid e non se limitan a quentar o escano senón que apostan non só por loitar polos intereses dos galegos senón dunha maioría social en todo o Estado. É a nosa responsabilidade primar a eses políticos que son a excepción á regra e que non teñen máis interese que o da maioría. Non vale só con queixarse se non tentamos, polo menos, facer o máximo que nos permiten cada catro anos. Votar.

Chegou o frío ao lugar desde onde escribo, a neve. Mais o auténtico inverno avecíñase en Galiza. En España. Preparémonos, pode ser longo, de nós depende.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.


O profesorado do Asorey rexeitou os recortes no ensino no referendo celebrado hoxe

Celebrouse hoxe por toda Galiza un referendo nos centros de ensino organizado por CIG e UXT nos que se lle preguntaba ao profesorado polo recortes que leva a cabo a Xunta de Galicia. No instituto Francisco Asorey a participación no referendo ascendeu ao 80% (52 sobre 65). Seguir lendo »

Cuestión de prioridades

Gobernar é, certamente, elixir. No caso do cartos, trátase de xestionar o que hai nas arcas públicas de xeito responsábel e en beneficio da maioría social. Trátase de priorizar, especialmente nestes días nos que a administración se queixa de que non dispón de diñeiro para todo o que se gastaba hai uns anos.

E nun Concello ocorre exactamente o mesmo, en cada lugar á súa escala. O Alcalde, o goberno e en poucos casos a Corporación (normalmente a oposición nin pincha nin corta, como é o caso) deciden en que se invirten os cartos e como se gasta. Gobernar non só é iso, aínda que para algúns alcaldes parece que si, pero está claro que é unha das tarefas que se desenvolve.

En Cambados non sabemos moi ben a miúdo se a prioridade somos a maioría dos cambadeses ou tan só un grupo máis ou menos “selecto”de persoas. Dígoo por cousas concretas, e non por esbardallar.

Podería voltar sobre o machacado tema do Xantar do Albariño e o gasto de miles de euros anuais en que cando menos a metade dun número irracional de persoas veñan comer de balde simplemente porque son do PP. Iso xa di bastante sobre as prioridades de cada quen, creo eu.

Pero hai meses soubemos que a Deputación, a petición do Concello suponse, ía remodelar a sede dunha asociación cultural con custo cero para esa asociación e con custo 700.000 euros para os contribuíntes. Porque aínda que non o pareza os cartos que gasta Louzán non son del, son de todos nós. E para rematalo ao final resultou que por complicarse “un pouco” as obras pagaremos 1 millón de euros, tres veces a cantidade que destina o Concello de Cambados en inversións reais.

E a cousa non queda aí. Xa que se lembramos ben, recordaremos que hai unhas semanas se paralizaron dúas obras en teoría por mor da crise económica. Aclaración necesaria: a crise económica ten unha característica que non falla: é selectiva, só afecta a algunhas das cousas. Afecta á educación, a sanidade (minucias) pero non a Xantares nin a reformas de dubidosa necesidade. Neste caso era a piscina e sobre todo, o prometido Centro de Día, as que se quedaban no doce recordo das notas de prensa e dos boletín populares previos ás Elecccións.

Onte lía que para o Concello é unha prioridade cederlle o Centro de Saúde ao Sergas porque paga 50.000 euros anuais en mantemento. Non vou entrar a discutilo, seguramente que sexa mellor que o Sergas se faga cargo. Pero o mesmo Concello permite que se gaste 1 millón na Cultural. Ou que non se realice a mellora na piscina que lle ocasiona  ao Concello un gasto de máis de 100.000 euros en calefacción cada ano.

E parece que tamén é prioridade do goberno local non darlle a subvención que merecen a asociacións como Caracol, que recibe un 2 sobre 5 en “transcendencia e repercusión fóra do ámbito municipal” no baremo filtrado polo BNG (é sabido que a transparencia non é prioridade no Concello de Cambados), cando acuden cada ano milleiros de nenos de toda a comarca ao IES Asorey.

E o máis chamativo, ao Concello parécelle unha prioridade seguir coa teima de construir unha praia artificial no Saco. E custoulle moito recoñecer que a prioridade no Saco era o saneamento e non as comportas. En calquera caso, priorízase a Cultural, o Xantar, fronte a obras que son moito máis que obras, son servizos sociais, como é o caso do Centro de Día, que seguirá a agardar.

Estas son as prioridades do PP. E as que nos esperan.

Óscar Pardo Planas


O profesorado do IES Asorey tamén se manifesta a prol do ensino público

Os mestres do instituto cambadés IES Francisco Asorey remítennos unhas imaxes da concentración que realizaron no patio do centro para amosar a súa total defensa do ensino público nun tempo en que está a ser posto en dúbida por varias administracións, particularmente a galega a través da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia. Este tipo de protesta estendeuse onte por toda a comarca mentres o conselleiro asistía á Festa do Marisco.

Afortunada de ser mestra

Eu son mestra. Nos tempos que corren case parece unha ousadía atreverse a dicilo, por aquilo de que de súpeto todo o mundo opina sobre o noso horario e o noso traballo. Eu síntome moi afortunada por ter o traballo que teño, porque foi unha elección vocacional. Son feliz ensinando, facendo a miña pequena contribución para axudar aos nenos a desenvolver as súas capacidades, a facelos máis autónomos, concienciándoos en valores que cada día son máis difíciles de atopar na sociedade, dedicando máis tempo a aqueles que precisan un pouquiño de axuda, botándolle horas, imaxinación, ilusión e sobre todo moitas ganas. Por iso dame moita rabia o que se está intentando facer co noso oficio (digo intentando porque eu pola miña parte non teño pensado permitilo, así teña que estar día tras día explicando o meu punto de vista).

Non coñezo nin un só mestre que proteste polo aumento das famosas catro horas lectivas (exceptuando aos sindicatos, por suposto). Esas catro horas (que xa as pasabamos no colexio) o único que van facer é evitar contratar a máis profesorado para atender as necesidades dun colexio. A protesta ven porque esas horas non se van poder dedicar a deseñar outras actividades e proxectos necesarios. O señor conselleiro repetiu ata a saciedade que esas catro horas de traballo van redundar nunha mellora da calidade educativa, e a miña pregunta é: ¿como vai a mellorar a atención educativa dun neno con necesidades educativas específicas se vai ter dez ou doce mestres diferentes dándolle cada un dúas horas de clase á semana, en vez de mandar ao centro un especialista coa titulación esixida para atender correctamente a ese neno?

Outra cuestión que me parece unha tomadura de pelo son as gardas dos autobuses. Eu pensaba que o noso traballo consistía en ensinar, pero polo visto agora tamén temos que ser vixiantes e coidadores.

O que máis pena me da de todo este asunto son os nenos, que sen ser culpables de nada son os que saen máis prexudicados. Estou totalmente en contra de calquera medida que os prexudique, en maior ou menor medida, pero si que boto en falta un maior apoio por parte da sociedade en xeral, xa que o que está en xogo é algo demasiado importante como para tomalo a broma. Eu pola miña parte tentarei seguir facendo o meu traballo coa mesma ilusión do primeiro día. Se me deixan, claro.

*M.C.A.L. Este artigo foi extraído de La Voz de Arousa do 28 de Setembro de 2011

A crise como pretexto

Somos bombardeados a diario. Nas novas, na prensa, na tele.E non fai falla, porque o sabemos, tamén na rúa. Estamos en crise. Esta crise, que naceu das perversións do sistema neoliberal, supoñíase que ía servir para refundar o capitalismo, que se amosaba como inválido. Había que regular os mercados, controlar a voráxine especuladora propia dos mercados financeiros. Pero non.

Resulta que sobre aquelo pasamos de puntiñas. Resulta que á par que nos bombardean día a día coa mala situación, que é certo que vivimos, tamén se afanan en comezar o desmonte da parte positiva do sistema. Estámolo a ver ultimamente coa educación. A crise, a mil veces coreada necesidade de aforro, só se manifesta contra os servizos dos que nos beneficiamos a maioría social. Coa crise como pretexto deixan de contratar persoal na escola pública, cargan aos mestres con labores de custodia que non lles correponden, envían aos centros a profesionais de diferentes especialidades

Coa crise como pretexto tentan gañarse á opinión pública para consumar un novo atentado contra o seu benestar. Pouco a pouco, paso a paso. Silenciosamente (cando poden).

Falan de aforro pero esconden que se aforraría tanto ou máis retirando as desgravacións fiscais á escola privada. Deixando de promocionar o ensino concertado. Falan de aforro pero o aforro non se impón nas institucións das que eles se nutren, en Senados inútiles que non deberían existir e Deputacións cuxas competencias deberían revertir nas CCAA e Concellos e ser eliminadas para que non nos siga caendo a cara de vergoña ao admitir que en Galiza seguimos tendo caciques en pleno século XXI.

Falan de aforro pero o aforro que se conseguiría atallando a economía submerxida e a evasión fiscal segue sen perpetrarse. Aforro sen aforrar en gasto militar (non sería normal deixar de financiar operacións polo mundo e manter e mellorar a sanidade e a educación?), aforro sen aforrar en subvencións a medios de comunicacións afíns mentres outros morren ignorados, aforro sen aforrar en Xantares vergoñentos pagados por todos. Aforro sen afrontar que quen máis pode máis debe contribuir á caixa común e máis agora, aforro polo tanto sen reforma fiscal.

Aforro si. Pero aforremos no básico, na educación, na sanidade, nos servizos sociais. E fagámolo rápido porque xa se sabe, os Mercados non teñen a paciencia entre as súas cualidades. Reformemos a Constitución se fai falla en dous días logo de trinta anos de inmobilismo e dogma, para aforrar. Que ben soa, o aforro. Tanto que aforramos tamén nun referendum!

Nos tempos de vacas gordas os beneficios, sabémolo, foron para uns poucos. Coa crise como pretexto o aforro queren que o paguemos todos. Se non cambia moito a cousa, tan só haberá que agardar até o 21 N para comprobar as axendas ocultas dos que veñen. Aí si que vai haber aforro.

O peor é que aínda han recibir aplausos por iso.

Óscar Pardo Planas


 

Xuño 2012
L M Me X V S D
« Mai    
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.