La Voz de Arousa repasa hoxe amplamente o capítulo de inversións que recibirá, teoricamente, o noso Concello en virtude dos orzamentos da Xunta de Galicia. Resulta especialmente curioso ler como se volven a anunciar inversións en obras que se suspenderon moi recentemente. É o caso do Centro de Día (350.000 euros), que quedara en suspenso hai tan só dúas semanas e media. Ou da cuberta da piscina (381.000 euros) que hai pouco máis de un mes a Xunta decidía suspender por mor da ”política de axustes” logo de varios retrasos desde 2008. Seguir lendo
Gobernar é, certamente, elixir. No caso do cartos, trátase de xestionar o que hai nas arcas públicas de xeito responsábel e en beneficio da maioría social. Trátase de priorizar, especialmente nestes días nos que a administración se queixa de que non dispón de diñeiro para todo o que se gastaba hai uns anos.
E nun Concello ocorre exactamente o mesmo, en cada lugar á súa escala. O Alcalde, o goberno e en poucos casos a Corporación (normalmente a oposición nin pincha nin corta, como é o caso) deciden en que se invirten os cartos e como se gasta. Gobernar non só é iso, aínda que para algúns alcaldes parece que si, pero está claro que é unha das tarefas que se desenvolve.
En Cambados non sabemos moi ben a miúdo se a prioridade somos a maioría dos cambadeses ou tan só un grupo máis ou menos “selecto”de persoas. Dígoo por cousas concretas, e non por esbardallar.
Podería voltar sobre o machacado tema do Xantar do Albariño e o gasto de miles de euros anuais en que cando menos a metade dun número irracional de persoas veñan comer de balde simplemente porque son do PP. Iso xa di bastante sobre as prioridades de cada quen, creo eu.
Pero hai meses soubemos que a Deputación, a petición do Concello suponse, ía remodelar a sede dunha asociación cultural con custo cero para esa asociación e con custo 700.000 euros para os contribuíntes. Porque aínda que non o pareza os cartos que gasta Louzán non son del, son de todos nós. E para rematalo ao final resultou que por complicarse “un pouco” as obras pagaremos 1 millón de euros, tres veces a cantidade que destina o Concello de Cambados en inversións reais.
E a cousa non queda aí. Xa que se lembramos ben, recordaremos que hai unhas semanas se paralizaron dúas obras en teoría por mor da crise económica. Aclaración necesaria: a crise económica ten unha característica que non falla: é selectiva, só afecta a algunhas das cousas. Afecta á educación, a sanidade (minucias) pero non a Xantares nin a reformas de dubidosa necesidade. Neste caso era a piscina e sobre todo, o prometido Centro de Día, as que se quedaban no doce recordo das notas de prensa e dos boletín populares previos ás Elecccións.
Onte lía que para o Concello é unha prioridade cederlle o Centro de Saúde ao Sergas porque paga 50.000 euros anuais en mantemento. Non vou entrar a discutilo, seguramente que sexa mellor que o Sergas se faga cargo. Pero o mesmo Concello permite que se gaste 1 millón na Cultural. Ou que non se realice a mellora na piscina que lle ocasiona ao Concello un gasto de máis de 100.000 euros en calefacción cada ano.
E parece que tamén é prioridade do goberno local non darlle a subvención que merecen a asociacións como Caracol, que recibe un 2 sobre 5 en “transcendencia e repercusión fóra do ámbito municipal” no baremo filtrado polo BNG (é sabido que a transparencia non é prioridade no Concello de Cambados), cando acuden cada ano milleiros de nenos de toda a comarca ao IES Asorey.
E o máis chamativo, ao Concello parécelle unha prioridade seguir coa teima de construir unha praia artificial no Saco. E custoulle moito recoñecer que a prioridade no Saco era o saneamento e non as comportas. En calquera caso, priorízase a Cultural, o Xantar, fronte a obras que son moito máis que obras, son servizos sociais, como é o caso do Centro de Día, que seguirá a agardar.
Estas son as prioridades do PP. E as que nos esperan.
Óscar Pardo Planas
O voceiro do Bloque Nacionalista Galego, Víctor Caamaño, referiuse onte ao recurtes contemplados para Cambados pola Xunta. En primeiro lugar fixo mención á suspensión da renovación da cuberta da piscina, aínda que a lamenta por ser unha obra anunciada en moitas ocasións considera esta suspensión “razoable” polo momento de crise económica, aínda que non “os recortes que o PP está a facer no ensino, na sanidade ou nos servizos sociais”. En concreto referiuse ao Centro de Día, que se paraliza, mentres o Concello e a Xunta siguen adiante coas comportas do Saco e a praia artificial. “Esperpéntico”, sinala o nacionalista. (máis info. no interior) Seguir lendo
A crise está a dar pé á cancelación de proxectos que foron prometidos polo actual equipo de goberno hai tan só catro meses, cando era o momento de pedir o voto. Unha das imaxes que se apresurou a publicar o PP de Cambados foi a do antigo matadoiro -lugar onde se vai levantar o centro de día- co cartel das obras.
A pesar de que a oposición xa acusara daquela ao goberno local de electoralista e de advertir de que esa obra non se levaría aínda a cabo porque non estaba contemplada nos Orzamentos da Xunta de Galicia para este ano, o Partido Popular negou tales acusacións e insistiu unha e outra vez que o proxecto estaba realmente en marcha. Hoxe, nunha exhaustiva análise que realiza La Voz de Arousa sobre o estado do Concello, o alcalde e grupo de goberno admiten que o Centro de Día non poderá iniciarse aínda. O mesmo pasou coa piscina, cuxa cuberta haberá de agardar tempos mellores para ser cambiada. Iso si, aproveitando unha visita do presidente de Portos, o alcalde reafirmouse no proxecto das comportas do Saco de Fefiñáns. (máis info. no interior)
Seguir lendo

O Colectivo Ecoloxista do Salnés publicou recentemente un documento que redactaron para achegarlle aos partidos políticos as súas propostas relativas á conservación do patrimonio natural e mellora da calidade de vida. O documento de 16 páxinas contén un apartado de propostas xerais, para todos os Concello, entre as que se atopan unha grande variedade de medidas (urbanísticas, de uso de enerxía, de augas, de residuos, etc).
Ademais, os ecoloxistas redactaron unha serie de propostas específicas para cada un dos concellos da comarca. No caso de Cambados fan fincapé na redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que coidan debe estabelecer unha cota máxima de solo urbanizable e protexer o complexo intermareal Umia-O Grove. Ademais suxiren redimensionar a depuradora de Tragove, mellorar a desembocadura do río Umia, eliminar o proxecto das comportas do Saco ou incluso a peonalización total da Praza de Fefiñáns e accesos.
Uns consellos bastante lóxicos e razonábeis que agora haberá que agardar para ver cales dos tres partidos se comprometen a cumprir. Hai un co que poden comezar durante a campaña, xa que o CES lémbralles a todos: “De cara a campaña electoral solicitamos moderación no uso do papel”.
Documento
O voceiro do BNG en Cambados, Víctor Caamaño, declarou onte que as reivindicacións do BNG e sobre todo das mariscadoras fixeron posíbel o anuncio de Portos de Galicia de antepoñer o saneamento do Saco ás comportas. Caamaño dixo desexar que o anuncio sexa real e non “unha pura propaganda”, e lémbralle ao ente autonómico que “o saneamento total do banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns require que este volva a estar cualificado de zona B e, polo tanto , cando sexa posible a comercialización do marisco extraído do citado lugar”.
Ademais, O Bloque cre que para asegurarse de que a obra non vai xerar consecuencias negativas para o medio e para actividade produtiva, debe realizarse un estudo de impacto ambiental, tal e como reclamou a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños (dependente da propia Xunta). Víctor Caamaño entende que “non sería suficiente sanear a zona se máis tarde a colocación das comportas significan a destrución do banco do Saco”.
O Patrón Maior de Cambados, Benito González, viaxou até Bruxelas acompañado dunha mariscadora, María Xosé Martínez, para participar nun debate sobre a reforma da política pesqueira europea. O foro estaba organizado pola Consellaría do Mar e casualmente as dúas persoas que procedían de Cambados apoian o proxecto das comportas no Saco de Fefiñáns.
Alí tiveron que escoitar outra vez críticas da man da voceira do BNG en Bruxelas Ana Miranda, quen interviu para reclamar unha reforma de pesca que estea integrada cunha política marítima e do medio ambiente e ordenación litoral correcta. Ana Miranda lembrou a falla de depuración e o mal estado do saneamento das rías, a aposta pola macroacuicultura en zonas de protección litoral ou os modelos que degradan a sostenibilidade na produción, como as comportas hidráulicas en Cambados, sinalou a representante europea.
Luis Aragunde, alcalde de Cambados, fixo públicas hoxe por medio dos xornais unhas declaracións nada amistosas sobre o voceiro do BNG, Víctor Caamaño. Del dixo que está a caer en “insidias e mesmo falsidades”, que está “presionado pola liña máis dura da UPG para que radicalice o seu discurso, sexa máis agresivo”.
Segundo Aragunde, Víctor tenta “compracer aos seus xefes” e cando fala de relacións entre o proxecto do Saco e especulación urbanística na zona da Mercede quere “emporcar o proxecto”. É máis, para Aragunde a inciativa que tivera a Consellaría de Vivenda no bipartito de construir vivenda protexida en Cambados, “si que era especulación”. Menudo xeito de razoar. Agardo que o Concello algún día decida especular un pouco nese sentido e en lugar de rexeitar ese tipo de proxectos os apoie, fronte ao que fixeron co campo de fútbol da Mercede. Beneficio para quen máis o precisa fronte beneficio para os de sempre.
Como vemos o PP si é quen volve á liña de sempre, ao ataque sen ningún tipo de argumentos. Porque a rebatir as supostas mentiras do Bloque non entrou. Mentres desde o BNG presentaron documentos oficiais para desmontar as ocultacións de Xunta e Concello, o PP utiliza as descualificacións contra o voceiro do BNG. Isto demostra que no Concello están nerviosos con como calou este tema na sociedade e particularmente nas mariscadoras (lembremos que a semana pasada o alcalde e o Patrón Maior non foron quen de convencelas).
O BLOQUE DESVELA QUE UN DEPARAMENTO DA CONSELLARÍA TAMÉN TEN DÚBIDAS
Fronte a estes ataques do rexedor, Víctor Caamaño declarou que “ao PP as verdades dóenlle” e que mentiras foron as da Dirección Xeral da Consellaría do Mar cando dixeron que nunca se realizaría o proxecto sen o consentimento das mariscadoras ou que existía un estudo de impacto ambiental que ao final resulta que non había.
Ao ter acceso por fin ao proxecto das comportas os nacionalistas comprobaron como, ademais de todas as institucións que xa amosaran as súas dúbidas ao respecto, tamén a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, dependente da Consellaría do Mar sentenciou que era necesaria “realización dun Estudio de Impacto Ambiental que avalíe en profundidade o efecto que terá a xestión da comporta sobre o medio”.
O deputado nacionalista Bieito Lobeira estivo hoxe en Cambados comparecendo nunha rolda de prensa xunto co voceiro e candidato Víctor Caamaño. El explicou á prensa todas as xestións que estivo facendo estes anos para frenar o proxecto das comportas. Salientou que en 2003 nunha comisión do Parlamento sobre este tema, a Consellaría afirmou que nunca se levaría adiante unha obra sen contar co visto e prace das mariscadoras, e por suposto agora sabemos que mentiron.
Lobeira denunciou, como Caamaño, ocultismo da documentación. Como deputado galego en teoría pode acceder en menos de 30 días a calquera documento oficial, e neste tema a Xunta ocultoulle durante meses o famoso documento das oito follas nas que se demostra que o alcalde de Cambados non respondeu sobre a necesidade de facer ou non estudo de impacto ambiental e o Patrón Maior dixo que a obra sería moi positiva para o marisco.
Víctor Caamaño apuntou ás dúbidas que suscita o proxecto sobre a súa finalidade. O voceiro do BNG dixo que “en Cambados hai moito mar” , que o piragüismo pode (e xa se fai) practicarse noutros puntos, e que hai intereses ocultos sobre a finalidade daobra: o Concello apoia aos seus amigos en lugar de ás mariscadoras.
A representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, vai levar o tema das comportas a esta institución por medio dunha pregunta escrita á Comisión Europea.
Na exposición de motivos, a iniciativa recalca o feito de que Portos de Galicia obvie o estudo de impacto ambiental que se prevé nestes casos na lexislación española e salienta que a obra se realizará nun entorno onde hai actividade marisqueira que pode ser afectada porque “non se realiza o saneamento de augas residuais e fecais correcto”.
Ademais Ana Miranda sinala que a obra pode afectar ao Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Ons-O Grove porque as mareas, a falta da depuración correcta de augas residuais, realizan unha sorte de depuración natural das augas costeiras. En concreto, moitas aves protexidas do espazo da Zona de Especial Protección para as Aves do Complexo Intermareal Umia-O Grove, da Rede Natura 2000, aliméntanse na zona do Saco de Fefiñáns durante a marea baixa. Esta afectación indirecta ao LIC obrigaría a Portos a realizar o estudo de impacto ambiental.
Por todo iso, a representante nacionalista en Bruxelas plantexa as seguintes preguntas á Comisión:
Recibiu a Comisión Europea información deste proxecto que pode ter impacto sobre o LIC mencionado?
Ten a Comisión información do posíbel cofinanciamento comunitario de dita obra?
Comentarios recentes