Un proxecto de estación eléctrica no lugar de Batuqueiro está a provocar un pequeno levantamento entre a veciñanza, que mesmo artellou xa unha asociación para organizarse fronte a esta proposta de Red Eléctrica. Sobre todo, denuncian falta de información sobre o tema, e aseguran que a estación tería unha potencia de 220.000 voltios e estaría ubicada a 200 metros das vivendas de 15 familias. Ademais, as liñas pasarían por riba das fincas. Eles entenden que unha infraestrutura como esta debería instalarse nun polígono industrial, e nunca no medio das casas. Seguir lendo
O BNG de Cambados vén de anunciar o resultado da Asemblea que celebrou esta fin de semana e que tiña como motivo principal a elección do novo Consello Local, o órgano da dirección. Só se presentou unha candidatura, encabezada pola concelleira Mª Xosé Cacabelos, que recibiu un respaldo total dos militantes presentes con ningún voto en contra. Seguir lendo
Resulta cando menos paradóxico que (aínda que como de costume) a comezos do mes de Nadal sigamos sen dispoñer de información desglosada e pública sobre as contas da festa do Albariño de 2011. E van catro meses. Até o de agora a maior parte de informacións chegan por medio da oposición ou neste caso, do blog A ti meu Cambados de Xaquín Charlín (tamén concelleiro) que a contagotas van filtrando a pouca información da que podemos dispoñer. Seguir lendo
Afortunada ou desafortunadamente teño unha vida tranquila, coas súas vantaxes e cos seus inconvenientes, cos seus sobresaltos e coas pautas de tranquilidade que tamén hai, paseino ben, paseino mal, o traballo non mata , levo dentro do que cabe unha vida tranquila procurando darlle un benestar os meus fillos e sobre todo levarme ben coa miña muller que o fin e o cabo é hoxe por hoxe a razón do meu existir, pero este artigo precisamente non é para falar de min nin dos meus, senón dunha persoa a cal admiro, quero e que me fixo e fai gozar durante moitos segundos, minutos, horas, dias , meses e anos da miña vida, unha persoa que unha vez que a coñecín, a miña vida no eido espiritual e material e sobre todo musical tomou un rumbo distinto, aló polos principios do 90 e subidos a un palco diante do concello en diante de trinta ou corenta persoas, non había mais, un dia de San Roque vin tocar a cinco gaiteiros , era un grupo que se facía chamar Treixadura un nome ben raro para min posto que non son home de agro e que ven a significar algo así como “variedade de uva branca, en acios grandes e moi pechos, de bagos alongados, duros e moi doces.
Coa treixadura faise un viño excelente” hoxe xa non significa o mesmo, hoxe significa “O mellor grupo de música tradicional da historia do noso pais: Galicia”. Un destes gaiteiros facíaseme coñecido pois viñera coa extinta comparsa Unha Grande Chea no Entroido, era a primeira vez que na comparsa soaba a gaita, para min un home de Triana, este gaiteiro era o fillo de Roberto e Pitusa os do supermercado “Gesteira”, co tempo esa rapaz foi calando nas nosas vidas e cando podía sempre saia con nos. Un día os irmáns Cores, Salva e Xocas, propuxeron formar dentro da comparsa un grupo de gaitas e alí empezamos, eles, Ulloa, Montse, e mais eu en principio a coller clases dun gaiteiro que non sei como non se volveu tolo o probe home de aturarnos, porque de verdade como alumnos eramos sempre un caos a maioría do tempo que estabamos nas clases estabamos a falar en vez de practicar, pese a todo naceu para a carallada un grupo de gaitas que evidentemente cando estaba este gaiteiro soaban doutra forma, pero o fin o cabo despois de engadirse un bombeiro moi especial como Domin e o “teatral” Manolo Pillado, fíxonos tocar, que era unha cousa bastante difícil, o “culmen” tivémolo no primeira Serán Ramón Cabanillas que chegamos actuar de “”teloneiros” precisamente dun grupo xa consagrado, como era “Treixadura”.
Que tempos tan marabillosos pasamos pero vivir do pasado é estar preso nun calabozo que construímos nos mesmos e este gaiteiro ten moito futuro. Haber aprendido a a “darlle pausazos” o tamboril o seu carón para min foi unha das cousas mais marabillosas, aparte obviamente das familiares, que me puideron pasar na miña vida.
É tal a miña admiración por el que non vexo na música mais ala de Treixadura seguramente é unha eiva para os demais, para min é pasar intres vivindo na gloria cando os escoito, ata unha vez díxome Manu Fariña “Chon hai música mais aló de Treixadura”. Unha vez o coñecín mais a fondo a este fenomenal gaiteiro a miña admiración por el medrou, a súa sinxeleza e a súa modestia adornaban a súa grandeza como persoa, é ben certo que ten o seu lado unha muller que ven a ser un complemento perfecto aparte de ser tamén unha gran experta músical, adornados por dous rapaces encantadores que semellan dous anxos baixados do ceo expresamente para tocar a gaita.
Un gaiteiro ademais que non puxo peros para comprometerse coa súa terra pois leva o nacionalismo no corazón. Maña cumpre 40 anos e aínda que algúns “ignorantes e feridos e duros, imbéciles e escuros” non saiban apreciar a súa calidade musical como mestre, para a maioría dos mortais este gaiteiro foi un regalo dos deuses celtas que deixaron caer o 29 de Agosto de 1971 neste marabilloso pobo de Cambados que el tamén sempre leva dentro da súa funda da gaita a onde vaia tocar.
Grazas amigo Xaquín por meternos nos nosos corazóns ese gaita que tantas veces nos fixo rir e tantas nos fixo chorar, grazas por formar parte da miña vida, grazas por facernos amar un pouco mais a nosa terra, grazas por abrirnos os ollos as nosas tradicións, grazas por agasallarnos a túa amizade e grazas por facernos a vida un pouco mais levadeira sobre todo nestes últimos anos, se a miña vida fora unha película ti sen dúbida algunha serias autor da música.
Adorna este Artigo un debuxo doutro gran artista Tomas Caula , outro mais de tantos e tantos admiradores que tes. Felicidades anticipadas Xaquín de corazón e deséxote que pases este día en paz amor e felicidade rodeado dos teus e dentro de moitos anos quizais os meus netos ou bisnetos vexan a estatua dun gaiteiro o lado da don Ramón Cabanillas e digan con orgullo “Ese gaiteiro foi amigo do meu avó”. Unha aperta amigo.
Xaquín Charlín. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguilo no seu blog, A ti meu Cambados
Onte tivo lugar o seu acto central na de Peña. Un mitin ateigado de xente (máis de trescentas segundo La Voz de Arousa) que deixou relucir a un Víctor Caamaño espléndido, cómodo e cun discurso completo. E tamén a uns oradores novos, como Manuel Fariña e Almudena Castro, e outro non tan novo (como Chon), cos que cada frase que pronunciaron nos seus pequenos discursos se converteu automaticamente en aplausos na nave de Peña, con eles o mitin xa estaba feito.
E para este venres, a partires das once, o BNG ten planeada unha festa de peche de campaña. Será no Pub A Pera (Rúa Pontevedra) e haberá música de variados tipos, tanto tradicional como moderna (a cargo de Skalopendra). Víctor Caamaño fará unha pequena intervención xusto antes das 12, hora na que finaliza esta campaña electoral.
[E hoxe no mesmo Salón Peña terán o seu acto central o PSOE de Cambados ás 21 horas]
Será a partires das 21 horas na nave de Peña. Intervirán no acto Montse Prado (secretaria de Organización do BNG), Bieito Lobeira (deputado no Parlamento Galego) e Víctor Caamaño (candidato á alcaldía de Cambados).
Ademais, presentarán o acto Almudena Castro, Manuel Fariña e Xaquín Charlín (Chon), membros da candidatura. Participa tamén o gaiteiro e candidato do Bloque, Xaquín Xesteira.
O BNG anima a todos os cambadeses a asistir ao seu acto central, no que seguirán espallando as súas propostas para o vindeiro goberno municipal.
O Bloque Nacionalista Galego de Cambados vén de publicar un novo vídeo na súa canle de Youtube. Desta volta os nacionalistas presentan as liñas mestras do que ten que ser o urbanismo a partires do 22 de Maio. Fronte ao modelo de especulación e de improvisación que permitiu no goberno o Partido Popular, Víctor Caamaño propón humanizar as rúas do casco histórico, promovendo os usos peonís e limitando a velocidade dos vehículos no núcleo urbano.
Ao comezo do vídeo os candidatos Ernesto Falcón e Xaquín Charlín (Chon) contrapoñen o modelo do BNG co destes anos, exemplificado na falla de aparcamento, na obsesión por unha praia ou na especulación cos terreos da Mercede. O urbanismo, di Víctor Caamaño ao final do vídeo, ten que estar planificado e para iso o BNG propón un Plan Xeral de Ordenación Municipal para que Cambados teña futuro urbanisticamente.
Na páxina web de Unha Grande Chea publican hoxe, 28 de Decembro, o primeiro tramo da candidatura municipal do Partido Popular de Cambados. Din desde a asociación que o partido do goberno celouse do anuncio que fixo esta semana o BNG e decidiu publicar os nomes destas seis inocentes fichaxes.
Ocuparía o primeiro posto, como cabía agardar, o alcalde Luís Aragunde, e o resto da lista serían sorpresas inesperadas. O segundo de abordo, e nunca mellor dito, sería o patrón maior Benito González, que como recordan en UGCH ten unha importante traxectoria desde concorrer polo Bloque hai anos até a situación actual. O número tres sería o membro da citada Asociación Domínguez, que se situaría nese posto para equilbrar a presenza do Presidente, Xaquín Charlín, na lista nacionalista. De seguido iría Pepe Daporta, que fora nas listas do PSOE, Olga Costa (non vaia ser que lle toque novamente a lotería e se lle ocorra desta vez donalos cartos a PP para sufragar os gastos da campaña) e de sexta a “desterrada” Anabel Carro, a única ademais de Aragunde en repetir nunha candidatura do PP.
Estaríamos agora á espera de que fontes do partido conservador ratifiquen a lista. Máis información en Unha Grande Chea.
Hoxe á tarde tivo lugar na sede do BNG a presentación dos seis primeiros postos da candidatura do Bloque Nacionalista Galego de Cambados para as eleccións de Maio de 2011.
Víctor Caamaño, portavoz da formación e anterior candidato, repetirá como alcaldábel e farao acompañado da tamén concelleira e responsábel local do BNG María Xosé Cacabelos. Como número tres aparece o presidente de Unha Grande Chea, Xaquín Charlín (Chon) e como 4 Ernesto Falcón. Os seguintes postos son para Teresa Prado Cores e Josefina Cores Oubiña (podes ler máis adiante un pequeno resumo biográfico dos candidatos).
Caamaño salientou que esta non é unha lista “para saír do paso, nin moito menos”, senón que é unha candidatura de ascenso electoral. Un equipo preparado para rematar cun goberno Popular con “aires antidemocráticos” e baseado na axuda aos seus e en principios electoralistas.
O candidato a alcalde polo Bloque destacou que o traballo deste partido foi regular durante os catro anos de lexislatura.
Un dos eixos de goberno que levará o BNG ás eleccións de Maio é a da aposta pola mocidade deste Concello, xunto coa de que o Goberno Local sexa un axente dinamizador da economía.
Caamaño admitiu que un Concello non pode condicionar en moita medida os indicadores economicos, pero si, dixo, sanear os bancos marisqueiros para beneficio dos traballadores do mar (en clara referencia á polémica do Saco de Fefiñáns destas semanas), ou apostar por un Polígono Industrial non especulativo, a diferenza das políticas dos conservadores. Tamén prometeu apoiar de verdade ao comercio local e non limitarse a “facer catro rifas no Nadal”, por exemplo amosándose en contra da área comercial de Vilanova que os comerciantes da comarca rexeitan de plano. Ou poñéndose do lado das traballadoras en casos como o de Alfageme.
En resumo, Víctor Caamaño amosouse ante a prensa ilusionado e convencido de que o BNG é a única alternativa en contraposición ao goberno do Partido Popular.
Tanto Caamaño como o responsábel comarcal (terceiro pola esquerda na foto) comunicáronlle á prensa que serán informados conforme vaian publicando os nomes que faltan por saber da candidatura (once postos máis e suplentes).
OS CANDIDATOS – CURRÍCULO
Víctor Caamaño Rivas. Veciño de Cambados, traballa no ensino secundario (IES Asorey, onde foi director e xefe de estudos). É concelleiro e voceiro do BNG nesta lexislatura. É a súa segunda vez como candidato.
Milita en grupos ecoloxistas, foi vicepresidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés e é autor de diferentes publicacións no ámbito da educación e da divulgación da ecoloxía e da natureza.
María Xosé Cacabelos. Veciña de San Tomé. Tralla como mariscadora (vicepresidenta da Asociación de mariscadoras a pé) e é fundadora e presidenta da asociación Guimatur. É responsábel local do BNG e concelleira.
Xaquín Charlín González (Chon). Veciño de Fefiñáns. É funcionario xudicial e Delegado da CIG Xustiza. Voceiro da plataforma Queremos Galego no Salnés, directivo do CJ Cambados, membro do Consello Escolar do IES Cabanillas, colaborador da Escola Municipal de Teatro e presidente da asociación Unha Grande Chea. Foi membro da Compañía Caracol de teatro e directivo fundador do Xuven.
Ernesto Falcón Padín. Administrativo de profesión vencellado ao sector da construción. Foi vicepresidente da Sociedade Cultural e vinculado ao mundo do ciclismo. Foi vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo e desde o ano 1992 directivo da Federación Española de Ciclismo.
Teresa Prado Cores. Veciña de Oubiña. Milita desde hai máis de vinte anos no Bloque Nacionalista Galego e actualmente é vicerresponsábel local. Colaboradora de diversas asociacións na parroquia, actualmente directiva na Asociación de Veciños de Oubiña.
Josefina Cores Oubiña. Veciña de Vilariño. Traballa como Directora Comercial dunha compañía de seguros. Colabora en diferentes labores asociativos, é secretaria da Asociación de Veciños de Santa María de Besomaño e da Asociación Músico-Cultural de Ribadumia.
Podes opinar sobre este e outros temas no libro de visitas de CTK
O luns pasado tiña lugar en Cambados un incidente desagradable ainda que non inesperado. Unha señora que tranquilamente paseaba preto das inmediacións da Torre de San Sadurniño en Santo Tome-Cambados, foi brutalmente atacada por dous cans da raza bóxer que andaban soltos pola rúa. A actuación das maricasdoras que se atopan traballando no Sarrido salvoulle a vida así como a actuación dun vixiante da confraría.
Esto é resumido o feito en si, pero é convinte analizar o porque e as consecuencias do mesmo. Primeiramente parece ser e así está datada pola Protectora de Animais de Cambados, que non é a primeira vez que estes cans atacan a xente, concretamente noutro ocasión tamén atacarón a uns nenos sen que resultaran lesionados, primeira imprudencia por parte dos seus donos deixar a dous animais considerados perigosos soltos e sen boceira, imprudencia de carácter grave que nesta ocasión tivo consecuencias gravísimas sobre todo a pobre señora que tivo que ser internada no Hospital do Salnés.Despois a seguinte imprudencia grave por parte dos seus donos é ter uns cans considerados de raza perigosa e o parecer sen asegurar, e a terceira imprudencia é ter os cans soltos e nos estar nas inmediacións ou xunto os mesmos.
Preguntámonos, Quen son os encargados neste caso de se cumpla a legalidade vixente?, coidamos que a Policia Local de Cambados neste caso debe ser a encargada de que se cumpra a normativa legal que existe neste Concello con respecto os cans perigosos. Foron multados os donos na primeira agresión? Serán multados os donos nesta segunda agresión? Son dúas preguntas que deixamos no aire, sen prexuizo das accións xudicias que poida tomar a señora contra dos donos dos cans.
O que si está claro e que hai unha persoa desgraciadamente prexudicada cunhas lesións que poideron ocasionarlle a morte además do trauma psicolóxico que se lle pode ocasionar a esta muller. Se non estiveran alí as mariscadores que houbera pasado?. O que tamén está claro é que a Policía Local de Cambados ten que tomar cartas urxentemente no asunto, porque neste pobo os donos dos cans campan ás súas anchas.
A modo de exemplo o outro día viña un señor cun dogo argentino, raza sumamamente perigosa, atado pero sen boceira, eu chameille a atención e díxome que era unha cousa que non lle incumbía, díxenlle que como seguira con el así pola rúa iba a chamar a Policía Local. Outro exemplo é que un amigo meu non é a primeira , nin a segunda, nin a terceira vez que é agredido por uns cans propiedade dunha señora na zona dos Caeiros cando ía a traballar, e así podiamos contar centos de exemplos.
Estamos fartos destas actitudes e que os donos sempre nos digan “Os cans non morden”, os cans son animais e claro que morden se non se teñen nas debidas condicións que sinala a lei e senón son coidados debidamente. A todo esto sen entrar nas innumerables defecacións caninas que atopamos se damos unha simple andaina polo paseo marítimo de Cambados. Os donos son ou deben ser responsables dos seus cans, senón que non os merquen, e a Policía Local debe poñerse máis “ao loro” a hora de facer cumprir a normativa vixente, e que non tomen os axentes como unha crítica senón mais ben como un recordo.
Xaquín Charlín “Chon” é presidente da Asociación Unha Grande Chea. O artigo foi tomado prestado da súa web.
Comentarios recentes