Víctor Caamaño, voceiro do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, envía a seguinte nota de prensa:
“Ignorancia e incompetencia municipal
O Servizo Provincial de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza deu orde de paralización da Telleira do Facho, en Castrelo, que estaba sendo rehabilitada polo Concello de Cambados. Esta actuación de Patrimonio demostra unha vez máis a incompetencia do goberno do PP na xestión municipal e deixa claro que non solicitou o permiso pertinente para actuar sobre unha edificación protexida pola normativa vixente.
Este tipo de edificación está protexida pola Lei de Patrimonio Cultural de Galiza que é unha normativa de rango superior ás Normas Subsidiarias de Cambados e que, polo tanto, non se pode obviar cando se debe realizar unha actuación como esta. O Goberno Municipal do PP non pode establecer normas para Cambados ao marxe das vixentes para toda Galiza.
Ademais, a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, é posterior ás Normas Subsidiarias de Cambados polo que estas últimas deberían estar actualizadas conforme á lei de rango superior.
Víctor Caamaño, como portavoz municipal do BNG, entende que non houbo intención, desde o goberno municipal do PP, de ocultar o proxecto de rehabilitación da telleira á Dirección Xeral de Patrimonio e que este tipo de actuación é debida á ignorancia a cumprir a normativa que rixe para todos e todas os demais cidadáns, pero que en ningún caso esta ignorancia pode ser perdoable nin está xustificada nun concello onde, ademais, non faltan asesores de todo tipo.”
Para participar en Cambados(tk) tes varias opcións: podes deixar unha mensaxe no libro de visitas, ou podes comentar directamente en cada un dos artigos. A primeira vez que o fagas o teu comentario terá que ser aprobado. Ademais o correo segue aberto a todos. a dirección é cambadostk (arroba) gmail.com.
Comezan os actos de campaña en Cambados con este Mitin do Bloque Nacionalista Galego na Sociedade Cultural o vindeiro Luns de Febreiro, ás oito e media da tarde.
Falarán Víctor Caamaño, voceiro municipal, Montserrat Prado, candidata 7 por Pontevedra, Teresa Táboas, cabeza de lista da provincia e Anxo Quintana, candidato á presidencia da Xunta de Galicia.
Desconfiemos do voto emigrante porque, máis unha vez, non contará cos requisítos mínimos que supón o exercer o dereito a votar en calquera democracia do mundo. Pero desconfiemos aínda máis dos dous partidos políticos do Estado, tanto PSOE como PP, que un antes e outro agora veñen perpetuando un sistema fraudulento que pon en seria dúbida a lexitimidade de todo o noso proceso electoral. E por conseguinte ás nosas institucións. Porque que pasaría se o 1 de Marzo se produce unha vitoria axustada en Galiza e o voto da emigración cambia o resultado? Cal será a lexitimidade do novo goberno?
Os dous son culpábeis, dicía, porque os dous gobernan ou gobernaron, tanto na Xunta de Galicia como no Gobierno de España, e se aproveitaron desta “axuda” porcentual nos escrutinios que supón que o partido que nese momento estea no poder acada unha abrumadora maioría dos votos do exterior. E alí onde se exerce o voto non só non se fai en urna, senón que vimos comprobando elección tras elección que se pode votar sen acreditar identidade (é dicir, uns poden votar por outros) e mesmo se pode votar estando xa morto!
Nestes comicios cambia diferencialmente a cousa, os cidadáns que forman parte desde censo de residentes ausentes terán que acreditar identidade para votar (ou DNI ou pasaporte) xunto ao seu sobre. Decidiuno hoxe a Junta Electoral Central, tras desestimar un recurso do Partido Socialista, que se opoñía a esta mínima garantía democrática.
Pola súa parte o PP demanda con vehemencia unha reforma deste voto, sinxelamente porque vai ser desta volta o PSOE quen se leva a mellor parte (sobre o 65% dos votos), sabémolo todos porque as cousas que están amañadas xa se saben de antemán. E cando cambien as tornas: o PSOE pedirá garantías e o PP frotarase as mans coas perspectivas desa votación.
Reformar o voto emigrante é totalmente necesario, dino todos pero non son todos quen o levan a cabo na práctica parlamentaria. E non o fan porque ese voto supón un 14% dos que temos dereito a votar nas vindeiras eleccións: 334.000 posíbeis votos.
¿E por que precisamente tanto afán agora do PSOE para poñer trabas a un voto democrático na emigración? Non é porque queiran simplemente máis vantaxe fronte ao PP, xa que saben que este partido levará sobre o 35% dos votos.
Probabelmente teña razón Anxo Guerreiro cando afirma que o que teme realmente o partido de Touriño é á suba do BNG en marzo que os situaría nunha mellor posición de cara á negociación do futuro goberno. E como sabemos tamén que o BNG só acadará un 5% dos votos na emigración, aproximadamente, é nese campo -inmoral pero aínda legal- onde os socialistas queren xogar a “súa” vantaxe.
E os nacionalistas, que?. Pois como no vídeo electoral de Quintana, outra vez sós contra o Imperio.
O xornal gratuíto do Salnés -Aturuxo- recolle na súa edición dixital un artigo escrito por Pedro Francisco San Miguel, membro de Galicia Bilingüe e candidato nas municipais polo Partido Popular, no cal dá resposta ás manifestacións que facía ao seu respecto Xaquín Charlín, presidente de Unha Grande Chea, no mesmo xornal o mes pasado. Nese artigo, Chon falaba da precaria situación do galego na Xustiza e relacionaba á asociación Galicia Bilingüe co Partido Popular, engadindo que o seu máximo valedor en Cambados é o señor San Miguel, número 17 na lista conservadora. Ademais declaraba que Galicia Bilingüe é sinxelamente unha asociación contra o galego. O interesante do asunto é que o texto de San Miguel remata pedíndolle ao presidente de Unha Grande Chea a celebración dun debate público no medio que el queira. Neste tempo no que os debates están de moda…veremos a Chon enfrontarse aos suposto “bilingüistas” cara a cara?
O voceiro do Bloque Nacionalista Galego de Cambados, Víctor Caamaño, denunciou a falta de dirección técnica que padece a obra de restauración da telleira situada no lugar d’O Facho, en Castrelo. A “telleira desvirtuouse, estragouse e atentouse contra os valores arquitectónicos e etnográficos que posúe.”
Segundo os nacionalistas non se están a respectar as formas e os materiais orixinais, o cal resulta grave cando hai actualmente documentación escrita e gráfica sobre estas edificacións, así como xente que traballou nelas e coñece como eran cando funcionaban.
Víctor Caamaño anunciou tamén que o seu grupo informou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia sobre a “restauración” que se leva a cabo en Castrelo. Ademais exculpa aos traballadores da Escola Obradoiro, que “levan meses traballando con moita ilusión e dedicación neste proxecto e limparon, recuperaron o espazo e os materiais e investigaron pola súa conta na procura de información”.
Imaxes que envía o BNG para probar o que denuncian: por un lado o aspecto dunha telleira no seu tempo e por outro as actuais obras de restauración da telleira n’O Facho.
Galicia Hoxe publica unha entrevista co filólogo cambadés Francisco Fernández Rei, o membro máis xove da Real Academia Galega. Fernández Rei está participando este ano na preparación de eventos relacionados co Ano Cabanillas, xunto ao cambadés de adopción Luis Rei. Ambos coñecen e estudaron a figura do poeta cambadés moi de perto. Curta pero interesante entrevista.
Foto e nova tiradas do diario Galicia Hoxe
Hai semanas escribía sobre a campaña que medios como La Voz de Galicia levan a cabo contra a acción do nacionalismo no Goberno Galego. Onte publicábase neste medio que a Vicepresidencia da Igualdade e de Benestar convocou no DOG do martes pasado 271 prazas de emprego público para funcionarios de galescolas (176), Consorcio en xeral (10) e centros de día (85). Faino cunhas elección convocadas para dentro de pouco máis de un mes. E fai mal.
Hai que dicilo, do mesmo xeito que protesto cando o Concello xusto antes das eleccións saca unhas corenta e pico prazas para facer fixos a parte desa rede de persoas que con tanto esforzo texeu durante moitos anos na nosa vila, tamén o fago para contar a quen le isto que non me parece correcto o que fai o departamento de Anxo Quintana, independentemente do que opine da xestión do BNG durante estes tres anos e medio.
Independentemente de que empregue esta convocatoria porque é necesaria para un mellor funcionamento da Consellaría e dos servizos que presta á cidadanía galega, como de que a empregue para o que o acusa Alberto Núñez Feijoo nos medios: facer fixos a simpatizantes nacionalistas por se acaso o resultado do 1M non é o agardado. Cae de caixón que esta última posibilidade me parecería realmente grave.
Independentemente, porque para min non é moralmente axeitado facelo porque non creo que sexa de necesidade urxente este tipo de convocatorias, sempre xusto coincidindo en época electoral: resulta ben curioso. Iso si, tampouco creo que sexa o candidato do Partido Popular en Galiza o indicado para darlle ao líder do Bloque Nacionalista Galego leccións sobre ética no goberno.
Todos sabemos que se facía nos gobernos de Manuel Fraga, como se contrataba e cales eran os méritos necesarios para acceder a un posto na Xunta. E hai que lembralo, non hai tanto Núñez Feijoo era vicepresidente (casualidade!, igual que Anxo Quintana) do Goberno Galego, daquela comandado polo hoxe senador Fraga.
E non sei se esta nova forma parte do acoso e derribo que practica o grupo La Voz desde hai meses contra todas as iniciativas que parten da ala nacionalista da Xunta (Dependencia, Normas do Hábitat, Plan de Vivenda, Concurso Eólico, etc). Non o sei, pero si sei que neste caso o BNG equivócase nas formas. E agardo que non o faga no tamén no fondo.
A cambadesa Rosa Oubiña Solla, tenente de Alcalde na lexislatura anterior e actual deputada do Partido Popular, ten moi difícil a súa reelección nas vindeiras autonómicas. Na listaxe de candidatos que publicou na súa web o PP, Rosa Oubiña aparece no posto número 12, sendo 10 os deputados que obtivo esta formación pola circunscripción de Pontevedra en 2005.
Xa daquela a cambadesa quedara fóra da Cámara logo de que o escrutinio do voto emigrante confirmara o escano en disputa para o PSdeG, escano que concedería a maioría absoluta tanto ao PP (que sumarían 38 con Rosa Oubiña) como para o bipartito (PSdeG e BNG), para quen finalmente foi.
Finalmente a ex-Tenente de Alcalde accedeu a un posto parlamentario tralo falecemento do seu compañeiro de filas e ex-Conselleiro, José Cuíña no Nadal de 2007.
Agora, coas primeiras enquisas en man, e cun PP á baixa, é moi doado que Rosa Oubiña non acade ese posto.
Nos outros dous partidos, o Bloque Nacionalista Galego presenta á actual Delegada da Consellaría de Innovación e Industria, Montserrat Prado Cores, no posto número 7 (o BNG logrou 4 deputados nesta provincia en 2005) e o PSdeG-PSOE inclúe a Rafael Blanco Guerrero no número 19 (obtivo 8 nos pasados comicios).
Polo tanto Cambados perde en principio a representación que tivo durante as últimas lexislaturas, con
Francisco Trigo (BNG) até 2005, e Rosa Oubiña na metade desta. Aínda que unha hipotética renuncia das persoas que ocupan os primeiros postos das listas podería dar entrada a Rosa Oubiña ou a Montse Prado
(sempre e cando esta non repita como Delegada de Industria no futuro Goberno), se ben no caso de Rafael Blanco semella moi complicado polo posto no que se atopa.
Mañá pola tarde, familiares de nenos autistas da nosa comarca reuniranse coa máxima representante da Consellaría de Eduación para solucionar o conflito aberto polo hipotético translado dos seus nenos a outros colexios.
Actualmente son seis os nenos que acoden ao Colexio d’A Lomba en Vilagarcía onde son atendidos por persoal da Asociación BATA. Até o de agora esta aula especializada acadou bos resultados segundo a versión que nos ofrecen os familiares reunidos na plataforma Por Dereito. Pero o borrador do Decreto da Atención á Diversidade sostén que os nenos estarán atendidos en colexios ordinarios poñéndose a súa disposición un profesor funcionario se así se requerise.
Os pais coidan que o persoal de BATA é o máis indicado para continuar con este labor porque é o único especializado na comarca, e a formación de novo persoal conlevaría un bo tempo de demora. Por iso piden que os seus fillos poidan seguir asistindo a A Lomba como até o de agora.