Aínda que os cambadeses acostuman facerse de rogar e ser bastante impuntuais (esta ocasión non foi unha excepción) o certo é que o mitin do BNG que rematou hai escasamente unha hora colleitou un importante éxito de afluencia.
Os nacionalistas conseguiron encher o local e tornar o seu tradicional ambiente máis ben frío nun momento cálido e agradábel. O acto foi diferente ao que nos teñen acostumados os partidos: os oradores falaron ao nivel do chan e rodeados polo público, que sentaba a escasos centímetros deles.
Comezou o voceiro local do BNG, Víctor Caamaño, referíndose ao traballo que desenvolveron as Consellarías dirixidas por homes e mulleres nacionalistas e que afectaron a Cambados, como o Plan Sectorial de Vivenda, a participación de Vicepresidencia en diferentes entes sociais na vila, como o CIM ou a gardería, a finalización da parcelaria nas parroquias baixo a dirección de Medio Rural, ou o apoio aos comerciantes e ás actividades relacionadas co turismo, e en especial á Festa do Albariño, por parte de Innovación e Industria.
E foi precisamente a até agora Delegada Provincial desta Consellaría e candidata a deputada, Montse Prado, a que desenvolveu a defensa do BNG como o ùnico partido transformador do panorama.
Seguiuna a Conselleira de Vivenda e Solo e cabeza de lista por Pontevedra, Teresa Táboas, que arrincou os aplausos do público na súa referencia á autopista AP-9 ou na súa explicación de cal era o motivo que había para perseguir unha utopía: seguir avanzando.
Pechou o acto o candidato á Presidencia da Xunta de Galicia e actual Vicepresidente, Anxo Quintana, que apelou a todos os cidadáns, nacionalistas ou non, a apoiar ao seu partido o 1 de Marzo, xa que segundo el o Bloque Nacionalista Galego é o único que vai tomar as decisións sen preguntarlle a ninguén máis que aos cidadáns galegos, e é o único que ten como obxectivo servir aos intereses deste país.