Que chova mañá en Compostela, aproximadamente a iso das doce do mediodía. Para os que vivimos aquí, polo menos de xeito parcial, non suporá unha novidade, e moito menos este ano. E nada mellor que un boa choiva galega e ben fresca para recibir a primeira manifestación de Galicia Bilingüe, estratexicamente situada no escenario preelectoral.
Pero que chova non para ver como se mollan e sentirnos mellor; eu polo menos non me sentirei moito máis afortunado con esa estampa: que chova para que sintan o que moitos sentimos e sobre todo o que moitos sentiron durante anos e anos de loita para conseguir unha lingua normalizada a todos os niveis. O que sentimos/sentiron como choiva en manifestacións, literalmente, e tamén como choiva figurada.
Esa era a peor parte que lles tocou aos loitadores polo galego, a de contemplar un país anormal, un país que aínda hoxe permite que calquera se levante pola mañá e lle custe un bo rato sintonizar unha emisora no idioma propio (si, por máis que lle doa, o galego é o idioma propio de Galicia!), ou que saia á rúa e só teña ao seu dispor un xornal diario en galego (e onde o hai), ou que encenda o televisor e só conte cunha canle normalizada, ou que vaia á faculdade e non escoite durante os anos de estudo unha lección no seu idioma.
Esa é a choiva que milleiros de compañeiros soportaron durante todos estes anos, e que aínda seguimos a padecer neste país anormal. E agora padeceremos durante non sabemos canto a choiva dos que dicíndose galegos -e bilíngües!- pretenden segregar aos cativos segundo idioma, pretenden eliminar os pequenos avanzos que se deron para poñer o galego nas institucións, pretenden até facernos crer que o galego non é a lingua de Galicia!
Pois que o domingo polo menos sintan a choiva. A literal, porque quizais a algún lle servirá para refrescar as súa cabeza fechada (serán os menos por suposto) e a figurada, que ogallá a sintan, a dunha maioría social do país que, sendo galego ou castelanfalante, está orgullosa da nosa lingua e lle gusta que teña unha presenza normal a todos os niveis.
O dito, unha de chuvia fría para o domingo por favor.