Coa sinatura do acordo de goberno PSdeG-PSOE/BNG en xullo de 2005, determinouse que a Presidencia da Xunta estaría ocupada por Emilio Pérez Touriño. Ademais, os socialistas desempeñarían tarefas de goberno nas áreas de Educación, Sanidade, Pesca, Traballo, Economía, Política Territorial e Medio Ambiente. O peso no bipartito do PSOE é certamente superior que o do seu socio, tal e como lle corresponde polo número de escanos obtidos (25 fronte a 13). E é que as eleccións de Xuño de 2005 supuxeron a volta do socialismo á segunda forza política do noso país, lugar que ocupara o Bloque desde o sorpasso do nacionalismo liderado por Xose Manuel Beiras en 1997.
Os socialistas galegos, polo feito de ter ao seu cargo unha cantidade maior de responsabilidades de goberno tamén deben ser valorados cunha maior rigurosidade e esixencia.
En termos xerais, se ben a parte socialista do Goberno Galego introduciu un cambio nas formas, feito palpábel no número de comparecencias do Presidente no Parlamento ou nunha maior transparencia en todos os procesos, non foi moito máis alá desde cambio meramente superficial, de caras, ou cosmético.
Algunhas Consellarías da Xunta dirixidas por socialistas limitáronse a xestionar o legado do Partido Popular e non acometeron os cambios estruturais que reclamaron os cidadáns nas urnas aquel 19X e que o socialismo prometera.