Cando o Bloque Nacionalista Galego accedeu en 2005 ao Goberno Galego, convertiu un momento histórico en dobremente especial: por un lado o acordo de goberno co PSdeG-PSOE rompía con dazaseis anos de goberno do Partido Popular e Manuel Fraga e por outro supoñía a entrada do nacionalismo galego por primeira vez na historia no goberno nacional.
Momento histórico que moito tempo levaban galeguistas e nacionalistas soñando con ver e loitando por conquerir. E para o BNG iso supoñía non só un reto, senón tamén a máis grande responsabilidade que tiña afrontado.
Cabe destacar, antes de centrarnos no que fixo ou deixou de facer este partido desde que comezou a lexislatura, a importancia que tivo o ter presenza na Xunta para o BNG. O Bloque Nacionalista Galego ten sufrido nestes últimos anos grandes cambios, algúns obrigados polo novo rol da organización na política do país, e outros impulsados polas persoas e colectivos que dirixen o BNG dende o relevo de Xosé Manuel Beiras.
Eu valoro que o BNG ten madurado, na súa presenza social e institucional, quizais como consecuencia da responsabilidade de cogoberno. Pero este cambio a nivel interno ten sombras como poden ser unha viraxe da fronte cara comportamentos máis propios dos partidos clásicos.
Un exemplo disto pode ser o fin das asembleas nacionais por voto directo dos militantes pasando ao sistema de delegados que agora comparte con outras organizacións, e que baixo o meu punto de vista alonxa a esta forza dunha democracia interna da que antes podía presumir e que agora pode verse facilmente controlada desde grupos que, se ben son hexemónicos no decisorio, non representan unha maioría da militancia.
E non vou entrar máis en cuestións internas, que son competencia dos militantes desta organización, aínda que coido que era preciso dar conta polo menos a modo de introdución dos cambios que hoxe atravesa a formación liderada por Anxo Quintana.
Nestes tres anos e medio, o Bloque ostentou responsabilidades de goberno nas áreas de Medio Rural, Vivenda e Solo, Innovación e Industria, Cultura e Igualdade e Benestar, sendo o portavoz nacional da fronte o Vicepresidente da Xunta.
O BNG ten conseguido durante este tempo facer algo que moita xente cría imposíbel: que a percepción xeral da cidadanía sexa que os nacionalistas non son tan minoritarios na Xunta. O BNG non está a ser fagocitado electoralmete polo PSdeG-PSOE, como parecía que podía ocorrer, conta cun electorado diferenciado e logra proxectarse desde o Goberno como, cando menos, unha parte vital do mesmo.
E eu creo que en termo xerais a xestión do Bloque Nacionalista Galego foi, non só satisfactoria, senón tamén foi unha política diferente. Quizais hai moitos tradicionais votantes do BNG que se viran decepcionados pola pouca rapidez dos cambios e non nego que ás veces esa foi a miña propia posición, mais tamén é certo que se nos paramos a pensar nas iniciativas de calado ou nas iniciativas que supoñen cambios fronte ao anterior que se tiveran lanzado desde este Goberno bipartito, estou seguro de que esas iniciativas que se nos poidan ocorrer foron, nunha aplastante maioría, impulsadas polo nacionalismo na Xunta.
Tan só hai que observar as novas políticas de Vivenda, ou Industria, departamentos que na era Fraga estaban baleiros de proxectos, e que hoxe poden presumir de ter presentado plans tan ambiciosos e necesarios como o Plan Sectorial de Vivenda, que no noso Concello, por poñer un exemplo, suporán a creación dunhas 140 vivendas a prezo tasado, ou o Concurso Eólico, que á vez que planifica o futuro enerxético do país provocará un beneficio económico directo para os galegos, que sempre fomos exportadores de enerxía e vimos as nosas terras asulagadas e os montes inzados de muíños a cambio de nada.
Ou en política social a posta en marcha dun auténtico Sistema Galego de Benestar, e un Consorcio de Servizos sociais que aglutina a 256 concellos galegos e que permite poñer en común toda clase de servizos públicos de calidade. Vimos ao pricipio da lexislatura a creación das Galescolas, garderías públicas para nenos de 0 a 3 anos, ou a rede de Centros de día, o Servizo de Transporte Adaptado ou o programa Xantar na casa.
A aplicación da Lei de Dependencia tamén é positiva aínda que quizais se aprecia demasiada lentitude no seu desenvolvemento.
En Cultura asistimos á creación das Seleccións Deportivas nacionais, e a diversos programas para a rehabilitación da Memoria Histórica e a proxección da cultura galega no exterior. Tamén é certo que neste punto se observaron erros como o dos famosos mojitos da Habana, pero coido que foi inxustamente aproveitado para cuestionar o feito de que Galiza conte no escaparate cultural mundial. De igual xeito botouse de menos un maior valentía para afontar o desafío que supón unha Cidade da Cultura que o BNG non cría adecuada.
E ollemos a Medio Rural, área na que asistimos a un bo camio de mentalidade: xa non se conceden subvencións para que se abandonen as explotacións do rural, agora apóiase a quen quere traballar nelas. E o Banco de Terras (BanTeGal) é un bo exemplo diso, un organismo que permite o arrendamento de terras para o seu traballo que conta coas garantías dun banco público.
Obviamente non todo foron rosas no camiño do nacionalismo na Xunta, tamén houbo algunha que outra espiña que cómpre retirar para atraer a esa xente que hoxe sigue integrando a un colectivo importante: os que votan BNG por eliminación. Acontecementos como o dos contratos de Vicepresidencia na precampaña, os gastos innecesarios como os de Cultura na Habana ou unha propaganda institucional que quizais foi nalgúns casos esaxerada, teñen que ser borrados do facer gubernamental do BNG.
Só así poderá atraer novos votantes, como xa está sucedendo, e non perder ao seu electorado natural: a esquerda galega.
Felicitote pola túa análise das formacións políticas. Segue así.
Un saúdo.