//
arquivo

Archive for

Rosa Oubiña voltará ao Parlamento trala renuncia de Corina Porro


A viguesa Corina Porro anunciou onte a súa renuncia a tomar posesión da acta de deputada no Parlamento Galego. Porro, que concorreu na lista popular no número 2 por Pontevedra (xusto por detrás do vindeiro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó) renunciará ao posto que lle corresponde no hemiciclo galego e manterá polo momento o seu escano no Senado. 

De ter asumido o mandato dos cidadáns nas eleccións do 1M, Corina Porro debería renunciar o posto en Madrid por ser ambos incompatíbeis, pero esta opción esvaeuse trala inesperada morte do suplente da xefa da oposición viguesa, Ángel Latas, este mesmo mes. A Xunta electoral resolveu que non hai outra opción de substitución no Senado que non sexa a do propio suplente nas listas e neste caso esa substitución non era factíbel polo falecemento de Latas. Polo tanto de deixar Madrid Corina Porro o Partido Popular perdería un senador moi valioso.

Así pois, a viguesa deixa libre un lugar na Rúa do Hórreo que ocupará Rosa Oubiña, que aparecía na lista pontevedresa do PP no posto número 12. Oubiña xa ocupara un escano galego na pasada lexislatura trala morte do que fora Conselleiro de Obras Públicas na etapa Fraga, Xosé Cuíña.

E canto a Corina Porro, que fora en campaña electoral a fichaxe estrela na provincia, a pesar de que non vai ser deputada ten a opción de desempeñar algún cargo no futuro executivo autonómico, como por exemplo encarnar a figura do Superdelegado por Vigo que plantexa Feijóo como receta austera fronte ao modelo dos delegados de Consellaría provinciais.

No novo modelo que plantexa o popular só existirían cinco superdelegados que representarían non a consellarías determinadas senón á propia Xunta; un por provincia e un específico para Vigo. É ai onde podería situarse Corina Porro como trampolín de cara ao retorno á alcaldía de Vigo.

Xa queda pouco para Caracol


A bruxa do Oeste. Ese será o nome da obra de teatro que a compañía Caracol, dirixida por Olga González, vai poñer en escena durante as vindeiras semanas. Os pases para o público en xeral terán lugar o domingo 26 de Abril e o venres 1 de Maio, e as entradas poden ser recollidas nos comercios da vila Sansatur, Clareo e Chinelas. Esta información podedes atopala na páxina web de Unha Grande Chea.

O festival de Nova Producións chamarase FLU POP


Este é o cartel definitivo  do festival FLU POP que xa está pendurado polas rúas da nosa vila. Como xa se anunciou hai semanas neste medio, FLU POP está organizado pola produtora cambadesa NOVA PRODUCIÓNS, e nel van participar grupo da zona, como The Henry Warnimont (Cambados), Airas (Cambados), Los Hijos Bastardos de Peter Lorre (Sanxenxo) e tamén grupos da escena estatal, como Niño y Pistola(Baiona), Holywater(Lugo) ou Lori Meyers(Granada). Ademais tamén contará coa presenza de dous pinchas, DJ Bedriv de Cambados e Ivan DJ da Sala Karma.

Será o venres 10 de Abril a partires das oito da tarde no Pabillón do colexio de San Tomé. As entradas, cun prezo de 6 euros estarán á venda na oficina de turismo, e nos pubs A Leria, Tetuán e Rif-Rock.

Xa podes escoitar a "Liorta" entre Xaquín Charlín e Pedro San Miguel sobre a lingua


Hoxe, ao pasar as doce do mediodía, Radio Líder repetiu o debate que enfrontaba a semana pasada ao presidente de Unha Grande Chea e voceiro da CIG-Xustiza Xaquín Charlín (Chon) e ao voceiro de Galicia Bilingüe e membro da lista do Partido Popular en Cambados Pedro San Miguel.

Desde aquí ofrécese o debate en formato dixital para que poidades escoitalo e xulgar por vós mesmos, e deixedes logo a vosa opinión sobre o tema.

http://www.goear.com/files/external.swf?file=f315d6f

A análise electoral de Roque Durán


O diario Xornal de Galicia recolle hoxe na súa edición impresa un artigo-informe do xornalista Xosé Ramón Durán Martínez, no cal repasa dun xeito clarificador os resultados electorais do 1 de Marzo.

Roque, que aporta datos contrastábeis en cada afirmación, comeza sinalando que tras o escrutinio do voto emigrante é o bipartito quen acada un maior número de votos, a pesar de que esta circunstacia non se traduce á hora do reparto dos escanos. 

Malia esa superioridade tamén reflicte que o bipartito perdeu un bo número de  votos nos comicios -72.969- e Durán nos aporta datos interesantes que pasaran algo desapercibidos. Por exemplo que dos votos que perderon os  partidos do goberno, un 66% perdéronse n’A Coruña. Ou que a participación co total escrutado foi dun 64.44%, case a mesma que en 2005, dun 64.23%, contra o que poderiamos pensar.

Sen dúbida unha interesante análise xornalística deste cambadés que traballa na TVE en Galiza e do que se agradece moito a  reflexión.

E o Xornal de Galicia, un soplo de aire fresco na prensa galega e unha boa alternativa ao coñecido diario coruñés La Voz de Galicia. Este polo menos aínda nunca entrou en campaña con ese descaro, valora a lingua galega, e conta cun bo plantel de colaboradores e xornalistas. Só lle faltan as delegacións comarcais.

O exemplo de Allariz


Pasear por Allariz é, en parte, comprobar a cara positiva que tamén poden ter as maiorías absolutas. Do goberno para o pobo e co pobo.

Allariz conta cunha zona vella totalmente restaurada dun xeito impecábel, a total disposición dos peatóns. Isto non impide en absoluto que o comercio se vexa afogado, como tantas veces se nos dixo aquí en Cambados.

Alí , o Concello vén de poñer en marcha un novidoso programa denominado Outlet Allariz que sumou ao Centro Comercial urbano unha gran cantidade de firmas recoñecidas internacionalmente (Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Antonio Pernas, Massimo Dutti…) a prezos moi rebaixados que provocan unha avalancha de visitantes á vila ourensá desde as comarcas veciñas. Todas estas tendas se foron ubicando en baixos e en casas da zona vella despois dun proceso de restauración e, aínda que se atopan razoabelmente xuntas mestúranse co comercio dos propios alaricanos.

Allariz ten dous importantes valores: un é esta zona vella que se foi restaurando e o outro é o río Arnoia. Os sucesivos gobernos municipais rexeneraron un río que atoparon totalmente contaminado e que foi o desencadeante dunha revolta popular no verán do 89 que puxo no goberno municipal a Anxo Quintana. Desde aquela, elección tras elección, o BNG acadou durante estes vinte anos maiorías absolutas nas municipais.

No tema lingüístico a situación é a que tería que existir en calquera Concello normal. Paseando polas rúas , en xeral, pódense ler unha maioría de sinais, carteis ou rótulos na nosa lingua. Non sorprende todo aquelo que depende do Concello, o que sorprende é a grande cantidade de iniciativa privada que se publicita e se desenvolve en galego. Tristemente este apartado non debería chamar a atención, pero dando unha volta pola vila de Allariz un pode decartase do moito que queda por facer en materia lingüística no noso país para acadar unha situación como a que alí viven: en galego con total normalidade.

Poderían tratarse polo miúdo moitos destes temas, e tamén outros moi interesantes que se puxeron en marcha nestes anos de goberno, como poden ser a planta de xeración de enerxía eléctrica a partires da biomasa froito da limpeza dos montes (Allarluz), o servizo de transportes entre as parroquias, a firme aposta polos Servizos Sociais (gardería -agora galescola-, fogar dos maiores, Casa da Mocidade), pola cultura, polo comercio local, pola planificación urbanística.

Pero a conclusión final será parecida: pasear por un entorno como o de Allariz recordoume a importancia que ten o termos gobernos comprometidos coa xente, especialmente nos Concellos.

Quizais a Cambados e a Allariz os separen un mundo de cousas, comezando polo feito de que o noso Concello é costeiro e Allariz é do interior, ademais dos seus tamaños e poboacións e das propias persoas que os conformamos; pero tamén temos en común moitas características, como son un entorno natural único e un conxunto histórico que nós aínda temos que poñer en valor.

Agardo que no futuro, Cambados e Allariz compartan moitas máis cousas, para comezar, un goberno que aposte firmemente polos veciños e polas posibilidades do Concello. Sei que algún día o veremos.

Chon de Unha Grande Chea e Pedro San Miguel de Galicia Bilingüe debatirán mañá


Finalmente, tal e como se rumoreaba, haberá debate a dúas bandas sobre o tema lingüístico entre o presidente de Unha Grande Chea, Xaquín Charlín (Chon) e Pedro Francisco San Miguel, representante de Galicia Bilingüe en Cambados.

O encontro producirase a través das ondas en Radio Líder, no dial 107.9 da FM, mañá xoves ás doce e dez do mediodía. O programa repetirase o venres 20 co mesmo horario. Para non perdelo.

A refundación do BNG


Os días seguintes a unha convocatoria electoral proporciónannos un espazo de tempo vital de reflexión. Parece que chega unha estrana calma (que neste caso pode preceder a unha tormenta) froito da fin dunha campaña longa, dura e cansina. Permítenos a cada un de nós que pensemos acerca do que acontece, non xa agora mesmo, senón en todo o ciclo electoral no que estamos sumidos, e axúdanos tamén a intercambiar impresións arredor da política con xente que normalmente é reacia a tratar estes temas pero nos que aflora estes días o que realmente son: cidadáns aos que si lles interesa o que sucede neste ámbito e cidadáns que teñen as súas preferencias, tanto ideolóxicas como prácticas. 

E teño que dicilo claro, hai dúas cousas fundamentais que me preocupan acerca dos resultados electorais. Primeiro, obviamente, o cambio de goberno, que na miña humilde opinión supón unha volta ao pasado: unha involución política que vai levar ao noso país a perder catro anos (máis) do noso tempo. 

Pero se hai algo que me preocupa estes días é a situación e a incertidume xerada no partido político co que me identifico, tanto ideoloxicamente como na súa práctica política: o Bloque Nacionalista Galego. 

O BNG é e ten sido unha ferramenta fundamental para o avance do país: teno sido cando ocupou a oposición política e teno sido aínda máis cando tivo a oportunidade de gobernar, tanto nos Concellos como na Xunta. Quizais a alguén lle poida parecer esaxerado, pero eu creo que o BNG, con todas as limitacións que padece, foi e é  un elemento que marcou positivamente este país. Galiza non sería hoxe o mesmo sen a súa existencia, do mesmo xeito que ten influido positivamente nos demais partidos, que non serían e non se comportarían do mesmo xeito se non existise o BNG. 

Pero o BNG ten sufrido ao longo dos últimos procesos electorais revés tras revés en cada convocatoria. Hai catro anos, sen ir más lonxe, os resultados que sairon das urnas supuxeron un retroceso moi importante para o nacionalismo, pero a dirección do BNG obviou a chamada de atención dos electores porque ese resultado, por malo que fose, permitía ao nacionalismo por primeira vez entrar no goberno da Xunta. 

Seguir lendo

Kiko da Silva en Exposalnés


O ilustrador Kiko da Silva estará o vindeiro luns día 9 de Marzo no Centro Comarcal do Salnés ás 20:30 da tarde presentando unha exposición co seu traballo. Da Silva é un licenciado en Belas Artes galego que pasou por varias revistas de banda deseñada como humorista gráfico, El Jueves é quizais a máis famosa, e colabora tamén en diferentes medios escritos (como La Voz de Galicia) e en proxectos editoriais. Na actualidade dirixe o proxecto da revista Retranca.

O acto e a exposición están organizados polas librarías Cabanillas, Contos e Castelao. 
Fotografía tomada de La Voz de Galicia 

A peor resaca electoral


Lamentábelmente sucedeu o que non debería ter sucedido. O Partido Popular voltará a partires do vindeiro primeiro de Abril ao Goberno de Galiza. Faino ademais cun importante apoio do electorado e coas mans libres para gobernar coa comodidade, moitas veces perigosa para o país, que implica a maioría absoluta.

É unha pena que os cidadáns non lle tiveran dado un voto de confianza ao actual bipartito en funcións. Para asentar os cambios postos en marcha e comezar outros. Para visualizar os froitos das novas políticas. Para que Galiza avanzara.

Queda por saber que acontecerá coas bases que se sentaron nestes tres anos medio.

¿Que pasará coas galescolas, que ao parecer mudarán o seu plantexamento, que pasará coa rede centros de días e residencias públicas, que pasará co galego no ensino, previsibelmente apartado de novo cara unha situación marxinal, que pasará coas vivendas a prezo tasado, por exemplo as 142 que ían ser construídas no noso concello, que pasará co Concurso eólico, que poñía en valor por primeira vez o vento galego para os galegos, que pasará coa protección da nosa costa, que pasará coa nova política no medio rural, co BANTEGAL, que pasará, en definitiva, con algo de tanto calibre como é o novo Estatuto para Galiza?

A volta do Partido Popular supón, máis que o fracaso de PSdeG e BNG (que por suposto que o é), un golpe de moral ao electorado de esquerdas do país. Pero temos que seguir adiante. Adiante co traballo, se acaso redobrándoo. Un traballo que lle dea esperanzas a todo aquel que ao levantarse hoxe non podía crer o acontecido e un traballo que seduza a aqueles que onte votaron nulo, branco, PP ou simplemente non foron votar.

Agora é tempo de que os perdedores, que así o son hoxe BNG e PSdeG, analicen moi polo miúdo a nova situación e decidan que van facer para servir decididamente os intereses deste país.

Nas redes sociais

Marzo 2009
L M M X V S D
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.