Lamentábelmente sucedeu o que non debería ter sucedido. O Partido Popular voltará a partires do vindeiro primeiro de Abril ao Goberno de Galiza. Faino ademais cun importante apoio do electorado e coas mans libres para gobernar coa comodidade, moitas veces perigosa para o país, que implica a maioría absoluta.
É unha pena que os cidadáns non lle tiveran dado un voto de confianza ao actual bipartito en funcións. Para asentar os cambios postos en marcha e comezar outros. Para visualizar os froitos das novas políticas. Para que Galiza avanzara.
Queda por saber que acontecerá coas bases que se sentaron nestes tres anos medio.
¿Que pasará coas galescolas, que ao parecer mudarán o seu plantexamento, que pasará coa rede centros de días e residencias públicas, que pasará co galego no ensino, previsibelmente apartado de novo cara unha situación marxinal, que pasará coas vivendas a prezo tasado, por exemplo as 142 que ían ser construídas no noso concello, que pasará co Concurso eólico, que poñía en valor por primeira vez o vento galego para os galegos, que pasará coa protección da nosa costa, que pasará coa nova política no medio rural, co BANTEGAL, que pasará, en definitiva, con algo de tanto calibre como é o novo Estatuto para Galiza?
A volta do Partido Popular supón, máis que o fracaso de PSdeG e BNG (que por suposto que o é), un golpe de moral ao electorado de esquerdas do país. Pero temos que seguir adiante. Adiante co traballo, se acaso redobrándoo. Un traballo que lle dea esperanzas a todo aquel que ao levantarse hoxe non podía crer o acontecido e un traballo que seduza a aqueles que onte votaron nulo, branco, PP ou simplemente non foron votar.
Agora é tempo de que os perdedores, que así o son hoxe BNG e PSdeG, analicen moi polo miúdo a nova situación e decidan que van facer para servir decididamente os intereses deste país.
Conversa
Os comentarios están pechados.