Os días seguintes a unha convocatoria electoral proporciónannos un espazo de tempo vital de reflexión. Parece que chega unha estrana calma (que neste caso pode preceder a unha tormenta) froito da fin dunha campaña longa, dura e cansina. Permítenos a cada un de nós que pensemos acerca do que acontece, non xa agora mesmo, senón en todo o ciclo electoral no que estamos sumidos, e axúdanos tamén a intercambiar impresións arredor da política con xente que normalmente é reacia a tratar estes temas pero nos que aflora estes días o que realmente son: cidadáns aos que si lles interesa o que sucede neste ámbito e cidadáns que teñen as súas preferencias, tanto ideolóxicas como prácticas.
E teño que dicilo claro, hai dúas cousas fundamentais que me preocupan acerca dos resultados electorais. Primeiro, obviamente, o cambio de goberno, que na miña humilde opinión supón unha volta ao pasado: unha involución política que vai levar ao noso país a perder catro anos (máis) do noso tempo.
Pero se hai algo que me preocupa estes días é a situación e a incertidume xerada no partido político co que me identifico, tanto ideoloxicamente como na súa práctica política: o Bloque Nacionalista Galego.
O BNG é e ten sido unha ferramenta fundamental para o avance do país: teno sido cando ocupou a oposición política e teno sido aínda máis cando tivo a oportunidade de gobernar, tanto nos Concellos como na Xunta. Quizais a alguén lle poida parecer esaxerado, pero eu creo que o BNG, con todas as limitacións que padece, foi e é un elemento que marcou positivamente este país. Galiza non sería hoxe o mesmo sen a súa existencia, do mesmo xeito que ten influido positivamente nos demais partidos, que non serían e non se comportarían do mesmo xeito se non existise o BNG.
Pero o BNG ten sufrido ao longo dos últimos procesos electorais revés tras revés en cada convocatoria. Hai catro anos, sen ir más lonxe, os resultados que sairon das urnas supuxeron un retroceso moi importante para o nacionalismo, pero a dirección do BNG obviou a chamada de atención dos electores porque ese resultado, por malo que fose, permitía ao nacionalismo por primeira vez entrar no goberno da Xunta.
Hoxe o BNG sitúase a niveis electorais do principios dos 90, e iso debe dar moito que pensar no seo da organización. Penso que xa non son válidas as excusas de sempre, que se o voto dos “vellos”, que se as redes do PP, que se a ofensiva da prensa (que é certo que existiu)…porque ao final ese suposto bloque electoral de xente maior vaise consumindo e o nacionalismo dá pasos atrás e non só iso, a oferta do BNG semella cada vez menos atractiva para os novos votantes, e as redes do Partido Popular terían que caer polo seu propio peso cunha participación dun 70% como deste volta….
A equivocación profunda do Bloque foi patente na suposta renovación que se levou a cabo para os comicios de 2005. Unha renovación que esqueceu o fundamental de calquera proceso deste tipo: recoller a o positivo do pasado e camiñar con novas persoas e equipas cara o futuro sen desprezar aos que deran toda a súa vida polo proxecto nacionalista.
Daquela, esqueceuse todo aquelo que levara ao BNG ás súas máis altas cotas de apoio popular, déuselle as costas ás persoas que formaron parte daquela época, ingnorándoas e mesmo marxinándoas, tentando convertir a fronte nacionalista de esquerdas nun partido clásico máis, restándolle importancia ao fundamental no BNG: a esquerda transformadora. Situouse ao nacionalismo por riba da discusión política de esquerda, centro ou dereita.
O BNG non pode abarcar todo o espectro ideolóxico, non hai organización democrática que o consiga, e non se pode pretender que os simpatizantes e votantes da organización entendan unha viraxe desas características E moito menos que se desprezara o capital humano que representan persoas como Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira e a súa xeración en base a unha renovación que foi máis ben unha sorte de purga dos que non compartían a deriva que finalmente sabemos a onde nos conducía.
O BNG ten por diante moito que debatir, que discutir, e que decidir. Continuar cunha organización controlada polo aparato dun partido hexemónico –que non maioritario- no seo da militancia, que desbota a quen é crítico a pesares da súa valía; ou refundar o nacionalismo dándolle outra vez cabida a todo aquel disposto a participar na defensa social e colectiva do país.
E decidir que debe constituir a base do discurso e da práctica, se como até o de agora hai unha base que é o nacionalismo e un matiz cada vez máis subordinado que é a esquerda, ou se queremos unha ESQUERDA, no sentido amplo da palabra, que teña por matiz o nacionalismo galego.
Eu desde logo creo que debe primar a segunda opción, sen desemerecer a defensa do país e da lingua, que é e sempre foi un aspecto intrínseco ao ser colectivo do BNG.
E para culminar este proceso, terán que cambiar algunhas caras, seguramente que si, pero sobre todo terá que cambiar a filosofía. E falo tanto a nivel nacional como a nivel comarcal. Hai que estar moi cego para non ver a continua perda de apoios cara o BNG na comarca. Algo pasa. En 2005 fíxose unha renovación a medida que mantivo intactos a aqueles que comungan coa dirección actual. Hai persoas que levan demasiado tempo ostentando cargos con aparente falla de autocrítica e este período de reflexión é un momento magnífico para asumir responsabilidades.
Se o BNG comeza a traballar, partindo case de cero, reunindo ao nacionalismo, a todo, ao que perdeu polo camiño estes anos e ao que está por vir….entón estou seguro que esta pequena, ou longa, travesía polo deserto valerá a pena. Se non se abre esta reflexión real, a tendencia vai continuar e de votantes descontentos pasaremos a simpatizantes e militantes desmoralizados. O BNG ten un capital humano precioso, e unha defensa do país e da xustiza social envexábel, é un proxecto vital para Galiza. Por iso o período de reflexión que anuncia a dirección debe comezar xa e debe ser dunha vez por todas real.
E as eleccións europeas non poden servir de excusa para aprazar os cambios.
Encantoume a reflexión Oscar, estou dacordo sobretodo neste párrafo:
“E decidir que debe constituir a base do discurso e da práctica, se como até o de agora hai unha base que é o nacionalismo e un matiz cada vez máis subordinado que é a esquerda, ou se queremos unha ESQUERDA, no sentido amplo da palabra, que teña por matiz o nacionalismo galego.”
Simplemente sabia que xa non me ilusionaba o bloque, pero non sabía explicarme moi ben por qué. Pero é totalmente eso, non se pode seguir supeditando unha política de esquerdas en beneficio duns fíns unicamente nancionalistas. E eso era o que lle estaba pasando, porse ao nivel da política actual, en lugar de ir un pasao por diante como fixo sempre.
En catro anos podese facer moito, o que conta e que o faga de portas para fora, non só internamente, a xente ten que palpar o cambio para volver ou comezar a creer.
Estou, basicamente, de acordo contigo, que se necesita unha renovación, a que se necesita a toda a xente do partido, sin excluir a ninguén, pero tamén é verdade, que algunha xente que agora pide responsabilidades e dimisións, fixo todo o posibel para que non se gañaran as eleccións, pedindo a abstención e o voto en branco, e vogando en contra dos demais,creo que non é correcto, políticamente. Tampouco se pode sacar os problemas nos medios de comunicación, sen antes intentar resolvelos dentro do partido.
Que boa análise! En serio, paréceme fantástica! E estou totalmente dacordo!
Nacionalista antes que de esquerdas, ese é o perfil que (na miña humilde opinión) debe adquirir o BNG para ter éxito. Defender primeiro os intereses de galiza por riba de calquera ideoloxia, unha opción que articule o sistema político e así poder ser a chave entre Psoe e pp. Partidos nacionalistas máis de esquerdas que o bloque xa hai (e non poucos), por que escorarse cara ese electorado xa cuberto e tan escaso, por certo? polos valores historicos? ahh vale, pero entonces que se olvide de ter mais de 12 diputados…
como vedes, defendo a opción “contraria” á vosa, e fágoo pensando no éxito do partido se quere optar a ser un partido de governo, e non un partido simplemente parlamentario e defensor de ideais pasados.
saudos
Parabéns, moi boa reflexión!