A viguesa Corina Porro anunciou onte a súa renuncia a tomar posesión da acta de deputada no Parlamento Galego. Porro, que concorreu na lista popular no número 2 por Pontevedra (xusto por detrás do vindeiro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó) renunciará ao posto que lle corresponde no hemiciclo galego e manterá polo momento o seu escano no Senado.
De ter asumido o mandato dos cidadáns nas eleccións do 1M, Corina Porro debería renunciar o posto en Madrid por ser ambos incompatíbeis, pero esta opción esvaeuse trala inesperada morte do suplente da xefa da oposición viguesa, Ángel Latas, este mesmo mes. A Xunta electoral resolveu que non hai outra opción de substitución no Senado que non sexa a do propio suplente nas listas e neste caso esa substitución non era factíbel polo falecemento de Latas. Polo tanto de deixar Madrid Corina Porro o Partido Popular perdería un senador moi valioso.
Así pois, a viguesa deixa libre un lugar na Rúa do Hórreo que ocupará Rosa Oubiña, que aparecía na lista pontevedresa do PP no posto número 12. Oubiña xa ocupara un escano galego na pasada lexislatura trala morte do que fora Conselleiro de Obras Públicas na etapa Fraga, Xosé Cuíña.
E canto a Corina Porro, que fora en campaña electoral a fichaxe estrela na provincia, a pesar de que non vai ser deputada ten a opción de desempeñar algún cargo no futuro executivo autonómico, como por exemplo encarnar a figura do Superdelegado por Vigo que plantexa Feijóo como receta austera fronte ao modelo dos delegados de Consellaría provinciais.
No novo modelo que plantexa o popular só existirían cinco superdelegados que representarían non a consellarías determinadas senón á propia Xunta; un por provincia e un específico para Vigo. É ai onde podería situarse Corina Porro como trampolín de cara ao retorno á alcaldía de Vigo.
Conversa
Trackbacks/Pingbacks
Pingback: Cambados(tk) » Resumo do 2009 político - 31/12/2009