Como segunda entrega desta serie de textos do poeta cambadés, boto man dun dos tres poemas que empregou a pasada semana Herminio Barreiro na presentación do seu libro como homenaxe a Ramón Cabanillas. Di así:
GALICIA
Ceo branco do luar,
ceo azul de medeodía:
son dous anacos de ceo
a bandeira de Galicia.
¡Galicia! Nai e señora,
sempre garimosa e forte;
preto e lexos; onte, e agora,
mañán… na vida e na morte!
¡Galicia! ¡A Galicia santa
de romeiros e xuglares!
¡A de historia que abrilanta
a Tradición nos fogares!
¡A que suspende e namora
con inespricable segredo
da gaita que rindo chora
e do alalá triste e ledo!
¡A que sabe as canturías
de Rodríguez do Padrón
e inda leva de Macías
a frecha no corazón!
A dos antiguos mosteiros,
a dos pazos encantados,
a dos santos milagreiros
contra os entangarañados.
A das froitas valgadas,
a de barulleiro mar,
a das roibas alboradas
i as noitiñas de luar.
A dos toxos feridores,
e das rosas velaíñas,
a dos ventos berradores
i a das choivas miudiñas.
A do Sar marino e tristeiro,
pazo de almas enloitadas,
i o Miño casamenteiro
de trasnos, meigas e fadas.
A dos seráns campesinos,
a dos brilantes orballos,
a dos queixumes dos pinos
i as risadas dos carballos.
O pobo doutras edás,
traballador e guerreiro:
o das hirtas Irmandás,
do Medulio e do Cebreiro…!
¡Sempre Nai, sempre Señora,
con leda ou cativa sorte;
preto e lexos; onte, agora,
mañán…na vida e na morte!
A facenda, o creto, a vida,
o fogar…¡todo por ela!
Con Castela, ben querida;
aldraxada…¡sin Castela!
¡Irmáns! ¡Rubamos o cume
desatrancando o camiño,
e botemos man do lume
onde non chegue o fouciño!
¡Todo pra nosa Galicia,
fror de tódalas virtudes;
pra sedenta de xusticia,
ferida de escravitudes!
Namentras a sangre vibre
en beizos e corazón…
¡a espranza de vela libre
i este berro: ¡Redención!
¡Xuremos!
“Dereito ou torto,
“sin máis alcuño ni achego,
“doente ou san, vivo ou morto,
“gallego…¡soio gallego!”
Poema Galicia extraído de Da terra asoballada.
O voceiro do Bloque Nacionalista Galego de Cambados, Víctor Caamaño, remitiu á caixa de correo -cambadostk (arroba) gmail.com- as preguntas e os rogos que lle van formular ao aínda alcalde Cores Tourís.
A primeira das cuestións terá que ver cun edificio en construción situado na Avenida de Vilagarcía, fronte ao supermercado Eroski, que segundo queixas veciñais non respecta a aliñación seguida polas restantes vivendas da rúa.
A segunda tamén ten que ver con urbanismo, posto que os nacionalistas queren saber por que nun edificio de recente construción do lugar d’A Cabana non conta aínda co saneamento pertinente e cando estará listo.
A terceira ten que ver máis co protocolo, xa que Caamaño preguntaralle ao grupo de goberno por que non foron convidados os concelleiros á inauguración da exposición de arte “Entre Miradas”, encadrada no Ano Cabanillas 2009.
Por último, o rogo do BNG será pedir o acondicionamento do camiño público que une a Rúa San Roque coa Rúa Nova.
A Asociación de Libreiros de Pontevedra organiza por sexta vez o Premio Ramón Cabanillas, que como xa se anunciou desde este medio recaerá nesta edición no académico cambadés Francisco Fernádez Rei.
Será o 16 de Maio ás 21:00 horas no Auditorio da Xuventude. O evento mesturará poesía, con música e mesmo cine. Participan Xosé María Ribadomar, Xoán Piñeiro, Chourizo Films presentando “A man sagrada”, baseada nun poema de Cabanillas, Miguel Costas Piñó, un estupendo pianista do noso Concello, Xoán Silva, Blas e Xaquín Xesteira.
Colaboran o Concello de Cambados e a asociación cultural e deportiva Unha Grande Chea.
A moda non só marca os estilos de vestiario, tamén entra no terreo das palabras e , a través del, na política. Hai uns anos foi Zapatero e o seu entorno quen nos taladrou a cabeza coa palabra “talante” día si e día tamén. Hoxe oímos “austeridade” en cada declaración, en cada nova nos xornais. E cando se repite moito unha palabra remata por perder parte ou todo o seu significado, estrágase.
Durante a pasada campaña electoral galega e tamén nas últimas semanas puidemos observar como venden os discursos demagóxicos e populistas cando se fan no momento oportuno.
A caradura do Partido Popular foi de grande magnitude ao criticar prácticas que, se ben non comparto en moitas ocasións, supuxeron unha mínima parte do que os conservadores nos acostumaron nas últimas décadas.
Que se Touriño tiña un coche máis caro que o de Obama (do cal se descoñece o prezo), que se as cadeiras mercadas eran de prezos millonarios e se a mesa do presidente era de luxo. E agora os periodistas comprobaron o estilo sobrio -que non sei se austero (xa descoñezo o significado desta verba)- do despacho do presidente socialista. Pero é demasiado tarde.
Son eses xornalistas, nomeadamente os do Grupo Voz, os que no seu momento xogaron non xa a facer política, senón a facer unha campaña do máis rastreira. E foi tamén ese presidente, o Presidente de todos e contra ninguén, o que non soubo contestar ás mentiras verquidas.
Agora no poder, os populares voltan con máis falacias. En primeiro lugar co tema dos coches oficiais, xa que parece que non gustan dos Audis que eles mesmos mercaron na Xunta, e son transportados en marca Citroen, vehículos que por certo non creo que estean a saír precisamente gratis (pero diso ninguén fala).
En segundo lugar golpean, con éxito outra vez, as conciencias dos cidadáns co tema da redución da administración. Vémolo coa supresión dos delegados provinciais das Consellarías, cuxas atribucións van ser desempeñadas agora por unha superpersoa.
O que non non se di tampouco é que resulta imposíbel que unha única persoa poida asumir a carga de traballo de 10 consellerías, co cal por debaixo dela e, aínda que non reciban trato de altos cargos, haberá que “colocar” a unha boa camarilla de técnicos/asesores que non nos van sair tampouco de balde (e Anabel Carro é a primeira que coñecemos, virán máis!).
A austeridade que defende a dereita coñecémola todos de vello; é a austeridade duns presupostos locais que se deixan uns 40.000 euros en facturas telefónicas, a austeridade que permite á propia Anabel Carro unha viaxe a New York para conmemorar alí un Ano Cabanillas que en Cambados non merece a súa presenza -nin dos demais concelleiros- se non é ela a organizadora. É a austeridade que si se aplica no gasto social e é a austeridade que vale de excusa para privatizar servizos públicos.
A austeridade do xantar do Albariño ou a austeridade da Cidade da Cultura. Coñecémola, de lonxe.
E desgraciadamente está en camiño de ser a austeridade nas ideas e no bo facer.
Eu é que xa non sei moi ben que significa austeridade.
Cando unha persoa deixa un cargo que ocupou durante anos e o fai para desempeñar outro labor público caben dúas reflexións a facer: unha, a máis obvia e quizais a máis doada é realizar unha valoración do seu paso por dito posto. A outra, máis subxectiva aínda e un pouco arriesgada é valorar e incluso chegar a predicir a súa nova etapa.
Para o caso do até agora alcalde de Cambados, eu prefiro comezar pola segunda. Do pasado de José Manuel Cores Tourís levo catro anos falando desde este pequeno recuncho de internet baixo o paraugas de cambados.tk. E penso que, se ben non todo, o groso si que está dito, comentado e recomentado.
E sendo franco, aínda que o politicamente correcto nestes casos é adicarlle louvanzas e piropos ao cesante, incluso cando se trata dun antagonista, non me vexo capaz de cometer tal hipocresía co que agardo teña sido o peor alcalde que sufrirei no exercicio da miña cidadanía.
O que realmente me pregunto durante estes días é se Cores Tourís ten capacidade para desempeñar con éxito o cargo para o cal o novo presidente Feijoó o vai nomear inminentemente (a pesar de que as malas linguas digan que en realidade foi o propio Louzán o seu mecenas político).
Un cargo, o de “superdelegado” da Xunta de Galicia en Pontevedra, que consistirá en representar as 10 consellarías actuais da administración galega na provincia, agás na área de Vigo.
Un cargo que a simple vista requeriría unha boa preparación, pero ante todo unha preparación transversal, xa que quen o desempeña vai ser responsábel de todas as áreas do goberno da Xunta. Require tamén dedicación e esforzo, pola amplitude xeográfica e a amplitude departamental. Pero ademais require que a persoa que o leve adiante sexa aberto e dialogante, xa que vai supoñer a ponte entre Concellos (das 3 cores políticas) e a Xunta en mans do Partido Popular.
E tendo observado a persoa que será designada para tal responsabilidade teño as miñas dúbidas de que se vaia a cumprir calquera clase de expectativa porque non se cumpren, na miña opinión, os requisitos que mencionei no parágrafo anterior.
E dito isto, coñecendo os antecedentes desta persoa atreveríame a facer unha predición do mandato que nos agarda. José Manuel Cores Tourís, con grande experiencia nas prácticas clientelares, está a piques de convertirse no Presidente da Deputación bis, “concedendo” subvencións en función do partido político que goberne cada Concello, creando emprego para os máis achegados -coa Deputación foi Ribadumia, agora tócalle a Cambados- e centrándose na política da estética no canto de ocuparse da política da ética e da solución dos problemas reais (podería recordar aquí o famoso tema dos cheiros da nosa vila pero xa dixen que non ía falar do Tourís alcalde).
De todos os xeitos, aínda que non gabe a súa figura, si é certo que desde aquí lle desexo moita sorte. Porque cando non hai confianza un ten que botar man desa figura do azar, da casualidade, e porque ogallá todo saia simplemente ben. Do contrario non será el quen sufra as consecuencias, seremos unha vez máis os cidadáns.
O xornalista do Faro de Vigo Anxo Martínez realiza no exemplar de hoxe un pequeno percorrido pola longa camiñata que hai catro anos iniciaron Mon Falcón, Cristina Pérez-Salgado e Juan Rey á fronte do fanzine Despregable.
Con vinte número ás súas costas e agardando xa a saída do número 21, o Despregable é segundo FV “unha desas aventuras culturais que adoitan ter unha escasa repercusión mediática porque van dirixidas a un público máis ben minoritario e carecen do respaldo institucional, e que sen embargo teñen unha gran importancia porque lle dan voz a artistas e afeccionados á música, o cine ou as artes plásticas que doutro modo non poderían divulgar o seu traballo.”
Máis info no blog da Embaixada Prusiana.
A iniciativa Presume de Salnés que impulsa a Mancomunidade está a recibir unha boa acollida por parte dos internautas da comarca.
O concurso consiste en enviar vídeos que non superen os tres minutos de duración amosando características positivas da nosa bisbarra, tanto no referente a patrimonio como cultura, gastronomía, personaxes, espazos naturais…
Hai tres modalidades: unha para mozos de entre 12 e 17 anos, outra para centros escolares e unha para adultos (maiores de 18 anos).
Nesta última salientamos tres traballos xa presentados realizados por xente de Cambados. O primeiro foi enviado pola Asociación Unha Grande Chea e nel reflíctese a celebración de San Bieito, o segundo é de Chourizo Films e amosa a praza de Fefiñáns de noite e o último presentouno Antía Cacabelos e vainos achegando diversas vertentes da comarca cun tema de fondo de The Henry Warnimont. Sorte para eles.
A data límite de envíos é o 15 de Maio.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/MpkmrIde41k" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/c7C3bO77R9o" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/4jvKs5dPLgk" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Ao finalizar a presentación de “Recordar doe”, de Herminio Barreiro, Ramón Domínguez, da Asociación de Libreiros de Cambados por parte da libraría Ramón Cabanillas anunciou que este ano o premio que leva ese mesmo nome recaerá no académico cambadés Francisco Fernández Rei. Será o sexto que fan entrega as librarías cambadesas.
Fernández Rei (Fefiñáns, 1952) é catedrático da área de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde 1992. Na actualidade imparte tres asignaturas na Faculdade de Filoloxía, no Campus Norte desta Universidade.
Entre os cargos que desempeñou cabe salientar que é membro do Instituto da Lingua Galega (ILG), membro numerario da Real Academia Galega (RAG) desde 1999, membro fundador da empresa editorial Escola Aberta, da Asociación de Tradutores Galegos, membro numerario do Patronato do Museo do Pobo Galego, membro do plenario do Consello da Cultura Galega en representación do ILG, conselleiro de honra do Consello d’a Fabla Aragonesa, membro do Consello de Redacción da revista de pensamento crítico trimestral A Trabe de Ouro…
E por suposto, Francisco Fernández Rei é, xunto con Luis Rei, un dos encargados de darlle corpo ao programa cultural do Concello de Cambados para este ano de homenaxe a Ramón Cabanillas.
O premio será entregado nun acto planeado para o día 16 de Maio con motivo das Letras Galegas no Auditorio da Xuventude.
Imaxe extraída da web de Unha Grande Chea. Esq a der: Fernández Rei, Anabel Carro e Luis Rei.
O voceiro municipal do BNG en Cambados, Víctor Caamaño Rivas, presentou varias preguntas para o vindeiro pleno da Corporación nas cales se reflicte a problemática xerada entorno ao pago dos impostos no mercado.
Caamaño sinala que no BNG entenden que ter cobrado o imposto de lixo por día é claramente ilegal, porque a ordenanza fiscal estabelece que ese pago será de carácter cuadrimestral, non como a taxa de instalación dos postos, que si é diaria.
En concreto, o grupo nacionalista formula as seguintes cuestións:
1.- Por que non formalizou o Concello un convenio cos vendedores ambulantes do mercado para cobrarlles por día a taxa de recollida de lixo?
2.- Dende cando se lles está a cobrar por día esta taxa?
3.- Canto leva recadado o Concello por este sistema?
4.- Cal é a razón pola que o Concello non emite factura polo cobro deste servizo?
5.- Cal foi o resultado das últimas entrevistas e negociacións feitas entre o Concello e os vendedores ambulantes?
O diario español El País publicou na súa páxina web unha nova na que sinala que o novo Director Xeral de Administración Local, Norberto Uzal Tresandí, concorreu ás eleccións europeas de 1994 no posto número 4 da lista da ultradereita .
Algo que non publicou o xornal é que en 1996 volta a concorrer nunhas eleccións baixo a lista da Falange nun posto de suplente para o Senado.
El País tamén se fai eco dunha entrevista que o novo Director Xeral concedeu a La Voz de Galica en 2002 na que mantiña que levaba 6 ou 7 anos desvinculado desta formación política da ultradereita.
Norberto Uzal Tresandí foi asesor xurídico no Concello de Cambados e a finais de 2007 foi nomeado membro dos órganos de dirección da Federación Galega de Municipios e Provincias (FeGaMP). A partires de agora desempeñará o seu labor como alto cargo na nova Xunta de Galicia presidida por Alberto Núñez Feijoó na Consellaría de Presidencia.