Será o vindeiro mércores día 3 de Xuño ás 20:30 no Auditorio e servirá como homenaxe a Francisco Fernández del Riego e Xesús Alonso Montero por ter editado as obras completas do noso poeta no ano 1959 e a finais dos setenta. Haberá música, vídeo e por suposto, poesía. O Concello ten máis actividades planeadas para este Ano Cabanillas, como por exemplo un exposición no Pazo de Torrado, unha gala do deporte ou un concerto de corais, grupos tradicionais e banda de música de Castrelo.
O presidente de Unha Grande Chea, Xaquín Charlín (Chon), falou no seu artigo do xornal comarcal Aturuxo dos problemas que lle presentan aos cidadáns o ser elixidos parte dunha mesa electoral e os diversos motivos que poden presentarse como alegación para non acudir.
Ao final no texto propón abrir un prazo antes dunhas eleccións para que se presenten voluntarios e intentar cubrir os postos con eles, e senón se consegue, tirar das listas do paro aumentando a remuneración polo día de traballo.
Remata tamén contemplando a posibilidade de que os máis críticos suxiran que esta opción podería ser aproveitada polos partidos para incluir aos seus simpatizantes nas mesas pero desbota tal posiblidade pola existencia dos interventores.
Eu inclúome neste grupo de “críticos” xa que considero que este, aínda que moi incómodo, é un bo sistema para que se garanta a igualdade e a limpeza na votación. O que non debera suceder é o que lles acontece a algúns cidadáns que vén como o suposto sorteo sempre recae nos mesmos afortunados.
Tamén se propón a miúdo que sexan funcionarios quen formen as mesas electorais, pero repito, eu penso que o actual sistema é o único que non presenta ningunha clase de puntos escuros ou dúbidas (aparte da obriga que supón para os elixidos).
Unha cousa son os interventores, que como ben di Chon están aí representando a cadanseu partido e fiscalizando o proceso, e outra moi diferente son os membros da mesa que son os que manexan os documentos oficiais, a orde nas instalacións e as propias papeletas. Para min, o feito de que eles sexan cidadáns de a pé escollidos por sorteo, meréceme moita máis confianza que calquera outro sistema que pode chegar a viciarse rapidamente. Iso si, que che toque é un incordio.
Grazas a Chon por introducir un novo debate na rede e, sen que sirva de precendente, hoxe lévolle a contraria.
O Aturuxo desta semana vén cargado de novidades, entre outras a entrevista a Óscar Pardo Planas na que se conta como foron os inicios da web hoxe hai máis de catro anos e a súa evolución co tempo até chegar até a actualidade.
Aproveito esta entrada para agradecer aos espazos que se acordaron de CTK no seu cuarto aniversario: que coñeza: Cambadosweb, Unha Grande Chea e Rifrockerz.
Mañá sábado a partires das dúas da mañá haberá sesión de sicodelia no Pub Rif-Rock (Infantas 13). Como din desde o seu blog, unha noite saturada de pura sicodelia, freakbeat, garage psych, improvisación e moitos sonidos experimentais. Toda a noite adicada ós universos máis acidos…
Neste enlace do blog Rifrockez podedes ver uns vídeos relacionados co que soará mañá no Rif. O cartel desde logo saése.
O BNG envía a tarxeta para convidar a todos os veciños do Salnés ao seu mitin central na comarca da campaña das europeas. Será mañá venres ás 20.30 na Praza da Peixería en Vilagarcía. Intervirán Xosé Castro Ratón, tenente de alcalde, Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG e Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo.
DEBATE
Por outra banda, a propia Ana Miranda debatirá esta noite en Tele Salnés con Millán Mon (PP) e Rosa Miguélez (PSOE) no programa Contrastes. Quen o desexe pode deixarlle preguntas aos candidatos na páxina web do Canal Rías Baixas, que así é como se chama agora Tele Salnés.
Finalmente foi desvelado tamén o nome na persoa que será designada no pleno de hoxe primeiro tenente de alcalde. Será o concelleiro popular Juan José Cores Chaves, que non disporá da liberación pero que segundo fontes municipais, se atopará polas tardes no Concello para cumprir coas súas obrigas. Chaves non accederá finalmente á área de Cultura, como era tradición na tenencia de alcaldía, simplemente seguirá a desempeñar a área de Economía e Facenda e será o propio Luís Aragunde quen se encargue da planificación cultural.
Segundo propio alcalde, tal decisión se debe á proximidade da Festa do Albariño e á celebración do Ano Cabanillas.
Por outra banda, Iglesias Pombo (que ocupará a segunda tenencia) non será liberado total, senón parcial, para que compatibilice o traballo como empresario e o labor no Concello.
Como xa dixen, vivimos bombardeados pola propaganda de PP e PSOE. Entón eu vou aplicar aquí ese principio tan de moda da discriminación positiva: vou falar un chisco da terceira vía, da vía galega de cara ás eleccións do 7 de Xuño.
Desta volta o nacionalismo galego cambiou a súa alianza electoral e concorre aos comicios europeos xunto con Esquerra Republicana de Catalunya, Aralar, Eusko Alkartasuna ou Chunta Aragonesista. A primeiras, unha opción moito máis coherente e que eu penso que a base social do propio BNG prefire por mera afinidade ideolóxica (polo menos xa non hai que ir pensando en excusas para contarlle a quen pregunta por que o Bloque comparte lista con partidos de centro-dereita).
Pero é que ademais a candidatura de Europa dos pobos-Verdes contempla a trasitoriedade do euroescano entre as principais forzas que a integran. É dicir, aínda que non se acade o segundo representante (que lle correspondería á representante do BNG Ana Miranda) Galiza si tería representación durante un tempo proporcional aos votos da coalición electoral no noso país -os votos ao BNG-.
Non vai pasar xa o que lle sucedera a Camilo Nogueira en 2004 cando as artimañas do Partido Popular lle arrebataron o seu escano. Daquela os eurodeputados da coalición Galeusca (CiU-PNV-BNG) non eran rotatorios.
Isto, que é un feito público, é obviado pola prensa galega á hora de ofrecer información electoral, por exemplo ao amosar resultados de inquéritos. Empéñanse en dicir que coa previsión actual de que EdP obteña un deputado o BNG quedaría sen representación en Bruxelas. Eles saberán os motivos de por que o fan, desde logo nós, visto o visto, xa o deberiamos intuir.
Pero non só a candidatura importa: importa moito a candidata. Ana Miranda gústame. Gustoume cando lin o seu currículo, con sobrada experiencia en política internacional, e con mestres de tanta altura como Xosé Manuel Beiras ou o propio Camilo Nogueira, de quen foi asesora en Bruxelas cando Camilo era eurodeputado (1999-2004).
Gustoume aínda máis cando vin o vídeo que xa se amosou neste espazo a semana pasada. Gústame porque é natural e nótase que ten ilusión en confianza no que fixo e no que quere facer.
Da campaña do BNG non me gusta o lema, aínda que soe ben (Imos a Europa, vés?) porque tal e como vén defendendo o nacionalismo e a propia Ana Miranda, Galiza non ten que ir a Europa: somos Europa. Estamos en Europa, o que si falta agora é que haxa alguén en Bruxelas, en Estrasburgo, para que a nosa voz -en calquera variante da nosa lingua- sexa escoitada e tida en conta. E para iso só hai unha opción. Chámase Ana e apelídase Miranda.
Non me gusta o lema que escolleu o BNG, pero eu, traizoando a miña opinión sobre el, con Ana Miranda si que vou a Europa.
No pleno que se celebrará mañá á noite no Concello, entre outras cousas, Luís Aragunde vai anunciar o organigrama do novo goberno municipal. O que xa se sabe grazas á filtracións na prensa é que o novo edil liberado será Antonio Joaquín Iglesias Pombo, que tomará posesión como concelleiro tamén mañá, pero vaise romper a tradición de que o liberado sexa a persoa que e engargue da área de Cultura. Pombo vai ostentar os departamentos dos que se encargaba Aragunde até que foi investido alcalde, é dicir,de réxime interior e atención ao público. Será ademais segundo tenente de alcalde.
Falta por saber quen será o encargado da Concellaría de Cultura e quen será primeiro tentente de alcalde, cargos que poderían recaer na mesma persoa. De todas formas, o que parece seguro é que o concelleiro de Cultura xa non vai ser un edil liberado.
No pleno de mañá saberase toda a composición e os nomes e tamén os soldos que han percibir Luís Aragunde e Pombo.
Como na anterior campaña electoral estatal e como xa intentaron sen éxito na galega, a RTVE propónnos en horario de máxima audiencia que asistamos a un debate (posíbelmente tamén milimétrico e a base de monólogos perfectamente estudados) entre candidatos das dúas forzas maioritarias.
Eu comprendería -aínda que non compartiría- este convite se partise dun ente privado, pero non o podo facer cando provén dunha televisión que se di pública.
É unha constante nos medios o querernos facer crer que só existen dúas opcións á hora de votar, parece que a estratexia sistemática é ignorar as demais posibilidades como táctica para afondar nun bipartidismo que resta democracia.
Unhas eleccións son, como o di a propia palabra, unha escolla. E para escollermos, temos que coñecer todas as opcións. Ao final acontence o mesmo que no tema da lingua: pídese liberdade de decisión pero quérese negar a posibilidade de que os nenos coñezan os dous idiomas. E eu pregúntome: como se pode elixir algo, ben sexa unha lingua, ben sexa unha papeleta nun colexio electoral, cando só se nos permite coñecer parte das opcións? É iso realmente liberdade?
É, polo momento, o único vídeo que se presentou na categoría de Centro Educativo no concurso “Presume de Salnés”, organizado pola Mancomunidade da nosa comarca. Ademais é de Cambados, concretamente foi realizado polo Grupo de vídeo do IES Francisco Asorey.
Mira aquí outros vídeos que varios veciños fixeron para participar na iniciativa. A data límite para presentar as producións propiar é o vindeiro día 30.