Segundo sinalan hoxe na prensa comarcal, uns vinte alumnos do Colexio Público San Tomé poderían quedar sen praza por falta de espazo físico. A solución inmediata ao problema pasaría pola creación dunha nova aula no centro, algo ao que tradicionalmente a Consellaría é reacia por supoñer un esforzo económico adicional.
Pola súa banda, o voceiro do BNG de Cambados, Víctor Caamaño, remite unha nota de prensa na que lembran que a construción do pavillón deportivo nos terreos do CEIP no ano 1998 (coa oposición de pais e profesorado, ademais da dos nacionalistas) deixou ao colexio sen uns terreos que servirían para solucionar os problemas que agora se plantexan.
Ademais, o BNG pensa que a solución de crear unha aula é un remendo que vai restar espazo de recreo aos nenos de Educación Infantil, por iso reclaman ao Concello que inicie contactos para adquirir terreos colindantes ao colexio que posibiliten a ampliación do patio. Ademais creen que Concello e Consellaría deberían sentarse a planificar as necesidades futuras nos centros escolares do municipio.
Cambados.tk cumpre xa catro anos oficiais. E se digo oficiais é porque a vida virtual da web é algo maior.
Naceu como un proxecto de fin de trimestre para unha asignatura de informática de 4º de ESO, se non me equivoco. E grazas ao profesor, Marcos (ao que lle envío un saúdo desde aquí, aínda a riesgo de que non lle chegue) aquela páxina cutreira e moi básica colgouse en Internet baixo o dominio .tk, o que logo lle deu á web o nome e a identidade (non é difícil escoitar a alguén referirse á cambados.tk simplemente como “tecá”).
Dende aquela a web foi evolucionando, sobre todo polo feito de que empezou a ser coñecida (contribución moi importante foi o nacemento do espazo de Unha Grande Chea a finais de 2005) e tamén porque atraeu un bo número de colaboradores: nestes anos podo contar unhas vinte ou trinta persoas que tiveron algunha aportación a CTK.
Incluso conseguiuse que os contidos da páxina chegaran a outro tipo de público coa edición autofinanciada de 2 boletíns, publicados en papel laranxa, por medio da venda daquelas camisolas e a colaboración de negocios locais que contribuiron a través da publicidade. Chamámolo Mocidade en Marcha.
E cambados.tk influiu tamén na política. A política local foi o eixo arredor do cal xirou o que se chamou a “marea laranxa” . O compromiso polo cambio en Cambados. É certo que este obxectivo aínda non o vimos cumprido, pero é certo tamén que este humilde espazo na rede si abriu as portas ao coñecemento e ao debate, xa non só sobre política senón que promocionou a discusión a todos os niveis por medio dun libro de visitas aberto que moitas veces non foi aproveitado de xeito positivo.
Cambados.tk mudou até 5 veces de deseño, até chegar ao que é hoxe: Convertida nun blog persoal en blogaliza, aínda que como sempre aberta a calquera tipo de colaboración, mais CTK xa non é o que era. Eu, persoalmente, boto en falta ese contraste de ideas e de artigos que tiveramos a ocasión de vivir durante algún momento puntual da curta historia desta páxina. Por iso me me gustaría que un novo Mocidade en Marcha vira a luz este verán, porque penso que hai moito do que falar e son tamén moitos os que deben falalo.
Desde aquí so me queda agradecer a todo o mundo que colaborou e colabora e especialmente a aqueles que protagonizaron e aos que lles pertencen estes catro anos: a todos os que entrades e ledes. Grazas.