Chegamos a un punto equidistante entre a celebración dunhas eleccións municipais, as de 2007, e a nova volta ás urnas no 2011. Pasaron e faltan 2 anos.
Os pasados foron un período continuísta con todo o anterior e os futuros, aínda que máis incertos pola recente mudanza na corporación e na alcaldía, preséntanse en principio semellantes.
Nestes dous últimos anos a oposición tivo que acomodarse á nova situación que ditaron as urnas aquel 27 de Maio de 2007: por primeira vez é o PSOE o partido maioritario e o BNG ocupa a segunda posición.
De todos os xeitos, na práctica este cambio non foi máis que numérico, xa que na maioría dos temas foron outra vez máis os nacionalistas quen capitanearon o xogo político fronte ao Partido Popular ante un Partido Socialista que segue instalado na comodidade/amabilidade abstencionista.
E a dous anos vista poucas dúbidas hai ao situar as caras na cartelaría electoral. Todo indica que o recente cambio na alcaldía Tourís-Aragunde vai levar a este último ao primeiro posto na candidatura da dereita cambadesa. E por outro lado a continuidade de Víctor Caamaño parece, ademais de probábel, necesaria e positiva para que os nacionalistas recuperen de cara á cidadanía un referente estábel que perderon nos últimos anos.
A dúbida está desta volta no Partido Socialista, cun incombustíbel Domingo Tabuyo que hoxe por hoxe parece aínda a única posibilidade real na agrupación local do PSOE. No seu favor xoga o ascenso electoral da súa formación desde un concelleiro até os cinco da actualidade. E na súa contra xogan os múltiples intentos que o tamén deputado no Congreso afrontou como candidato (en 2011 serían as súas cuartas eleccións como cabeza de lista). Por outra banda podería verse na persoa de Rafael Blanco un novo candidato do PSOE á alcaldía, logo de que este substituira ao propio Tabuyo como voceiro no pleno da corporación nas súas ausencias e da súa integración na lista autonómica do PSOE o pasado marzo.
Desde logo, o tempo será o que traia as respostas. Mentres o único que se pode facer é reflectir rumores (nunha vila moi dado a eles, por certo) e xogar a ser adiviño.
Pero 2011 pode ser unha data clave para a política local, xa que o relevo no Partido Popular podería facilitar unha nova oportunidade de artellar por fin un goberno en Cambados para todos. Penso que BNG e PSOE deben ser conscientes do vitais que han resultar estes dous últimos anos de lexislatura.