No día de onte tivo lugar en Cambados o tan anunciado acto de entrega do VI Premio Ramón Cabanillas. Como adoita ocorrer nestas ocasións a cousa comezou cun chisco de retraso. Pero, aínda que rematou moi pasadas as dez da noite, non foi para nada unha cerimonia pesada.
Comezou intervindo a persoa que estivo detrás da organización, Moncho Domínguez da libraría Cabanillas, lendo unha pasaxe que o premiado escribiu sobre cando e como coñeceu da existencia do poeta da Raza. Logo, Xosé María Ribadomar, un xove poeta da nosa vila, recitou o poema A Calzada de Cambados, e de seguido Miguel Costas ofreceu aos asistentes unha interpretación de Camiño Longo no piano.
Seguiu o acto coa presenza de Xoán Piñeiro, amigo da infancia de Francisco Fernández Rei. Ademais de recordar unha serie de momentos que ambos os dous pasaron xuntos no barrio de Triana, Piñeiro recitou uns versos que el mesmo escribiu relatando a vida do seu amigo desde cando era pequeno até o presente.
A curta de Chourizo Films foi presentada por Domínguez, quen louvou a actividade que este grupo de xoves cambadeses comezaron facendo dun xeito amateur e que se está a converter nunha rápida produción cada vez máis traballada de filmes. O que presentaron onte era unha interpretación do poema de Ramón Cabanillas A man sagrada, que eles deron en chamar A man segreda realizando nun xogo de palabras. Agardo que pronto poidamos reproducir neste mesmo espazo o vídeo porque o resultado foi moi bo.
O pianista Miguel Costas volven subir ao escenario unha vez máis e veuse na obriga de executar uns moi solicitados bises que o público lle pediu cos seus fortes aplausos.
E xa chegados a este momento, foi Fina Casalderrey, premiada o ano pasado con este mesmo galardón, quen subiu ao escenario a entregarlle a Fernández Rei o VI Premio Ramón Cabanillas. A escritora evocou a historia do Principiño para poñer de manifesto que o trianero era un home de mundo, igual que o protagonista daquela historia que viaxaba por diferentes planetas. Tamén recordou que naquel conto o protagonista regaba día tras día unha “flor diferente” que medraba nas súas terras, e con ela estableceu un paralelismo coa realidade: os galegos tamén temos algo que coidar, que é o noso idioma.
Os asistentes ao acto recibiron de pé ao premiado cun longo e intenso aplauso, que tivo que ser sileciado polo propio Fernández Rei. El, logo dun extenso capítulo de agradecementos, contou que se sentía orgulloso de ser de Cambados, e moi orgulloso de pertencer a Triana. Lembrou ao público aquelo que segundo el representan os seus pais como “memoria viva dun Cambados que xa se foi.” Lembrou como comezou a ler Cabanillas e a estudalo.
A noite rematou coa actuación de Xaquín Xesteira (oboe) e Xoán Silva e Blas (guitarra e voces). Eles musicaron con acerto varios poemas de Cabanillas. Remataron co Himno de Acción Gallega, que logrou que o auditorio acabara por corear a famosa estrofa: Antes de ser escravos / ¡irmáns, irmáns galegos! / que corra o sangue a regos / dende a montana ó mar. Un moi bo peche para unha entrega de premios memorábel.
Conversa
Trackbacks/Pingbacks
Pingback: Cambados(tk) » Ramón Cabanillas desde aquí (III) - 21/05/2009
Pingback: Cambados(tk) » [O] Os Anos Cabanillas 2009 - 15/12/2009