Hoxe ás seis da tarde tivo lugar no colexio público de Santo Tomé a presentación do libro Ramón Cabanillas: exposición homenaxe dos centros de ensino do Salnés. A asociación de ensinantes do Salnés, CANDEA, leva traballando desde que se coñeceu a celebración do 50 aniversario da morte do poeta cambadés neste proxecto ambicioso que levou a que numerosos centros da comarca realizaran cos seus traballos unha exposición conxunta que agora se reflicte nese libro.
Foron en total 20 centros da comarca e o IES de Barro, un conxunto de 2.000 rapaces e rapazas desde os 3 anos até adultos. O exemplar hoxe presentado recolle os seus traballos que unen poesía, prosa, traballos de investigación, interpretacións plásticas, cómics, fotografía…todo xirando arredor da figura e a obra de Cabanillas.
A presidenta de CANDEA, Adela Leiro, quixo destacar que o entusiasmo co que o alumnado e o profesorado participou demostrou que Cabanillas pode ser unha fonte de inspiración para traballar a prol da nosa cultura e, en especial, da nosa lingua.
NOVAS ACTIVIDADES
Por outra banda, desde CANDEA anuncian que no mes de Outubro se celebrarán as II Xornadas Cabanillas na escola, na que se presentará unha Unidade Didáctica coa explicación de diferentes propostas de traballo elaboradas nos distintos centros.
Esta asociación está a demostrar mes a mes neste Ano Cabanillas 2009 a valía e o traballo de iniciativa e coordinación das persoas á fronte da mesma, así como a súa entrega na divulgación da cultura e a lingua deste país.