Como na anterior campaña electoral estatal e como xa intentaron sen éxito na galega, a RTVE propónnos en horario de máxima audiencia que asistamos a un debate (posíbelmente tamén milimétrico e a base de monólogos perfectamente estudados) entre candidatos das dúas forzas maioritarias.
Eu comprendería -aínda que non compartiría- este convite se partise dun ente privado, pero non o podo facer cando provén dunha televisión que se di pública.
É unha constante nos medios o querernos facer crer que só existen dúas opcións á hora de votar, parece que a estratexia sistemática é ignorar as demais posibilidades como táctica para afondar nun bipartidismo que resta democracia.
Unhas eleccións son, como o di a propia palabra, unha escolla. E para escollermos, temos que coñecer todas as opcións. Ao final acontence o mesmo que no tema da lingua: pídese liberdade de decisión pero quérese negar a posibilidade de que os nenos coñezan os dous idiomas. E eu pregúntome: como se pode elixir algo, ben sexa unha lingua, ben sexa unha papeleta nun colexio electoral, cando só se nos permite coñecer parte das opcións? É iso realmente liberdade?