O BNG envía a tarxeta para convidar a todos os veciños do Salnés ao seu mitin central na comarca da campaña das europeas. Será mañá venres ás 20.30 na Praza da Peixería en Vilagarcía. Intervirán Xosé Castro Ratón, tenente de alcalde, Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG e Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo.
DEBATE
Por outra banda, a propia Ana Miranda debatirá esta noite en Tele Salnés con Millán Mon (PP) e Rosa Miguélez (PSOE) no programa Contrastes. Quen o desexe pode deixarlle preguntas aos candidatos na páxina web do Canal Rías Baixas, que así é como se chama agora Tele Salnés.
Finalmente foi desvelado tamén o nome na persoa que será designada no pleno de hoxe primeiro tenente de alcalde. Será o concelleiro popular Juan José Cores Chaves, que non disporá da liberación pero que segundo fontes municipais, se atopará polas tardes no Concello para cumprir coas súas obrigas. Chaves non accederá finalmente á área de Cultura, como era tradición na tenencia de alcaldía, simplemente seguirá a desempeñar a área de Economía e Facenda e será o propio Luís Aragunde quen se encargue da planificación cultural.
Segundo propio alcalde, tal decisión se debe á proximidade da Festa do Albariño e á celebración do Ano Cabanillas.
Por outra banda, Iglesias Pombo (que ocupará a segunda tenencia) non será liberado total, senón parcial, para que compatibilice o traballo como empresario e o labor no Concello.
Como xa dixen, vivimos bombardeados pola propaganda de PP e PSOE. Entón eu vou aplicar aquí ese principio tan de moda da discriminación positiva: vou falar un chisco da terceira vía, da vía galega de cara ás eleccións do 7 de Xuño.
Desta volta o nacionalismo galego cambiou a súa alianza electoral e concorre aos comicios europeos xunto con Esquerra Republicana de Catalunya, Aralar, Eusko Alkartasuna ou Chunta Aragonesista. A primeiras, unha opción moito máis coherente e que eu penso que a base social do propio BNG prefire por mera afinidade ideolóxica (polo menos xa non hai que ir pensando en excusas para contarlle a quen pregunta por que o Bloque comparte lista con partidos de centro-dereita).
Pero é que ademais a candidatura de Europa dos pobos-Verdes contempla a trasitoriedade do euroescano entre as principais forzas que a integran. É dicir, aínda que non se acade o segundo representante (que lle correspondería á representante do BNG Ana Miranda) Galiza si tería representación durante un tempo proporcional aos votos da coalición electoral no noso país -os votos ao BNG-.
Non vai pasar xa o que lle sucedera a Camilo Nogueira en 2004 cando as artimañas do Partido Popular lle arrebataron o seu escano. Daquela os eurodeputados da coalición Galeusca (CiU-PNV-BNG) non eran rotatorios.
Isto, que é un feito público, é obviado pola prensa galega á hora de ofrecer información electoral, por exemplo ao amosar resultados de inquéritos. Empéñanse en dicir que coa previsión actual de que EdP obteña un deputado o BNG quedaría sen representación en Bruxelas. Eles saberán os motivos de por que o fan, desde logo nós, visto o visto, xa o deberiamos intuir.
Pero non só a candidatura importa: importa moito a candidata. Ana Miranda gústame. Gustoume cando lin o seu currículo, con sobrada experiencia en política internacional, e con mestres de tanta altura como Xosé Manuel Beiras ou o propio Camilo Nogueira, de quen foi asesora en Bruxelas cando Camilo era eurodeputado (1999-2004).
Gustoume aínda máis cando vin o vídeo que xa se amosou neste espazo a semana pasada. Gústame porque é natural e nótase que ten ilusión en confianza no que fixo e no que quere facer.
Da campaña do BNG non me gusta o lema, aínda que soe ben (Imos a Europa, vés?) porque tal e como vén defendendo o nacionalismo e a propia Ana Miranda, Galiza non ten que ir a Europa: somos Europa. Estamos en Europa, o que si falta agora é que haxa alguén en Bruxelas, en Estrasburgo, para que a nosa voz -en calquera variante da nosa lingua- sexa escoitada e tida en conta. E para iso só hai unha opción. Chámase Ana e apelídase Miranda.
Non me gusta o lema que escolleu o BNG, pero eu, traizoando a miña opinión sobre el, con Ana Miranda si que vou a Europa.