Como xa dixen, vivimos bombardeados pola propaganda de PP e PSOE. Entón eu vou aplicar aquí ese principio tan de moda da discriminación positiva: vou falar un chisco da terceira vía, da vía galega de cara ás eleccións do 7 de Xuño.
Desta volta o nacionalismo galego cambiou a súa alianza electoral e concorre aos comicios europeos xunto con Esquerra Republicana de Catalunya, Aralar, Eusko Alkartasuna ou Chunta Aragonesista. A primeiras, unha opción moito máis coherente e que eu penso que a base social do propio BNG prefire por mera afinidade ideolóxica (polo menos xa non hai que ir pensando en excusas para contarlle a quen pregunta por que o Bloque comparte lista con partidos de centro-dereita).
Pero é que ademais a candidatura de Europa dos pobos-Verdes contempla a trasitoriedade do euroescano entre as principais forzas que a integran. É dicir, aínda que non se acade o segundo representante (que lle correspondería á representante do BNG Ana Miranda) Galiza si tería representación durante un tempo proporcional aos votos da coalición electoral no noso país -os votos ao BNG-.
Non vai pasar xa o que lle sucedera a Camilo Nogueira en 2004 cando as artimañas do Partido Popular lle arrebataron o seu escano. Daquela os eurodeputados da coalición Galeusca (CiU-PNV-BNG) non eran rotatorios.
Isto, que é un feito público, é obviado pola prensa galega á hora de ofrecer información electoral, por exemplo ao amosar resultados de inquéritos. Empéñanse en dicir que coa previsión actual de que EdP obteña un deputado o BNG quedaría sen representación en Bruxelas. Eles saberán os motivos de por que o fan, desde logo nós, visto o visto, xa o deberiamos intuir.
Pero non só a candidatura importa: importa moito a candidata. Ana Miranda gústame. Gustoume cando lin o seu currículo, con sobrada experiencia en política internacional, e con mestres de tanta altura como Xosé Manuel Beiras ou o propio Camilo Nogueira, de quen foi asesora en Bruxelas cando Camilo era eurodeputado (1999-2004).
Gustoume aínda máis cando vin o vídeo que xa se amosou neste espazo a semana pasada. Gústame porque é natural e nótase que ten ilusión en confianza no que fixo e no que quere facer.
Da campaña do BNG non me gusta o lema, aínda que soe ben (Imos a Europa, vés?) porque tal e como vén defendendo o nacionalismo e a propia Ana Miranda, Galiza non ten que ir a Europa: somos Europa. Estamos en Europa, o que si falta agora é que haxa alguén en Bruxelas, en Estrasburgo, para que a nosa voz -en calquera variante da nosa lingua- sexa escoitada e tida en conta. E para iso só hai unha opción. Chámase Ana e apelídase Miranda.
Non me gusta o lema que escolleu o BNG, pero eu, traizoando a miña opinión sobre el, con Ana Miranda si que vou a Europa.
Conversa
Os comentarios están pechados.