//
arquivo

Archive for

Redes Escarlata honrarán a Cabanillas o vindeiro venres


redesescarlata

A continuación reprodúcese unha nota de prensa de Francisco Fernández Rei en nome das Redes Escarlata:

A asociación de intervención sociocultural REDES ESCARLATA, á que nada relativo á lingua e á cultura galegas lle é alleo, en abril do 2008 celebrou en Padrón o 50 aniversario da coroación poética de Ramón Cabanillas, xunto con poetas das terras de Iria e de Cambados.

Neste ano 2009 en que Cambados e a comarca do Salnés están a conmemorar o 50 aniversario do falecemento do poeta das Irmandades da Fala, as REDES ESCARLATA e os Poetas da Terra de Cambados queren cantar a Cabanillas na súa vila natal ovindeiro venres 3 de xullo. Este mesmo día do ano 1960 inaugurouse no popular paseo da Calzada o monumento que deseñara Francisco Asorey, formado por un cón do Monte da Pastora (coa dedicatoria de Vento mareiro a Cambados), sobre unha base de pedra do pinal de Tragove que cantara Cabanillas.

O programa dos actos é o seguinte:

1. Ás 20h concentración diante da casa natal do poeta (actual Casa-Museo Ramón Cabanillas, sita na rúa Novedades de Fefiñáns).

Despois da saudación a cargo de Francisco Fernández Rei e da interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia polo gaiteiro (e presidente das Redes Escarlata) Xosé Antón Laxe Martiñán, farase un cortexo cívico con este percorrido: praza de Fefiñáns (popularmente praza do Mercado), rúa Real (pasando por diante da casa familiar de Cabanillas), praza de Asorey (onde está o monumento ó escultor da Naiciña e a casa modernista onde viviu Valle-Inclán), rúa do Príncipe e paseo da Calzada. No monumento farase unha ofrenda floral, en nome das Redes Escarlata e do pobo de Cambados.

2. Ás 20,30h., no paseo da Calzada, haberá un recital poético e unha actuación musical, precedida da intervención de Luís Rei (cronista dos desterros e das saudades de Cabanillas ) e da intervención dun familiar do poeta.

A seguir o escritor (e membro das Redes Escarlata) Anxo Angueira irá presentando as persoas que van recitar textos propios ou de Cabanillas:

Polas Redes Escarlata recitarán Óscar Antón, Neves Soutelo, Xosé Luís Santos Cabana, Xaquín Silva, Xosé Antón Laxe Martiñán, Elvira Riveiro, Isaac Xubín, Xabi Xil Xardón, Iago Castro e Antón Dobao.

Pola Terra de Cambados recitarán Emilio Insua, María Xosé Cacabelos, Manuel Costa Trigo, Xosé Ramón Martínez Cacabelos, Domingo Tabuyo e Xosé María Vila Ribadomar.

Haberá tamén música (e poesía) a cargo de Leo de Matamá (membro das Redes); e finalmente o gaiteiro Laxe Martiñán interpretará o Himno Galego.

3. Se chove farase a concentración na casa natal de Cabanillas, o cortexo e a ofrenda; pero o acto poético-musical trasladaríase ó Auditorio da Xuventude, sito na rúa San Francisco, a uns pasos da actual igrexa parroquial (antigo convento franciscano sobre o que versou en 1923 o tema da sesión inaugural do Seminario de Estudos Galegos, a cargo do seu primeiro presidente, o arraiano Armando Cotarelo Valledor).

4. O Ilmo. Concello de Cambados colabora no acto poético do 3 de xullo en honra de Cabanillas coa achega de toda a infraestrutura necesaria.

"Infernos na terra", curtas dramáticas no Centro Comarcal


curtasexposalnes

Este venres, seguindo co ciclo de curtametraxes que se leva a cabo no Centro Comarcal, é o turno do xénero dramático. Infernos na terra é unha sesión de seis curtas que tratan diversos temas, compartindo o xénero do drama. Será o venres 3 de Xullo  ás 18:00 en Exposalés.

Trescentas persoas en defensa do ensino en galego


concentraciongalego

O acto de protesta contra as medidas antigaleguizadoras do Goberno da Xunta no ensino contou cunha boa participación na tarde de onte en Cambados. O Paseo da Calzada ateigouse cunhas trescentas persoas unidas polo seu compromiso coa lingua deste país.

Representantes de ANPAs, colectivos de mestres e profesores de Secundaria, equipos de Normalización e Dinamización Lingüística,  asociacións de mestres, …todos en defensa do ensino en galego.

Empregáronse as palabras de escritores e escritoras que xa de vello, e tamén de novo, veñen loitando pola  nosa lingua. Así, na tarde de onte isto foi o que soou no centro de Cambados pasadas as oito e media da tarde:
Carmen leu “O ladrón das palabras” de  Sechu Sende. Mariña, Cantares Gallegos de Rosalía. Antía, “A lingua das fadas” de Lamas Carvajal. Álvaro “A fala é comuñón e sentimento” de Manuel María. Celia, “Deitado frente ó mar” de Celso E. Ferreiro. Elena, “A fala” de Manuel María. Breixo, “Galicia” de manuel María. Alma Losada, “Galicia, nai e señora” do Poeta da Raza, de Cabanillas. Viqui, o relato de sechu Sende, “Ás veces sinto que no meu país faltan palabras”.

E para rematar a mobilización, o grupo “Ventiños” de Oubiña puxo á música por medio dos instrumentos tradicionais galegos e interpretou o noso Himno. 

Máis información na web do colectivo de nais e pais Casaescola.

 

concentraciongalego2

concentraciongalego4

concentraciongalego6

concentraciongalego3

Participa na concentración en defensa do galego no ensino mañá xoves


galego3O acto comezará arredor das oito e media da tarde no Paseo da Calzada, en Cambados. Convocaron esta mobilización diversas asociacións de pais e nais da comarca, como o colectivo Casaescola, convocatoria á que se sumaron profesorado (como CANDEA) , sindicatos (CIG, CCOO, UXT e SGTE) e outros colectivos como Nova Escola Galega ou Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG).

“En defensa da lingua, polo dereito a aprender en galego” Ese é o lema escollido para a protesta, que segundo indican desde Casaescola é “realizar unha última contestación tanto á mal intencionada e acientífica enquisa como á política contraria ao galego que parece querer implantar a Consellería de Educación.”

Prevese unha numerosa asistencia de cidadáns de toda a bisbarra, especialmente dos pais e nais do centro da Pastora que vén como o Plan Experimental do galego podería verse suprimido sen previo aviso despois de tres anos de exitoso funcionamento e con 68 rapaces acollidos a el.

Todos e todas debemos non só apoiar, senón tomar parte nesta concentración.

Imaxe extraída de A Nosa Terra.

O Rif-Rock cumpre o 2 de Xullo dez anos de vida


rif10aniversario

E por suposto que haberá celebración. De feito desde o Rif xa se lanzou un programa especial de concertos para conmemorar o décimo aniversario do pub.

O sábado 4 de Xullo estará Lou Reyes & Los Astros e logo sesión a cargo de Lorre Lorre Dj. O 11 de Xullo é o turno de Los Hijos Bastardos de Peter Lorre e unha sesión a cargo de La Lorre Inc.DjSet.  Airas encárgase de pechar esta programación, será o 17 de Xullo cun concerto acústico de Airas no que participarán Kevi, Karlos e algún convidado especial.

Irase informando de cada un dos eventos desde este espazo. Non pode faltar a noraboa a Mon, a persoa que está detrás disto, e por suposto: felicidades Rif-Rock e que cumpras moitos máis!

A asociación "Por dereito" pide unha reunión co Conselleiro para evitar que desapareza a aula estábel n'A Lomba tralo cambio de Goberno


A continuación reprodúcese a nota de prensa da Asociación Por Dereito:

pordereitoAnte a incerteza da continuidade da aula estábel, creada no colexio CEIP A Lomba no curso 2008-2009, Por Dereito, busca a contrarreloxo, unha reunión co novo Conselleiro de Educación, co fin de chegar a un acordo que de continuidade no tempo, a este proxecto educativo.

A obxectivo da aula estable é fomentar a inclusión e a participación de persoas con necesidades de educación especial, como Autismo e outros trastornos do desenvolvemento na educación ordinaria. O resultado desta experiencia durante este curso, foi extraordinaria. Todos os pais constatamos avances sobresalientes nos nosos fillos. Cousas tan sinxelas para nós como a autonomía, a iniciativa propia, a capacidade de decidir, etc.. é algo que xamais pensamos ver nos nosos fillos, e despois deste ano é un soño que comeza a facerse realidade. Os nosos fillos compartiron educación, cada un na súa clase, co resto dos seus compañeiros e á vez, recibiron apoio específico en determinadas horas da xornada na aula estable. Todo isto débese a unha suma de factores como son, a colaboración, implicación e traballo do profesorado do CEIP A Lomba, o traballo e coñecementos dos profesionais da Asociación BATA, e non menos importante, a implicación de todo o alumnado e pais do centro, que se converteron, en compañeiros, titores, pais e nais dos nosos fillos.

En base a todo isto consideramos que a desaparición da aula estable, ou dalgún dos factores apuntados antes, suporía, un retroceso total e absoluto na educación e o proxecto de vida dos nosos fillos, así como do resto dos nenos, algo ao que nin pensamos nin podemos renunciar.

Non podemos entender como un proxecto educativo innovador, que aglutina a todo tipo de persoas e converte contornas, antes segregados nunha única contorna, non conta co apoio total e absoluto das diferentes administracións e institucións. Unha vez máis, ante todo somos pais e por tanto non entendemos que conceptos como público, privado, específico, etc poida impedir o proxecto de vida que queremos para os nosos fillos.

Por todo isto, cremos que é necesaria e urxente unha reunión co conselleiro de educación que, estamos seguros, producirase en breve e na cal se deberán sentar unhas bases firmes para a continuidade e desenvolvemento deste gran proxecto educativo.

Podes descubrir máis sobre este colectivo no blog que se abrirá ao premer no enlace.

Así votamos desde hai vinte anos en Cambados (II)


 

municipais2

A liña verde representa a suma da porcentaxe de voto do BNG e o PSOE até 1999 e a suma dos dous con Independentes en 2003 e Partido Galeguista en 2007. 

Así votamos desde hai vinte anos en Cambados (I)


 

municipais

 

O ensino mobilízase polo galego. O xoves concentración na Calzada de Cambados


galegoAínda que xa rematou o prazo de entrega das enquisas que a Xunta enviou aos pais e nais para coñecer, supostamente, a súa posición sobre a lingua no ensino, a loita polo mantemento dos niveis de galego que existen co actual decreto segue na rúa.

O vindeiro xoves ás oito e media da tarde está convocada unha mobilización no Paseo da Calzada baixo o lema «En defensa da lingua, polo dereito de aprender en galego». A concentración está avalada pola asociación de pais e nais de alumnos da comarca  Casaescola, a organización de ensinantes do Salnés CANDEA, Nova Escola Galega, Asociación Sócio Pedagóxica Galega, Asociación Galega de Xogos Populares e Tradicionais  e sindicatos.

Xusto hoxe podiamos ler tamén na prensa como os pais e nais do colexio infantil A Pastora se queixan porque a Xunta de Galicia vai retirar sen previo aviso o Programa de ensino en galego, un plan voluntario que estaba a implantarse en diferentes zonas do país e que permitía aos rapaces de 3 a 5 anos un ensino mediante inmersión lingüística en galego.

A práctica totalidade dos pais deste centro enviou un escrito ao director xeral de Educación no que piden a continuidade do proxecto polos excelentes resultados. Os pais que decidiron voluntariamente acollerse a esta opción aseguran que os nenos son realmente bilingües e non entenden a retirada dun modelo no que en Cambados estaban inscritos 68  rapaces.

Ulloa será outra vez concelleiro do BNG trala renuncia de Amancio Gondar


amanciogondar2Anunciárono onte Víctor Caamaño acompañado dous dous protagonistas. Amancio Gondar, até agora membro do Grupo Municipal do BNG deixa o seu posto de concelleiro aducindo cirscunstacias persoais e familiares, que, de feito,  o levarán a apartarse doutras asociacións nas que participa.

Ramón Martínez Ulloa foi Vicepatrón Maior, membro de Unha Grande Chea e  xa fora concelleiro na anterior lexislatura comandada por Roque Durán e participou na candidatura nacionalista de 2007 no quinto posto. Pese a elo, será Ulloa e non a número catro (Mari Carmen Aguín Bea) quen asuma a acta de concelleiro.

Aínda que Gondar compareceu ante aos medios na sede do BNG e rodeado de membros do consello local , La Voz de Arousa asegura que a súa marcha débese a diferenzas internas con Montserrat Prado.

RENOVACIÓN NO BNG

Por outra banda, o voceiro local Víctor Caamaño dixo que este cambio no grupo municipal coincide co proceso de renovación no consello local do BNG que se levará a cabo moi pronto. Até o de agora Víctor Caamaño ocupou o cargo de portavoz local, cousa que non se prevé que  varíe, e Xoán Antonio Pillado o de responsábel local da organización nacionalista, circunstancia esta última que si podería variar tralo proceso de renovación no BNG cambadés.

Imaxe extraída de La Voz de Arousa

Nas redes sociais

Xuño 2009
L M M X V S D
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.