Desde o 1 até o 15 deste mes poderemos ver no Centro Comarcal do Salnés unha exposición que ofrece a mirada dun pintor e fotógrafo galego sobre un dos países máis pobres do mundo: Níxer.
No mes de abril do 2006, unha expedición organizada pola ONG Acción contra a Fame, e integrada por algúns dos seus membros xunto a outros pertencentes a Cultura Solidaria Galega -entre os que se atopa o propio Costa- percorre o país nixerino , non só para obter información directa sobre a castigada rexión africana, senón tamén para coñecer in situ o desenvolvemento dos diferentes proxectos humanitarios que Acción contra a Fame desenvolve alí.
Esta experiencia é aproveitada por Alfonso Costa para, entre outras cousas, captar co obxectivo da súa cámara as imaxes intensamente vívidas dunha paisaxe humana que sofre e, porén, mantén ergueita a bandeira da dignidade e da esperanza. Porque, se cadra, este é un dos aspectos máis salientables da mostra realizada por Costa e que moito ten que ver coa súa personal mirada artística.
Acción contra a fame traballa en Níxer dende o ano 1997. Leva a cabo proxectos de auga e saneamento, prevención e tratamento da desnutrición, mellora das condicións sanitarias materno – infantís, mellora e diversificación da producción agrícola e gandeira, etc.
Níxer é un dos países máis pobres do mundo segundo o informe do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD): ocupa o posto 174 de 178.
Comentábase aquí hai uns días que a TVG viña de emitir un documental sobre a Operación Nécora onde aparecía a nosa vila. Ese programa, A Caixa Negra, presentado polo coñecido Gonzo, íase dedicar a repasar cada semana un acontecemento histórico do noso país facendo uso de testimonios de analistas e dos protagonistas dos feitos.
Desgrazadamente o programa só puido emitir até o momento dúas entregas (a do narcotráfico e a da semana pasada que repasaba o accidente do Casón). Onte a TVG tiña programado publicar o seguinte episodio, que ía versar sobre o caso das Vacas Tolas, pero en lugar disto apareceu a esa hora unha película de Clint Eastwood.
Segundo a nova directora da TVG tralo cambio na dirección da cadea pública “los criterios informativos cambian”, ademais de que a súa emisión podía molestar ao sector gandeiro “muy perjudicado por la crisis láctea y la fiebre porcina”.
Rosa Vilas foi subdirectora de informativos na Galega até 2005, esperemos que ese “cambio de criterios informativos” non signifique unha volta atrás na pluralidade do ente público, que non se volte á forma de facer da época do Prestige onde a TVG manipulaba e silenciaba determinados acontecementos. Desde logo, por moi cambadesa que sexa, a nova directora da Televisión de Galicia non comezou con bo pé.