Estes días están chegando ás nosas casas unha carta na cal o ex alcalde e actual Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, amosa os motivos que o levaron a abandoar os seus cargos electos (alcadía e escano no Senado).
Di Tourís que foi a petición do novo Presidente, Núñez Feijoó, a que o levou a tomar unha decisión que “non foi doada”, xa que era a súa intención “rematar estes catro anos de goberno”.
Di asumir o novo reto con ilusión e que vai traballar “pola prosperidade dos municipios da provincia, e tamén polo desenvolvemento de novos proxectos”, e é aquí onde aproveita para cargar unha vez máis contra o anterior goberno: “e daqueles que quedaron pendentes tralos catro anos de goberno bipartito da Xunta”.
Ademais, presenta ao novo alcalde de Cambados, Luís Aragunde, e repasa o que para el foron os principais logros dos seus gobernos locais: “equiparamos as parroquias co casco urbano cambadés, creamos o polígono industrial, paseos marítimos, o complexo polideportivo de O Pombal, pavillóns deportivos nos colexios”, “vivendas sociais, novos xulgados”, “ampliación do patrimonio cambadés con edificios tan simbólicos como o Pazo de Torrado, a Casa dos Fraga ou a antiga fábrica de Peña”.
Esquécese así tamén de temas como o propio problema de saneamento que prouce uns cheiros que duran xa máis de catro anos, o abandono de certas instalacións deportivas, a venda de patrimonio do Concello, como o campo da Mercede para o negocio inmobiliario, fala das vivendas sociais cando foi el quen se opuxo a que a antiga Consellaría de Vivenda creara 140 vivendas a prezo tasado na Grenla, ou duns xulgados novos que non dependeron da súa xestión.
A carta chega aos buzóns sen membrete de ningunha administración e o propio folio tampouco amosa ningunha marca institucional, é de supoñer que non está pagada por ningún organismo público. Cores Tourís asina como Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, o seu novo cargo.
Conversa
Os comentarios están pechados.