Aburrida. Así foi a xornada que afrontamos o pasado domingo, en especial as persoas que vivimos as eleccións nos propios colexios electorais.
Sirva como indicador o pobre dato do 55% de participación no noso Concello, como de costume por riba das medias nacional e estatal.
E os resultados tampouco nos colleron tan por sorpresa, aínda que si son reveladores: Un Partido Popular que segue a medrar contra vento e marea.
En España medra a pesar dos casos de corrupción que imos coñecendo desde hai semanas. En Galiza medra a pesar da ofensiva antigalega da propia Xunta de Galicia, e dos golpes de temón do propio Presidente desdicindo cada promesa de campaña. E en Cambados medra a pesar dun cambio de goberno que ningún cidadán votou.
O Partido Socialista sofre, pola súa parte, un lóxico desgaste nunhas eleccións que o principal partido da oposición plantexou como case unhas Xerais e que o propio goberno aceptou como tales.
O Bloque Nacionalista Galego retrocede dazaseis anos en termos cuantitativos de voto e en Cambados segue descubrindo novos fondos electorais. A nivel galego os nacionalistas respiramos ao coñecer a nova de que Ana Miranda ocupará un euroescano durante aproximadamente un ano e medio da lexislatura.
Desde logo que non son boas novas, nin para a esquerda nin para o país en xeral.
En Europa a lectura non é tan negativa, a pesar de todos os titulares que limos na prensa. Aínda que o Partido Popular Europeo contará nestes cinco anos cun grupo máis amplo e o Partido Socialista Europeo cun máis reducido, o conxunto da centroesquerda europea pode (e debe) dominar a maioría parlamentar en Bruxelas, por exemplo apoiando unha candidatura alternartiva á de Durao Barroso á fronte da Comisión. Todo dependerá de se os socialistas deciden seguir sumando forzas cos conservadores en troques de traballar por un modelo de UE máis social cos grupos verde, demócrata e de esquedas.
O que ocorreu este 7 de Xuño nas urnas débenos servir como aviso. As vindeiras eleccións son municipais (2011) e con estes datos o PP está en posición de gobernar as principais cidades galegas, e en Cambados os populares non só non se desgastan, senón que recuperan apoios que foran perdendo ao longo dos últimos anos.
Quedan dous anos anos para traballarmos a prol dun cambio da vida política municipal. Cada un de nós ten moitas responsabilidades que asumir para acadar ese resultado. Hoxe, sen dúbida, é un bo día para comezar a sumar esforzos.
Conversa
Os comentarios están pechados.