Este vindeiro segundo fin de semana de Xuño celébranse na nosa vila dúas actividades relacionadas co Ano Cabanillas. Por un lado o sábado 13 Unha Grande Chea, o Concello de Cambados e o Club Xuventude organizan o II Serán Ramón Cabanillas que comeza pola mañá cun campionato de fútbol indor 3×3, sigue cun xantar popular no Pazo de Torrado e remata cunha tarde-noite de música galega a cargo de múltiples grupos da bisbarra. As ganancias irán destinadas ao Club Xuventude de fútbol.
Xa o domingo terá lugar a I Carreira Popular Ano Cabanillas ás 11:30, cun percorrido con saída e chegada na Praza de Fefiñáns nun total de 3 voltas que suman dez quilómetros. Participarán Pedro Nimo e Chus Valiño, dous deportistas profesionais, e todo aquel que o desexe pode facelo anotándose até hoxe á medianoite no seguinte enlace (www.champiochipnorte.com). Máis información na web de Unha Grande Chea.
O grupo de pop Nena Daconte será o encargado de pechar musicalmente a Festa do Albariño 2009. Nena Daconte xa publica na súa web o sábado 1 de Agosto como data dun concerto en Cambados, nun lugar aínda por confirmar (previsíbelmente na Praza de Fefiñáns).
Retales de Carnaval é o seu último traballo (2008). Segundo a propia páxina do grupo, un álbum luminoso, colorido e optimista cun estilo propio dunha banda en continuo crecemento. Tenía tanto que darte é o tema máis famoso da formación, para mostra o vídeo que se adxunta nesta anotación, no que Nena Daconte interpreta este tema no famoso programa de Buenafente.
Hai semanas coñecíamos que M-Clan eran os encargados de poñerlle música ao venres do Albariño.