Hai un conto que a todos nos ensinan de pequenos no que unha rapaciña que vestía de vermello tiña que levarlle de comer á súa avoa anciá. No camiño, o vieiro bifurcábase supostamente nunha opción curta e nunha longa. O antagonista da historia, o lobo feroz, mentíalle á xove rapaza e sinaláballe un camiño curto que non era tal. Ela non o dubidaba e botaba a andar por alá.
Á Caparuchiña Vermella plantexábanlle dúas posibilidades pero ademais de mentirlle non escollía en liberdade porque o lobo só lle falaba dun dos camiños e con esa información resultaba lóxica a escolla da nena.
Porque a liberdade de elixir non é tal cando se oculta unha das opcións , e máis cando se minte.
Nestes últimos meses padecemos unha batalla lingüística que foi a principal proposta de campaña do Partido Popular e que rematou co tradicional consenso neste país. Desde logo que non é bo xogar a gañar votos cun tema como este, o tempo está a demostralo.
Aqueles que nos opoñemos á nova medida da Xunta de enviar cuestionarios a pais e nais sobre a lingua que queren para os seus fillos no ensino facémolo porque entendemos a educación non só como un dereito individual, senón como un piar básico do desenvolvemento da sociedade, e polo tanto non como algo que só incumba aos actuais pais, senón aos que xa o foron, aos que o serán e a todos en xeral.
Porque sabemos que un neno que naza en Galiza e non se lle garanta o dereito a estudar en galego non vai ter esa liberdade -coa que tanto se enchen a boca algúns agora- para decidir, chegado o momento, que lingua queren empregar.
Galicia Bilingüe, a extrema dereita e desgrazadamente agora tamén o Partido Popular e a propia Xunta de Galicia integran ese lobo que tenta seducir aos pais cun atractivo atallo que non o é, que simplemente é unha excusa para dar pasos atrás na defensa do noso idioma por primeira vez na historia da democracia.
(Artigo publicado hoxe no xornal comarcal O Aturuxo, ademais de en La Voz de Arousa e Xornal de Galicia como cartas ao director)
Xaquín Charlín (Chon) reflexiona hoxe desde o Aturuxo sobre as eleccións europeas que vimos de celebrar o pasado domingo. Na súa análise repasa en primeira instancia os datos numéricos: as ganacias e as perdas de cada forza política na comarca e no país, e por último publica a súa opinión persoal sobre os malos resultados colleitados o domingo nas filas do BNG, particularmente de Cambados.
Para Chon os dirixentes nacionalistas están a realizar un bo traballo pero existe unha mala comunicación co electorado, ademais critica tanto que se exclúa a parte da militancia dos órganos de dirección como que haxa quen se “auto exclúa”. Fai un chamamento á mocidade de esquerdas para que arrimemos o ombro e non só vexamos “o touro desde a barreira”.
Ademais, o Aturuxo publica hoxe un artigo de Óscar Pardo Planas no cal se critica a medida de enviar cuestionarios aos pais para que, supostamente, decidan a lingua na que estudarán os seus fillos. Titúlase Caparuchiña galega e o lobo.
Estará enmarcada dentro do primeiro Foro do Albariño que organiza a asociación de viticulores Adegas do Salnés e que vai tratar a influencia da crise no sector e as novas oportunidades que se abren para o futuro de adegas e para os propios viticultores.
Suárez Canal foi o conselleiro de Medio Rural na anterior lexislatura e falará hoxe a partires das sete en Exposalnés do traballo realizado desde o departamento que dirixiu para a promoción dos Rías Baixas e tamén dará a súa opinión sobre as perspectivas de futuro neste momento de crise económica.
Despois intervirán tres representantes sindicais de Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores.
As xornadas seguen mañá co coloquio “Reposicionamento do mercado en tempos de crise”, no que participarán o xerente de Martín Códax, Juán Vázquez, a responsábel de Pazo de Señoráns, Marisol Bueno e de As Laxas, José Simón. O xerente do Consello Regulados, Ramón Huidobro, moderará o debate.
Xose Ramón Durán, presidente de Terra de Asorei e organizador dos actos, entende como positivas este tipo de actividades porque permiten que adegueiros e viticultores expresen as súas inquedanzas e busquen estratexias comúns.