Hai un conto que a todos nos ensinan de pequenos no que unha rapaciña que vestía de vermello tiña que levarlle de comer á súa avoa anciá. No camiño, o vieiro bifurcábase supostamente nunha opción curta e nunha longa. O antagonista da historia, o lobo feroz, mentíalle á xove rapaza e sinaláballe un camiño curto que non era tal. Ela non o dubidaba e botaba a andar por alá.
Á Caparuchiña Vermella plantexábanlle dúas posibilidades pero ademais de mentirlle non escollía en liberdade porque o lobo só lle falaba dun dos camiños e con esa información resultaba lóxica a escolla da nena.
Porque a liberdade de elixir non é tal cando se oculta unha das opcións , e máis cando se minte.
Nestes últimos meses padecemos unha batalla lingüística que foi a principal proposta de campaña do Partido Popular e que rematou co tradicional consenso neste país. Desde logo que non é bo xogar a gañar votos cun tema como este, o tempo está a demostralo.
Aqueles que nos opoñemos á nova medida da Xunta de enviar cuestionarios a pais e nais sobre a lingua que queren para os seus fillos no ensino facémolo porque entendemos a educación non só como un dereito individual, senón como un piar básico do desenvolvemento da sociedade, e polo tanto non como algo que só incumba aos actuais pais, senón aos que xa o foron, aos que o serán e a todos en xeral.
Porque sabemos que un neno que naza en Galiza e non se lle garanta o dereito a estudar en galego non vai ter esa liberdade -coa que tanto se enchen a boca algúns agora- para decidir, chegado o momento, que lingua queren empregar.
Galicia Bilingüe, a extrema dereita e desgrazadamente agora tamén o Partido Popular e a propia Xunta de Galicia integran ese lobo que tenta seducir aos pais cun atractivo atallo que non o é, que simplemente é unha excusa para dar pasos atrás na defensa do noso idioma por primeira vez na historia da democracia.
(Artigo publicado hoxe no xornal comarcal O Aturuxo, ademais de en La Voz de Arousa e Xornal de Galicia como cartas ao director)
Conversa
Os comentarios están pechados.