Aínda que xa rematou o prazo de entrega das enquisas que a Xunta enviou aos pais e nais para coñecer, supostamente, a súa posición sobre a lingua no ensino, a loita polo mantemento dos niveis de galego que existen co actual decreto segue na rúa.
O vindeiro xoves ás oito e media da tarde está convocada unha mobilización no Paseo da Calzada baixo o lema «En defensa da lingua, polo dereito de aprender en galego». A concentración está avalada pola asociación de pais e nais de alumnos da comarca Casaescola, a organización de ensinantes do Salnés CANDEA, Nova Escola Galega, Asociación Sócio Pedagóxica Galega, Asociación Galega de Xogos Populares e Tradicionais e sindicatos.
Xusto hoxe podiamos ler tamén na prensa como os pais e nais do colexio infantil A Pastora se queixan porque a Xunta de Galicia vai retirar sen previo aviso o Programa de ensino en galego, un plan voluntario que estaba a implantarse en diferentes zonas do país e que permitía aos rapaces de 3 a 5 anos un ensino mediante inmersión lingüística en galego.
A práctica totalidade dos pais deste centro enviou un escrito ao director xeral de Educación no que piden a continuidade do proxecto polos excelentes resultados. Os pais que decidiron voluntariamente acollerse a esta opción aseguran que os nenos son realmente bilingües e non entenden a retirada dun modelo no que en Cambados estaban inscritos 68 rapaces.