//
arquivo

Archive for

Quedou inaugurada a Festa do Albariño 2009


Hoxe á unha do mediodía inaugurouse no Paseo da Calzada con representación da Deputación (presidente e vicepresidente), do Concello (alcalde e tenentes) e da Xunta de Galicia (como o director xeral Norberto Uzal).

albarino092

albarino09

albarino093

albarino094

albarino095

504, The Henry Warnimont e MQueen o mércores do Albariño


Mañá mércores 29 de Xullo terá lugar un concerto homenaxe á banda inglesa Queen na Praza do Concello. Ademais, tocarán xunto a este grupo The Henry Warnimont e 504.

A primeira banda é The Henry Warnimont, de estilo pop-rock, aos que puidemos ver en varias ocasións na zona de Cambados (Pub Rif-Rock, Xenon, Festival Flupop…) e que mañá amosarán ao público o seu novo material. Tocarán entorno as 10 da noite.

O segundo é un grupo de rap hardcore que nace pola converxencia de dous grupos, Bronquitis Crónica (Cambados) e Mito Escrito (Santiago de Compostela). Eles actuarán despois da homenaxe a Queen.

Finalmente, pois, o Concello recapacitou na súa tradicional negativa a que os grupos locais tocasen no Albariño. Pese a este cambio, que debe considerarse como  moi positivo, é unha mágoa que a hora do concerto non sexa máis “normal” e que non apareza na programación oficial das festas. Pero ante todo, esperemos que sexa un comezo e que para o ano se organice como debería.

Presentación de "Crónica de desterros e saudades", de Luís Rei


ramoncabanillas

Mañá martes 28 de Xullo terá lugar ás oito da tarde no Pazo de Torrado a presentación dun libro moi especial para este Ano Cabanillas 2009. Trátase da biografía sobre Cabanillas na que Luís Rei leva moito moito tempo traballando e que seguramente será a partires de agora un texto de referencia para todos os que queiran coñecer algún aspecto da figura do poeta cambadés.

Na presentación intervirán, ademais do propio Rei, Emilio Xosé Ínsua, Francisco Fernández Rei ou Víctor Freixanes, escritor e director da Editorial Galaxia. O acto terá un inicio e un feche musical a cargo da soprano Andrea Búa Aguín.

A causa de Facebook pola peonalización de Fefiñáns abre un blog informativo


fefinans2

Hai dúas semanas publicábase en Cambados(tk) a iniciativa de Iago Pillado Losada en Facebook pola Peonalización da Praza de Fefiñáns. Pois ben, esta inicitiva online reúne nesa plataforma social xa a 315 persoas que subscriben a idea de que a praza sexa só para os peóns.

Ademais, o autor do grupo en Facebook vén de abrir un blog, peonalización.blogspot.com, no que se explica a campaña e no cal se dán solucións a posíbeis problemas que podería ocasionar a prohibición dos coches no lugar, como o do aparcamento, ou o do tráfico. Desde este blog pódese acceder a unha petición na que todo o mundo que estea dacordo pode deixar a súa sinatura.

O Capítulo do Popularísimo


oscinco

O Capítulo do Serenísimo é unha montaxe do máis casposa e partidista, hai moitos anos que o sabemos e que se denuncia desde diferentes organizacións. Este ano, este ente predemocrático, “honrará” a cinco cargos do Partido Popular na Xunta de Galicia e no Concello.

Os nomes dos afortunados son Alfonso Rueda Valenzuela, Conselleiro de Presidencia, Samuel Juárez, Conselleiro de Medio Rural, Norberto Uzal Tresandí, Director Xeral de Administracións Públicas, Luís Aragunde, alcalde de Cambados e Rosa Vilas, directora da Televisión de Galicia.

O simpático do asunto é que todos eles teñen dúas cousas en común. A primeira, por suposto, é que ocupan o posto institucional a través da designación ou da elección polo Partido Popular. Pero a segunda , que non menos importante, é que todos levan no seu posto máis ou menos tres meses. Rosa Vilas, a cambadesa que dirixe a Televisión pública, é a que menos tempo leva no seu cargo, xa que foi nomeada a comezos de Xuño.

Desta información pode deducirse que a elección destas persoas para ser “honradas” coas distincións do Capítulo non se fai de xeito imparcial, non se atende a ningún principio rigoroso máis que o da pertenza á esfera popular. Porque evidentemente non se pode premiar o labor dunha persoa nunha institución cando nin sequera leva cen días no posto.

Resulta chamativo, ademais, que durante os pasados catro anos, tal e como vén de indicar o voceiro nacionalista Víctor Caamaño, non se lle concedera ningún tipo de distinción a Alfredo Suárez Canal.  Suárez Canal foi o Conselleiro de Medio Rural co bipartito e, ademais de asistir á Festa do Viño Albariño, apoiou non só esta celebración, senón a todo o sector vitivinícola desde o seu posto na Xunta. Pero por suposto, non contou co maior mérito que se necesita para ser Cabaleiro do Albariño: ter o carné do Partido Popular. E aínda por riba era do Bloque!

Pero pode estar ben tranquilo o señor Canal, porque ademais de realizar un excelente traballo á fronte da Consellaría, quen quere formar parte desa cadrilla de personaxes con capa, como a que ano tras ano engrosa o Capítulo do Serenísimo? O espectáculo que organizan e que protagonizan eles mesmos é certamente patético.

Ramón Cabanillas desde aquí (IV)


anocabanillas1

Hoxe 25 de Xullo, día da Patria Galega, resulta moi axeitado o seguinte poema do escritor cambadés. Titúlase En pé, e é quizais un dos pasaxes máis famosos -á par que combativo- de Ramón Cabanillas:

¡EN PÉ!


A Luís Porteiro.+

¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
¡cantémo-lo dereito
a libre nova vida!
Validos de treidores
a noite da Frouseira
a patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
¡Irmáns asoballados
de xentes extranxeiras,
¡ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

¡Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé, dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte!:
“¡A nosa terra é nosa!”


O BNG critica o nomeamento dos Cabaleiros do Albariño


victordiariodearousaA continuación reprodúcese  a nota que Víctor Caamaño escribe criticando o funcionamento partidista  do Capítulo do Serenísimo.

Semella que a próxima edición da Festa do Albariño volverase a converter nunha nova romaría do PP en Cambados, agora que a do Monte Faro xa pasou á historia.

Logo do paréntese que supuxo para esta festa a pasada lexislatura, xa está novamente permitido que os Conselleiros sexan nomeados Cabaleiros do Capítulo Serenísimo do Albariño. Nesta liña, será nomeado Cabaleiro o novo Conselleiro do Medio Rural, e de preguntarse cal é o seu mérito para acadar tal distinción, a evidente resposta será que forma parte da Xunta do PP. Nesta festa, ser do PP é suficiente mérito para ser nomeado Cabaleiro e para moito máis.

E porque o anterior Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, non foi distinguido con tal “honra”. No seu mandato como Conselleiro conseguíu dar estabilidade ao prezo da uva por medio da mesa de prezos, mostrou o seu apoio á festa coa celebración das Xornadas Técnicas do Albariño e estivo presente nas inauguracións anuais do evento, aínda que isto último non foi do agrado do PP de Cambados, e sempre deixou de manifesto o seu incondicional apoio ao sector do viño.

O único mérito ausente no currículo de Alfredo Suárez Canal foi non pertencer ao PP; precisamente carecía do mérito prioritario que o Capítulo Serenísimo ten máis en conta á hora de nomear aos Cabaleiros. O Capítulo Serenísimo; un ente que dista moito de ser unha organización democrática e que contempla cargos vitalicios e polo tanto non elixibles. Aínda que este ano anuncia cambios nos seus estatutos; supoñemos que serán para adecualos ás novas necesidades do PP.

Finalmente agardamos que este ano de crise económica, situación á que tanto recorre o PP para autoxustificar moitas das súas actuacións, desde o Concello de Cambados se mostre un mínimo de criterio e sentido común á hora de repartir invitacións gratuítas ao Xantar do Albariño e que un ano máis non se converta nun reparto xeralizado e indiscriminado a todo aquel que teña un mínimo de relación co PP.

O trailer de Gadis para en Cambados


vivamoscomogalegos

Aínda que non é política deste blog facer propaganda de ningunha empresa, as iniciativas de Gadis volven a dar que falar. O pasado día 18 de Xullo (Santa Mariña), o trailer do supermercado estivo na nosa vila e non foron poucos os cambadeses que participaron nun curioso concurso que consiste en lanzar o mellor grito de guerra posíbel  subido a un cabalo de pega e finalizándoo co famoso “vivamos como galegos“.

Todos os vídeos de Cambados poden verse premendo nesta ligazón. Os internautas podemos votar polos nosos favoritos e quen gañe será premiado cun reprodutor mp4. O máis votado de todo o país recibirá ademais un televisor de plasma.

O BNG do Salnés celebra mañá o Día da Patria en Cambados coa presenza de Guillerme Vázquez


diadapatria

O acto dos nacionalistas de toda a comarca terá lugar en Exposalnés ás nove da noite de mañá martes. No encontro intervirán o novo responsábel comarcal da formación, Xoan Antonio Allegue, así como o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez. Ao remate, militantes e simpatizantes do Bloque reuniranse no local da rúa Borrón.

25 de XULLO, Día da Patria Galega

E a nivel nacional, o BNG convoca a tradicional manifestación do 25 de Xullo que partirá como de costume ás 12 do mediodía desde a alameda. Este ano o lema escollido é MOVÁMONOS: polo noso idioma, polo noso emprego!. Ademais, o venres 24 e o propio 25 tamén se celebra en Compostela o Festigal, con actuacións en directo no Campus Sur da USC. Máis info na web do Festigal.

Interesante debate entorno o Albariño no libro de visitas


Non moitas veces se dá esta situación, pero hoxe o libro de visitas está sendo un lugar de debate interesante acerca dos grupos musicais que se traen ao Albariño.

O que é totalmente certo é que neste país temos cantidade de bandas de todos os estilos musicais (desde a tradicional ao rock, pasando polo hip-hop, polo pop, polo funk , metal…) que farían un excelente papel nunha festa que debería aspirar a ser algo máis do que ten sido nestes anos. O Concello debería actuar como un axente que promocione o que é noso, e a Festa do Albariño é unha ocasión de luxo para apostar pola música galega, que como se di no libro existe, e en moita cantidade e calidade.

E para demostralo e e disfrutalo aí temos hoxe e mañá o festival Revenidas en Vilaxoán de Arousa. Algún día en Cambados poderemos estar orgullosos de camiñar nesa dirección.

Nas redes sociais

Xullo 2009
L M M X V S D
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.