//
estás a ler...
Artigos de opinión, Galiza

Aforrar onde non se debe


aforroAs palabras aforro e todos os seus derivados deben de ser as máis empregadas desde que tomaron posesión tanto o presidente da Xunta de Galicia como o resto dos altos cargos. Aforro, e austeridade. A campaña de marketing que iniciou o Partido Popular nas autonómicas, daquela enganando e mentindo sobre un despilfarro que non era tal, acada agora a súa máxima expresión. Unha expresión patética e con dobre fío.

Primeiro, emprégase a clásica táctica de culpar ao anterior de todos os males, neste caso de ter presupostado incorrectamente. Logo, nun movemento estratéxico orixinal, anúnciase un recorte de altos cargos que finalmente apenas variará o gasto anterior porque o que non se anuncia é cantos van ser os asesores de libre designación que todos teremos que manter (algúns de dubidosa valía, por certo) nin como soben os soldos dos novos superdelegados con respecto aos anteriores.

De seguido, dun xeito cando menos incongruente, comézase a gastar ese orzamento que outros maltrataran duramente para pagar referendos arredor da lingua que nada van aclarar e que moito han de crispar, para conceder subvencións a escolas concertadas que separan a nenos e nenas nas aulas, e mesmo apóianse noutras institucións iniciativas como  unha redución dos impostos aos iates e embarcacións de luxo…

Iso si, aforrar, afórrase. Estase a aforrar cando se eliminan contidos culturais na Televisión pública de Galiza. Esta a aforrar cando se eliminan servizos como os dos centros Quérote de información afectivo-sexual, en especial nos asesoramentos ao colectivo homosexual.

Estase aforrar cando se elimina o programa de préstamos de libros no ensino, que por certo comezou na época de Fraga e foi ampliado co bipartito. Agora concerderanse subvencións, nas que a máxima cuantía será de 180 euros a familias nas que os pais gañen até 450 euros mensuais ou monoparentais con ingresos de 500 euros.

Segundo o cálculo da Consellaría de Educación esta medida implicará ao 25% das familias, pero non di nin en que grao –desde logo o grao máximo vemos que será minoritario- nin que con anterior modelo eran o 100% dos alumnos os beneficiados e no 100% do gasto, entendendo os libros de texto como parte do dereito a unha educación igualitaria. Intereses empresarias que moven a política educativa.

E, desgraciadamente, estou seguro que quererán aforrar tamén na sanidade, tempo ao tempo.

Aforrar afórrase, pero afórrase nuns temas que para moi amplos sectores da sociedade son básicos, son fundamentais. Ou acaso non lle importa aos pais que os libros xa non vaian a ser de balde?  Ou aos pais do colexio da Pastora, que aos seus fillos non lles ensinen nun avanzado programa de inmersión en galego que elixiron voluntariamente, e que non supón apenas gasto adicional?

Impórtanos aos cidadáns de a pé se nos baixan os impostos dos iates?

Gustaríanos que os subiran máis! Que se aplique máis presión fiscal a quen máis ten, pero que non se recurten servizos públicos, e menos nun período de crise no que se fan aínda máis necesarios.

Porque as medidas que hoxe se están a tomar son as medidas propias dun goberno tecnócrata e de dereitas, e até me atrevería a describilo como altamente cínico.

A alternativa pasa por defender un modelo social, isto é, máis servizos públicos e de maior calidade, menos presión aos máis afectados pola coxuntura actual e máis impostos para os que de verdade poden asumilos. E desde logo, que lles quede claro que a crise económica non pode ser a excusa para un exterminio cultural e lingüístico.

Advertisements

Conversa

Os comentarios están pechados.

Nas redes sociais

Xullo 2009
L M M X V S D
« Xuñ   Ago »
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: