Este curso vai ser un tanto especial no tema das actualizacións. Desde o 19 de Setembro até o día 30 é posíbel que se reduzan ou que non aparezan novas na portada. Cambados(tk) volverá a estar á disposición de todos vós o vindeiro mes de Outubro con toda a actualidade da nosa vila. Mentres o espazo de opinión do libro de visitas segue aberto para quen queira participar, sempre co máximo respecto.
Berros dende o alén é un blog no que o seu creador, o veciño de San Tomé Ramón Nogueira, expresa as súas opinións a través de pequenos relatos poéticos ou poemas mesturados con fermosas fotografías (tamén da súa autoría) que complementan os textos.
De feito, Ramón tamén dispón dun Flickr onde se pode ter acceso á súa colección de imaxes. Vale moito a pena pasarse polos dous espazos e ler e observar o que Ramón nos di a través da pantalla.
A imaxe foi extraída do blog mencionado.
Na vendima que comezará durante os vindeiros días non hai sitio para traballar. Así informan as adegas de Rías Baixas que din ter a máis de un millar de persoas en lista de espera, agardando o seu turno para traballar na recollida da uva albariña. Este ano descenderá o número de estudantes que alí traballen e e aumentará o número de parados ou traballadores que queren gañar un plus para o seu soldo. O pago por hora de vendima oscilará entre 7 e 10 euros, segundo o Diario de Arousa.
Por outra banda, co gallo da crise, a Xunta de Galicia segue a recurtar servizos públicos. Neste caso non é necesario ir moi lonxe, basta con mirar cara o CEIP San Tomé, onde os pais están indignados porque a Consellaría de Educación vai prescindir da metade do profesorado dirixido a ocuparse dos alumnos con necesidades especiais (uns 35 neste centro). Os pais amosan o seu enfado coa Consellaría porque non piden nada máis que unha educación de calidade para todos. Entre estes 35 alumnos atópanse rapaces con Síndrome de Down, autismo ou altas capacidades…a Consellaría desestimou o informe da orientadora do centro e non atenderá ás demandas en profesorado que mestres e pais facían.
Imaxe extraída do Diario de Arousa. A información foi recollida deste medio e de La Voz de Arousa.
Así o decidiron representantes dos cinco colexios públicos do Concello de Cambados nunha reunión a semana pasada, na cal se acordou apoiar esta iniciativa que xurdiu da Federación Galega de Directivos de Colexios de Ensino Público (Fegadecep). Así pois, os equipos directivos cos centros cambadeses non introducirán no programa informático persoa a persoa todas as solicitudes para as subvencións, senón que remitirán as peticións directamente á Consellaría de Educación para que sexan tramitadas alí. Polo tanto, esta protesta non vai impedir en ningún caso que a Consellaría teña constancia dos solicitantes das axudas para os libros de texto, pero si pode provocar un retraso na concesión das bolsas.
Desde os equipos directivos entenden que este traballo administrativo non é tarefa dos mestres e entorpece o inicio do curso escolar, xa de por si cargado de ocupacións para as persoas que figuran na directiva das escolas. En Vilagarcía de Arousa xa están pensando en secundar a protesta.
Tanto a nova como a imaxe foron extraídas de La Voz de Arousa.
No pub Rif-Rock hai xente moi eficiente, iso é sabido. Neste caso en menos de dous días desde que se viviu alí o directo de LHBdPT xa puxeron á nosa disposición os vídeos do concerto, e polo que parece, tal e como se prevía non estivo nada nada mal. Agora este grupo de Sanxenxo que ten a capacidade de impedir ao espectador que permaneza inmóbil, inicia a súa xira fóra das fronteiras do país. Moita a sorte na súas viaxes, pero de seguro que non lles fará falta con esa actitude que demostran en cada directo.
Preme aquí para entrar no blog do Rif-Rock e ver todos os vídeos do concerto, e máis!
Era algo que se vía vir e ao final sucedeu: o programa Hai Debate, que cada semana reunía no plató da TVG a representantes dos principais partidos galegos e analistas políticos, desaparece da grella da nova Televisión Pública do Goberno de Alberto Núñez Feijoó. Así o publicitou a directora do ente, a cambadesa Rosa Vilas, que anunciou unha nova programación da televisión que non trae grandes cambios a parte da eliminación do devandito programa. Continuarán as series de éxito como Padre Casares e a revista Bos Días ocupará case toda a mañá.
Para todos aqueles que gustamos da política, a fin de Hai Debate non é unha boa nova, pero tampouco o é en xeral para toda a sociedade, porque unha actividade, a política, que xa é demasiado lonxana da xente segue afastándose cunha medida como a que veñen de tomar os responsábeis do goberno popular. Está claro que ao PP non lle interesa que a opinión pública estea informada do que acontece, e moito menos que poida atender a debates que, se ben estaban medidos en exceso, polo menos existían e chegaban a quen estaba disposto a seguilos.
A Asociación de Ensinantes de Salnés (CANDEA), que entre moitas cousas organiza cada ano un conxunto de actividades formativas baixo o nome de Xornadas Pedagóxicas, deixará de percibir as tradcionais axudas económicas da Xunta para este propósito. Até agora, a Consellaría de Educación cofinanciaba estas activiades, xa que os mestres están obrigados a facelas para cubrir as 100 horas formativas que lles permiten acceder aos sexenios e os cursos que organiza a propia Xunta de Galicia non son suficientes para todo o profesorado.
Adela Leiro, presidenta da asociación, teno moi claro: trátase dunha decisión política. Este ano quen queira participar nas Xornadas terá que pagar até tres veces máis do que custaban en edicións anteriores. Isto, segundo a propia Adela, é grave porque ao contrario que nos cursos da Xunta nos de CANDEA participan tamén docentes sen emprego.
As XII Xornadas Pedagóxicas do Salnés terán lugar desde o día 21 até o 25 de Setembro desde as 16:30 até as 20:30 horas da tarde no instituto Francisco Asorey. Para inscribirse hai que chamar aos teléfonos 986520407 e 986520151 e pagar unha cota de 30 euros, excepto parados e socios (20 euros). Ten unha duración de 20 horas, homolagado pola Consellaría de Eduación.
PROGRAMA:
Conferencias: Proxecto Climántica por Francisco Soñora Luna, director do proxecto Climántica. “Qué pasa co galego” por Marta Dacosta.
Experiencias: “O Corpo e as emocións” (E. Infantil) por Rosa Falcón Chaves e Dolores Oubiña Millán. “Unidade didáctica sobre os portos” por Xosé Manuel Leal Bobeda. “O Contorno animado (Esperiencias de animación 1º e 2ª ciclo da E.S.O.) por Manuel Busto Maddalena. “Climántica” por Victor M. Caamaño Rivas, Isaac Pontanilla Pérez e Adela Leiro Lois . “Tics: Ferramentas galegas de autor na escola” por Xosé Antón Vicente Rodriguez..
Obradoiros: “Oficios tradicionais de Galicia: sobreiros de palla, os Sancosmeiros”, por Antonio Pérez Froján de Noia.
Exposicións: “Climántica”.
Sáidas: “Ruta dos Muiños de Meis”.
Este concerto levaba aprazado desde os actos de aniversario do Rif-Rock alá polo mes de Xullo por unha lesión do batería. Agora, Los Hijos Bastardos de Peter Lorre prepáranse para comparecer ante os seus incondicionais no pub cambadés o sábado 12 a medianoite.
Este grupo de rock’n’roll formado por veciños de Sanxenxo ten a seguinte composición: Voz, Pandereta e Armónica: Michi “Calambres” Lorre; Guitarra Solista: Lorre Lorre; Guitarra Rítmica e Voces: Sheriff Lorre; Batería, Gritos e Aullidos: Howlin’ O-Lorre.
Aqueles que tivemos o pracer de telos visto e oído (e bailado) só podemos recomendarvos aos que non o fixestes aínda que vos pasedes este sábado polo Rif. Ademais de estar en Cambados, LHBPL inician unha xira que os vai levar pola nosa terra (Pontevedra, Portonovo, A Illa…) e fóra do país (Valladolid, Guernika ou Bilbao).
O vindeiro domingo a partir das 17.45 horas van ter lugar unha serie de actos con motivo do partido Cambados-Estradense de Preferente Autonómica.
En primeiro lugar serán presentados os equipos base do club, logo será homenaxeado o xogador que durante tantos anos foi do Club Xuventude Cambados, que o viu nacer, ainda que tamén militou noutros clubes, Manuel Galiñanes “Mané”. E logo polas autoridades federativas será entregado ao Club Xuventude Cambados o trofeo como campion da Primera Preferente Grupo
IV. Están invitados a presidir esta entrega o Presidente da Deputación, Alcalde de Cambados, Xefes de Grupo do PSOE e BNG do Concello de Cambados, e outras autoridades.
A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que o Concello prevé que se constrúa en Ribadumia e que dea servizo a Cambados está a xerar moita polémica xusto cando iniciamos o curso político na vida municipal. O BNG, liderado por Víctor Caamaño, acusaba hai uns días ao goberno do PP de ocultar información sobre o tema e limitar o traballo da oposición por este motivo. Acusaban directamente ao alcalde, Luís Aragunde, de respostar con evasivas. Preguntábanse no BNG, por que se a estación vai ser construída en Ribadumia, o goberno local afirmaba estar en conversas sobre os terreos con veciños de Vilariño.
Pola súa banda, o propio Aragunde falaba onte a través dos medios dunha suposta radicalización do Bloque a nivel nacional trala perda da Xunta de Galicia, que se traduciría segundo el nunha maior agresividade na oposición. Dicía Aragunde que o que pretendían os nacionalistas eran sentar as bases para mobilizar ao pobo contra o Concello, e crear alarma social neste tema. Afirmou que está en conversas avanzadas con veciños de Vilariño, porque casualmente son os propietarios das terras necesarias en Ribadumia.
O último, pero seguramente non derradeiro, capítulo desta historia escribiuno hoxe Víctor Caamaño cando afirmou que o único que quere o Bloque Nacionalista Galego de Cambados é que os veciños teñan toda a información sobre a nova depuradora. Acusou tamén a Aragunde de seguir os pasos dos seus antecesores e non ter virado o rumbo hacia un goberno máis dialogante, transparente e cordial.