A Asociación de Ensinantes de Salnés (CANDEA), que entre moitas cousas organiza cada ano un conxunto de actividades formativas baixo o nome de Xornadas Pedagóxicas, deixará de percibir as tradcionais axudas económicas da Xunta para este propósito. Até agora, a Consellaría de Educación cofinanciaba estas activiades, xa que os mestres están obrigados a facelas para cubrir as 100 horas formativas que lles permiten acceder aos sexenios e os cursos que organiza a propia Xunta de Galicia non son suficientes para todo o profesorado.
Adela Leiro, presidenta da asociación, teno moi claro: trátase dunha decisión política. Este ano quen queira participar nas Xornadas terá que pagar até tres veces máis do que custaban en edicións anteriores. Isto, segundo a propia Adela, é grave porque ao contrario que nos cursos da Xunta nos de CANDEA participan tamén docentes sen emprego.
As XII Xornadas Pedagóxicas do Salnés terán lugar desde o día 21 até o 25 de Setembro desde as 16:30 até as 20:30 horas da tarde no instituto Francisco Asorey. Para inscribirse hai que chamar aos teléfonos 986520407 e 986520151 e pagar unha cota de 30 euros, excepto parados e socios (20 euros). Ten unha duración de 20 horas, homolagado pola Consellaría de Eduación.
PROGRAMA:
Conferencias: Proxecto Climántica por Francisco Soñora Luna, director do proxecto Climántica. “Qué pasa co galego” por Marta Dacosta.
Experiencias: “O Corpo e as emocións” (E. Infantil) por Rosa Falcón Chaves e Dolores Oubiña Millán. “Unidade didáctica sobre os portos” por Xosé Manuel Leal Bobeda. “O Contorno animado (Esperiencias de animación 1º e 2ª ciclo da E.S.O.) por Manuel Busto Maddalena. “Climántica” por Victor M. Caamaño Rivas, Isaac Pontanilla Pérez e Adela Leiro Lois . “Tics: Ferramentas galegas de autor na escola” por Xosé Antón Vicente Rodriguez..
Obradoiros: “Oficios tradicionais de Galicia: sobreiros de palla, os Sancosmeiros”, por Antonio Pérez Froján de Noia.
Exposicións: “Climántica”.
Sáidas: “Ruta dos Muiños de Meis”.