O Partido Popular vén de presentar no Congreso dos Deputados de Madrid a seguinte proposta, que requeriría da modificación da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG):
A candidatura que obteña máis do 40% do voto escrutado e que supere en 5 puntos ou máis á seguinte candidatura obterá automaticamente a metade máis un dos concelleiros da corporación, co cal gobernará con maioría absoluta esa lexislatura. Con isto, segundo o PP, mellórase a establidade institucional dos Concellos, e evítanse pactos que impidan que o alcalde pertenza á candidatura máis votada e tamén calquera tipo de acordo poselectoral.
Desde logo, para os que cremos na verdadeira democracia, de levarse adiante esta reforma, que xa xurdiu “como ameaza” máis de unha vez, estaríase empobrecendo aínda máis a capacidade de decidir dos cidadáns nos concellos. O Partido Popular ten que entender que é totalmente saudábel saber chegar a acordos e conformar maiorías, o seu problema é que, xa o vemos en Galiza, non é quen de acordar nada cos demais e iso cústalle o goberno cando non logra acadar a maioría absoluta.
Por que non aproveitan os señores deputados este tipo de subcomisións para aprobar, dunha vez por todas, o voto en urna para o exterior, que sempre sae a relucir no noso país cada catro anos e logo os dous principais partidos esquecen até a convocatoria seguinte?
Ou xa de meterse na cuestión electoral municipal…por que non deciden tirar cara o camiño verdadeiramente democratico e aproban a votación de listas ABERTAS, onde os cidadáns elixamos ás persoas que queremos que nos representen no Concello, sen importar cal é a súa candidatura? iso si sería realmente útil, e non o intento de recurtar as decisións populares.
Porque as listas abertas son máis xustas en todos os procesos, pero a súa existencia sería se cadra aínda máis lóxica no campo municipal, onde todos somos veciños e, quen máis ou quen menos, nos coñecemos perfectamente e poderíamos matizar moito mellor a nosa decisión. O que me parece incríbel é que a única votación con este sistema sexa a do Senado!! a desa institución que todos sabemos que até que a reformen, só serve para colocar a vellas glorias e para absorber máis recursos do sistema.
E que pasaría en Cambados de aprobarse a iniciativa? Está claro que co actual modelo de candidaturas o Partido Popular tería aínda máis doado a vitoria, posto que pasa do 40% e saca ao seguinte partido moito máis dun 5%… terían que facer unha fronte común nacionalistas e socialistas para poder plantar cara aos populares? E como en Cambados na maioría dos Concellos galegos, a medida leva, ou ben ao goberno maioritario da dereita no país, ou ben ao aglutinamento electoral da esquerda. Ao fin e ao cabo, ao que leva é ao bipartidismo (máis bipartidismo).
De momento a proposta popular será estudada por PSOE, CiU e PNV. Izquierda Unida e BNG xa anunciaron que se opoñerían.
O PP de Cambados actúa cun cinismo incríbel. No pleno de mañá pola noite debatirase a modificación da ordenanza reguladora da taxa de basuras e o Goberno Local implementará sobre ela, previsibelmente cos votos a favor polo menos do seu grupo, unha suba para todos os cidadáns. O Concello quixo tapar esta nova, que de seguro a ninguén lle fai moita ilusión, coa de que por primeira vez baixará a taxa aos donos dos comercios que estean actualmente pechados, xa que moitos non poden afrontar tal pago ao non ter ingresos.
E emprega esa nova, que afecta a unha minoría, para por detrás aplicar a suba xeralizada que nos vai a afectar a todos, e posíbelmente non sexa pequena, xa que o alcalde evitou dar polo momento cifras. E resulta especialmente curioso que vaia facelo xustamente no pleno de mañá , porque o Partido Popular defenderá ademais nese mesmo pleno unha moción na que se criticará a suba de impostos aplicada polo Goberno Central… mentres o Concello aumenta a presión impositiva sobre os cidadáns o propio goberno local critica ao Central por facer o mesmo!
Xa que os cidadáns de Cambados, resignados, imos ver como mañá se aproba esa suba de taxas, e aínda por riba coa burla da presentación da outra moción (que ademais tamén será aprobada cos votos, cando menos, do PP), polo menos estaría ben que a razón que esgrime Luís Aragunde para aplicala se cumpra : para mantener la calidad del servicio (Diario de Arousa).
Pero se manter a calidade do servizo sinifica que os contedores sigan estando totalmente cheos de suciedade, ou que aquelo de que un mesmo camión mesture os contedores da recollida selectiva, facendo que os propios veciños deixen de separar porque de nada serve…entón a suba das taxas xa é unha tremenda tomadura de pelo.
Pero así son as cousas, este comportamento cínico e insultante cara os cambadeses ten un nome, que se chama maioría absoluta e un causante que é o propio pobo de Cambados.
O presidente de Unha Grande Chea e portavoz no Salnés da plataforma Queremos Galego! en defensa da lingua, que organizou a histórica marcha do pasado 18 de Outubro e vai comezar a recoller sinaturas para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento de Galicia, escribe no xornal comarcal O Aturuxo sobre o tema lingüístico.
Xaquín Charlín (Chon) comeza abrindo o seu artigo coas verbas de Castelao: “Que diriamos se o Estado mandase derrubar ou Pórtico da Gloria?. Pois eu digo que o noso idioma e unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateos. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de motisimas xeneracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte”.
E a partir de aí argumenta sobre as diferentes accións que está a levar adiante o goberno galego e que afectan á lingua que nos une a todos, facendo tamén fincapé na resposta que a cidadanía do país lle lanzou nas rúas de Compostela a Feijoó e no comportamento da CRTVG.
Na nosa vila é sabido por todos que nunca existe unha grande axitación no tema político, xa ben porque os debates nos plenos son ás veces inexistentes pola dinámica aplicada polo ata hai pouco alcalde Cores Tourís –e polo antecesor deste- , xa ben porque quizais a loita democrática non chegue aos propios cidadáns. Ou ben porque a estes últimos non lles importe, hipótese esta última que me resisto a crer.
En Cambados as cousas funcionan así: eleccións (grande axitación durante un mes, presentación de candidaturas, cruce de acusacións, propostas, descalificacións, enchufe de persoal no Concello, máis descalificacións, debate en TeleSalnés, xornada electoral e finalmente gaña o PP), período de 4 anos no cal a actividade é polo xeral escasa exceptuando os períodos electorais…e eleccións municipais outra vez. E repetir o bucle sucesivamente.
E se analizamos eses catro anos entre comicios máis detidamente, que pasa? Pouca cousiña. O Partido Popular comeza eufórico a lexislatura, os primeiros días incluso cordial coa oposición, que aínda non levantou cabeza despois doutra esta-vez-si-que-vai-pero-non-foi.
Logo o goberno afronta os problemas con grande torpeza e normalmente sen bos resultados (véxase o tema os cheiros, onde basicamente segue sen haber resultados) ou directamente fai cafradas como a da venda da Mercede, e os dous partidos (BNG e PSOE) poñen o grito no ceo pero rara vez conseguen, nin facer cambiar de opinión ao goberno local, nin sequera mobilizar ao pobo.
Ás veces esta última característica é realmente decepcionante…quen non lembra como hai anos cando os do non protesaban polas carpas do Paseo da Calzada no Albariño polo seu efecto negativo na hostelaría local, e os propios interesados, os hostaleiros, calaban e outorgaban ante o Concello? Ese é un bo exemplo para poñer en relevo que a culpa da situación política de Cambados non é soamente dos partidos “alternativos”.
Pero si, agora imos con eles, tamén teñen grande culpa. Para comezar os partidos da oposición pecan de pouca renovación (nula no caso do PSOE, que basea toda a súa práctica na figura “por riba de todo” de Domingo Tabuyo). Son eles os culpábeis de non teren conseguido abrir as súas portas a novas incorporacións, totalmente necesarias para chegar aos demais cidadáns, porque non se pode pretender gobernar co mesmo equipo que gobernou hai vinte anos.
O próximo domingo día 25 de Outubro ás sete da tarde vai ter lugar a inauguración da exposición relacionada co 75 aniversario da construción do edificio da Juventud Católica. O autor deste traballo é o historiador cambadés Jacobo Domínguez, quen durante os últimos tempos estivo recopilando información sobre o edificio en forma de fotografías, testemuñas, documentos…
Ademais de dita exposición Jacobo tamén publicará un libro onde se recolle este, de seguro, magnífico traballo.
Nova recollida do blog de Unha Grande Chea.
Imaxe do equipo de futbol de Juventud Católica do ano 39. A institución foi a precursora, entre outras cousas dos equipos de fútbol e baloncesto, de aí os nomes de Club Xuventude e Xuven.
Onte comezou en Curro a exhumación nunha foxa común que presuntamente contén os restos mortais de dous xoves que foran asasinados polos falanxistas o 15 de Setembro de 1936. Trátase de Ramón Barreiro, veciño de Sisán e Castor Cordal, de Corbillón.
O primeiro cometeu o “pecado” de ser poeta e escribir no xornal “cousas que non lle conviñan aos que mandaban”. Tiña 19 anos cando remataron coa súa vida.
O segundo, veciño de Cambados, tiña 27 anos cando o asasinaron. Era electricista e como simpatizante da CNT defendía os dereitos dos traballadores. Esa vinculación sindical, xunto co suposto chivatazo da familia onde el servira como empregado fixeron que a súa vida, xa na súa fin, se cruzara coa de Ramón Barreiro na curva da estrada a Pontevedra onde hoxe se levanta o restaurante Abuelo Pintos.
Alí traballan hoxe os arqueólogos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica baixo a atenta mirada dos familiares. A irmá de Castor Cordal declaraba onte por medio dunha sobriña o seguinte: “Dinos que agora xa pode morrer tranquila e feliz ao saber que os catro ósos que están aí podémolos levar a onde xa descansan os seus pais”.
É a verdade, os famosos semáforos da Avenida de Vilariño, no centro da nosa vila, puxéronse a funcionar onte despois de tres anos de cor ámbar permanente. Así informa Maruxa Alfonso hoxe en La Voz de Arousa, quen nos recorda que os semáforos foron instalados no ano 2006 pola Deputación de Pontevedra para diminuír os accidentes en dous puntos negros: o cruce da xa citada Avenida de Vilariño coa do Salnés, e o cruce desta última coa Avenida de Vilagarcía.
O motivo esgrimido polo Concello entón foi que faltaban uns sensores que detectan a presenza de vehículos e fan cambiar a posición do semáforo, e polo visto estes sensores tardaron máis de tres anos en chegar ao noso Concello. Agora só hai que agardar que funcionen correctamente: xa temos semáforos.
O ex presidente da Xunta de Galicia respondeu no xornal La Nueva España a moitas preguntas, relacionadas con Asturias, coa súa época franquista… pero houbo unha na que citaban a nosa vila:
-Le han quitado su nombre a una calle, en Cambados.
-Soy muy popular allí y solemos ganar las elecciones, pero hubo alguien que se descuidó en una ocasión, llegaron personas del «bloque» y me quitaron la calle; cuando volvimos a gobernar allí, me la quisieron devolver, pero dije que deberían pasar cien años antes de aceptarla. No era oportuno establecer jueguecitos con eso.
Podes consultar a entrevista íntegra premendo neste enlace.
Imaxe extraída de La Nueva España.
A continuación reprodúcese íntegro o comunicado do Bloque Nacionalista Galego de Cambados sobre a posíbel fin dos pleitos do Concello con Máximo Cid Ferro pola praza de sarxento da Policía Local:
Limos estes días, nos medios de comunicación, que o alcalde de Cambados acatará a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que obriga ao concello a conceder a praza de Sarxento Xefe da Policía Local a Maximino Cid Ferro. Tamén afirma, Luís Aragunde que “por fin se acaba a pelexa xudicial”; afirmación que fai como se o goberno municipal do PP non tivera nada que ver neste longo proceso xudicial; proceso que o PP tentou alongar o posible no tempo, aínda previndo cal sería o desenlace. Non sabemos se Luís Aragunde é coñecedor de que ten a obriga de acatar unha sentencia xudicial firme como esta.
Recordemos que este contencioso foi creado pola “cabezonería” do goberno municipal do PP, a raíz dunha serie de feitos denunciados no seu momento polo grupo municipal do BNG, como foron o continuo rexeitamento ás peticións feitas por un dos aspirantes á praza de sarxento para que se subsanasen as irregularidades cometidas polo tribunal durante o desenvolvemento das probas, a presentación de recursos por parte do concello cando a Xustiza lle daba a razón ao aspirante, as declaracións públicas do anterior alcalde denotando as súas simpatías, a creación dunha praza de suboficial coa intención de controlar ao sarxento e quitarlle a xefatura da Policía Local…
A día de hoxe resulta ridículo escoitar a Luís Aragunde dicindo que non quere que este tema volva aos tribunais e que o importante “é rematar con estes litixios de inmediato” ou que “é necesario regularizar a situación na que se atopa a Policía Local”. Porque se alguén é culpable destes litixios e da situación da Policía Local ese é o goberno municipal do PP; grupo político que sempre antepón os seus intereses partidistas sobre os da cidadanía. Porque os contenciosos haberá que pagalos con cartos de todos os cambadeses e cambadesas. E agora terán que aclarar as preguntas feitas polo BNG no ano 2004:
– ¿Canto lle costou ao erario público as accións xudiciais levadas ata agora neste caso?
Resposta Concello (Pleno decembro 2004): Unha vez finalice o procedemento poderá consultar tódolos datos nas Oficinas Municipais.
– Canto vai custar este novo recurso?
Resposta Concello (Pleno decembro 2004): Moi pouco.
No próximo pleno municipal o BNG volverá a pedir contas ao goberno municipal de Cambados para que lle aclaren, aos veciños e veciñas, cantos dos seus impostos foron utilizados polo PP para pagar a súa batalla política contra Maximino Cid Ferro.
O club de Tenis Cambados organiza outro ano máis o Torneo 24 horas de tenis, que terá lugar o vindeiro sábado 31 de Outubro de 2009 desde ás doce e media do mediodía nas Pistas de Tenis d’O Pombal.
A inscrición pode facerse efectiva antes do 28 deste mes no teléfono 610850187 por 10 euros cada xogador a excepción dos menores de idade, que pagarán 5 euros. As categorías dispoñíbeis son Absoluta Masculina, Sub16 Masculina, Sub14 Masculina e Sub18 Feminina. Colabora o Concello de Cambados.