Oito anos. Ese é o tempo que tardou a Xustiza en darlle a razón sen recurso posíbel a Máximo Cid Ferro. Todo comezou no 2001 cunhas oposicións no Concello de Cambados para a praza de sarxento da Policía Local na cal Cid Ferro aprobou os catro primeiros exames pero obtivo un 4,60 no quinto. O tribunal estaba formado daquela por tres persoas do Concello, entre elas o ex alcalde Cores Tourís ou o ex concelleiro Jose Antonio Domínguez e por dúas persoas enviadas pola Xunta.
Tourís, Domínguez e a terceira persoa do Concello suspenderon o quinto exame a Máximo Cid Ferro con un 3 e dous 4, mentres que os representantes do Goberno Galego (un representante sindical e o xefe da Policía Local de Boiro) outorgaron dous 6 ao aspirante. Daquela el considerou que no Concello estaban intentanto frear o seu acceso ao posto inxustamente e recurriu a decisión do tribunal.
Xa máis recentemente, a instancias da Xustiza, un perito corrixiu o exame de Ferro e outorgoulle un notábel alto. Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) remata con anos de recursos -perdidos- do Concello de Cambados e dá a orde de ofrecerlle a praza de sarxento ao examinado nun prazo de 20 días. Máximo Cid Ferro atópase na actualidade exercendo como Policía Local en Ourense, e podería incorporarse ao seu novo e merecido posto a comezos de Novembro.
Noraboa a Máximo Cid Ferro pola súa insistencia, ao final aínda que tarde a Xustiza triunfou no seu caso e demóstrase que o goberno local de Cambados estaba intentando manipular o resultado das oposicións interesadamente. Durante todos estes anos o único que conseguiron foi despilfarrar miles de euros en preitos e avogados nunha causa que sabían perdida, agora é tempo de pedir responsabilidades ao Concello polo seu comportamento.