Onte comezou en Curro a exhumación nunha foxa común que presuntamente contén os restos mortais de dous xoves que foran asasinados polos falanxistas o 15 de Setembro de 1936. Trátase de Ramón Barreiro, veciño de Sisán e Castor Cordal, de Corbillón.
O primeiro cometeu o “pecado” de ser poeta e escribir no xornal “cousas que non lle conviñan aos que mandaban”. Tiña 19 anos cando remataron coa súa vida.
O segundo, veciño de Cambados, tiña 27 anos cando o asasinaron. Era electricista e como simpatizante da CNT defendía os dereitos dos traballadores. Esa vinculación sindical, xunto co suposto chivatazo da familia onde el servira como empregado fixeron que a súa vida, xa na súa fin, se cruzara coa de Ramón Barreiro na curva da estrada a Pontevedra onde hoxe se levanta o restaurante Abuelo Pintos.
Alí traballan hoxe os arqueólogos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica baixo a atenta mirada dos familiares. A irmá de Castor Cordal declaraba onte por medio dunha sobriña o seguinte: “Dinos que agora xa pode morrer tranquila e feliz ao saber que os catro ósos que están aí podémolos levar a onde xa descansan os seus pais”.
Conversa
Os comentarios están pechados.