Na nosa vila é sabido por todos que nunca existe unha grande axitación no tema político, xa ben porque os debates nos plenos son ás veces inexistentes pola dinámica aplicada polo ata hai pouco alcalde Cores Tourís –e polo antecesor deste- , xa ben porque quizais a loita democrática non chegue aos propios cidadáns. Ou ben porque a estes últimos non lles importe, hipótese esta última que me resisto a crer.
En Cambados as cousas funcionan así: eleccións (grande axitación durante un mes, presentación de candidaturas, cruce de acusacións, propostas, descalificacións, enchufe de persoal no Concello, máis descalificacións, debate en TeleSalnés, xornada electoral e finalmente gaña o PP), período de 4 anos no cal a actividade é polo xeral escasa exceptuando os períodos electorais…e eleccións municipais outra vez. E repetir o bucle sucesivamente.
E se analizamos eses catro anos entre comicios máis detidamente, que pasa? Pouca cousiña. O Partido Popular comeza eufórico a lexislatura, os primeiros días incluso cordial coa oposición, que aínda non levantou cabeza despois doutra esta-vez-si-que-vai-pero-non-foi.
Logo o goberno afronta os problemas con grande torpeza e normalmente sen bos resultados (véxase o tema os cheiros, onde basicamente segue sen haber resultados) ou directamente fai cafradas como a da venda da Mercede, e os dous partidos (BNG e PSOE) poñen o grito no ceo pero rara vez conseguen, nin facer cambiar de opinión ao goberno local, nin sequera mobilizar ao pobo.
Ás veces esta última característica é realmente decepcionante…quen non lembra como hai anos cando os do non protesaban polas carpas do Paseo da Calzada no Albariño polo seu efecto negativo na hostelaría local, e os propios interesados, os hostaleiros, calaban e outorgaban ante o Concello? Ese é un bo exemplo para poñer en relevo que a culpa da situación política de Cambados non é soamente dos partidos “alternativos”.
Pero si, agora imos con eles, tamén teñen grande culpa. Para comezar os partidos da oposición pecan de pouca renovación (nula no caso do PSOE, que basea toda a súa práctica na figura “por riba de todo” de Domingo Tabuyo). Son eles os culpábeis de non teren conseguido abrir as súas portas a novas incorporacións, totalmente necesarias para chegar aos demais cidadáns, porque non se pode pretender gobernar co mesmo equipo que gobernou hai vinte anos.