O presidente de Unha Grande Chea e portavoz no Salnés da plataforma Queremos Galego! en defensa da lingua, que organizou a histórica marcha do pasado 18 de Outubro e vai comezar a recoller sinaturas para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento de Galicia, escribe no xornal comarcal O Aturuxo sobre o tema lingüístico.
Xaquín Charlín (Chon) comeza abrindo o seu artigo coas verbas de Castelao: “Que diriamos se o Estado mandase derrubar ou Pórtico da Gloria?. Pois eu digo que o noso idioma e unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateos. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de motisimas xeneracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte”.
E a partir de aí argumenta sobre as diferentes accións que está a levar adiante o goberno galego e que afectan á lingua que nos une a todos, facendo tamén fincapé na resposta que a cidadanía do país lle lanzou nas rúas de Compostela a Feijoó e no comportamento da CRTVG.