O Partido Popular vén de presentar no Congreso dos Deputados de Madrid a seguinte proposta, que requeriría da modificación da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG):
A candidatura que obteña máis do 40% do voto escrutado e que supere en 5 puntos ou máis á seguinte candidatura obterá automaticamente a metade máis un dos concelleiros da corporación, co cal gobernará con maioría absoluta esa lexislatura. Con isto, segundo o PP, mellórase a establidade institucional dos Concellos, e evítanse pactos que impidan que o alcalde pertenza á candidatura máis votada e tamén calquera tipo de acordo poselectoral.
Desde logo, para os que cremos na verdadeira democracia, de levarse adiante esta reforma, que xa xurdiu “como ameaza” máis de unha vez, estaríase empobrecendo aínda máis a capacidade de decidir dos cidadáns nos concellos. O Partido Popular ten que entender que é totalmente saudábel saber chegar a acordos e conformar maiorías, o seu problema é que, xa o vemos en Galiza, non é quen de acordar nada cos demais e iso cústalle o goberno cando non logra acadar a maioría absoluta.
Por que non aproveitan os señores deputados este tipo de subcomisións para aprobar, dunha vez por todas, o voto en urna para o exterior, que sempre sae a relucir no noso país cada catro anos e logo os dous principais partidos esquecen até a convocatoria seguinte?
Ou xa de meterse na cuestión electoral municipal…por que non deciden tirar cara o camiño verdadeiramente democratico e aproban a votación de listas ABERTAS, onde os cidadáns elixamos ás persoas que queremos que nos representen no Concello, sen importar cal é a súa candidatura? iso si sería realmente útil, e non o intento de recurtar as decisións populares.
Porque as listas abertas son máis xustas en todos os procesos, pero a súa existencia sería se cadra aínda máis lóxica no campo municipal, onde todos somos veciños e, quen máis ou quen menos, nos coñecemos perfectamente e poderíamos matizar moito mellor a nosa decisión. O que me parece incríbel é que a única votación con este sistema sexa a do Senado!! a desa institución que todos sabemos que até que a reformen, só serve para colocar a vellas glorias e para absorber máis recursos do sistema.
E que pasaría en Cambados de aprobarse a iniciativa? Está claro que co actual modelo de candidaturas o Partido Popular tería aínda máis doado a vitoria, posto que pasa do 40% e saca ao seguinte partido moito máis dun 5%… terían que facer unha fronte común nacionalistas e socialistas para poder plantar cara aos populares? E como en Cambados na maioría dos Concellos galegos, a medida leva, ou ben ao goberno maioritario da dereita no país, ou ben ao aglutinamento electoral da esquerda. Ao fin e ao cabo, ao que leva é ao bipartidismo (máis bipartidismo).
De momento a proposta popular será estudada por PSOE, CiU e PNV. Izquierda Unida e BNG xa anunciaron que se opoñerían.