Quen vira hoxe as imaxes da presentación de Maximino Cid Ferro como novo sarxento xefe da Policía Local de Cambados podería pensar que se acababa de convocar a praza hai pouco, pero todos sabemos que hai máis de oito anos que tal cousa sucedeu.
Quen escoitara as palabras do actual alcalde Luís Aragunde podería pensar, tal vez, que nunca formou parte de ninún goberno local en Cambados, pero todos sabemos que el era tenente de alcalde nos gobernos de Tourís, e en particular, durante todo o proceso xudicial de Cid Ferro.
As declaracións de onte serían máis propias dun Domingo Tabuyo ou dun Víctor Caamaño recén nomeados alcaldes, decididos a rematar cun litixio disparatado e que todos sabiamos que ía rematar desta forma, xa que a verdade e a xustiza nun sistema democrático deben rematar prevalecendo.
Pero non: eran palabras de Luís Aragunde, do mesmo Luís que formou parte do Goberno local todos estes anos. Do mesmo Aragunde que apoiou as decisións de Cores Tourís ao respecto e recurriron todas e cada unha das sentenzas que Maximino gañou durante estes anos.
Quizais é preciso pararse no que onte dicía o alcalde de Cambados para decatarse do insultantes que son as declaracións para a cidadanía deste Concello:
“Non cabe xa recurso, pero en todo caso xa non estaba na nosa intención volver a recurrir, porque cremos que debemos de comezar unha nova etapa.”
De ser isto certo, quere dicir que o Partido Popular de Cambados tardou 8 anos en decatarse de que se estaban equivocando? Que casualidade que xa fosen parar de recurrir xusto cando na sentenza non cabía recurso!
“isto vai sendo hora de rematalo, esta situación, vamos darlle unha oportunidade a este chaval, a este home.”
Parece que no Concello non entenderon nada, e iso que tiveron oito anos para facelo.
Luís Aragunde fala de darlle unha oportunidade, como se dun favor se tratase.
Pero, señor Aragunde, non é favor ningún, este home (xa non me vou referir a que primeiro lle chamara “chaval”… menos mal que el mesmo se corrixiu) sacou a máxima puntuación nas probas ás que foron sometidos os aspirantes, porque demostrou nos xulgados que os representantes do Concello puntuaran o seu exercicio de xeito parcial, para evitar que gañara a praza.
Non é cuestión de darlle unha oportunidade, é unha cuestión de que ten dereito a ese traballo que levan tanto tempo reténdolle.
Neste punto faise necesario resaltar como, máis unha vez, os representantes do Partido Popular pensan, non que gobernan, senón que lles pertence o Concello, e os postos de traballo que se derivan del. Están tan acostumados a facer política cos empregos públicos e das empresas concensionarias que cometen este tipo de “deslices” verbais como o que cometeu Aragunde.
Pero a cousa non queda aí, é que o actual alcalde referiuse tamén ao predesor, afirmando que lle dixera o seguinte: “paréceme perfecto, creo que é o mellor que podes facer. Creo que xa non cabe recurso, pero fas ben, Eu tamén me alegro que dunha vez por todas se acabe este trámite.”
E isto xa se converte nun insulto ao pobo de Cambados. Resulta que o propio Cores Tourís tamén fala do asunto como se non fose a súa responsabilidade!
¡Pero se foron estes señores os que levan gastados miles de euros (de todos!) en xuizos para demostrar o indemostrábel, para evitar que alguén capacitado ocupe un posto que lexítimamente lle pertence, porque pensan que os postos do Concello son propiedade exclusiva da xente do PP!
Por certo, Aragunde leva varios días evitando presentar contas, ou mesmo dar cifras aproximadas, do gasto que supuxeron estes oito anos de pleitos e que, coma sempre, pagamos entre todos. No vindeiro pleno terá outra oportunidade de sincerarse con todos nós respostando á pregunta que Víctor Caamaño anunciou hoxe que lle faría:
“Que importe supuxo, para o noso concello, os gastos xerados polos sucesivos contenciosos creados en relación coa asignación da praza de sarxento da Policía Municipal recentemente adxudicada ao demandante Maximino Cid Ferro?”
A ver se vai desta ou temos que agardar outros oito aniños para sabelo.
Vídeo extraído de CanalRíasBaixas.com
Nun inesperado acto de presentación do novo Sarxento Xefe, o alcalde Luís Aragunde deu súa bendición a Maximino Cid Ferro como futuro encargado de ostentar tal responsabilidade. Por agora, este vídeo tirado de Tele Salnés serve para dar a coñecer a nova, ao longo do día publicarase un artigo sobre este tema, que merece unha detallada análise.
Na rolda de prensa que celebraron os membros da Asociación de Ensinantes do Salnés CANDEA no CEIP Antonio Magariños salientouse a idea de que o Ano Cabanillas escolar fora un éxito pola implicación de máis de 2000 alumnos en actividades relacionadas co Poeta da Raza.
“Moi satisfactorio”, así calificaba Adela Leiro o traballo de máis de un ano e medio que se vén realizando desde a organización, que implicou non só á impresionante cifra de alumnos antes amosada, senón a profesores, pais, nais, escritores, pintores, fotógrafos, investigadores… de toda a comarca, non só de Cambados, o que permitiu que a obra de Ramón Cabanillas se traballara, se interpretara, se ilustrara…e o máis importante: que se coñecese e se disfrutase.
CANDEA, no último punto da súa conclusión, quere dar as grazas a todos os que dalgún xeito se implicaron neste Ano Cabanillas 2009.
ACTIVIDADE FRENÉTICA
Desde Unha Grande Chea calificaron esta semana a CANDEA como “con diferenza a máis fixo polo Ano Cabanillas en Cambados, facéndolle sombra a propia comisión organizadora do evento auspiciada polo Concello de Cambados”.
O certo é que CANDEA ten realizado ao longo de todo este Ano 2009 unha infinidade de actividades en forma de presentación de libros, conferencias, exposicións… entre as que destacan as I e II Xornadas Cabanillas e a escola (outubro 08 e 09) coa participación de máis de 150 profesores do Salnés de Galiza e que serviu de ponte para compartir recursos e experiencias para o ensino sobre o autor cambadés.
Ou unha decena de publicacións sobre Cabanillas, desde un calendario até un DVD con traballos de colexios, pasando polo excelente Polo Salnés con Ramón Cabanillas (libro de acuarelas de Eduardo P. Baamonde) ou o do mesmo título con fotografías inspiradas nas poesías.
Sen dúbida o Ano Cabanillas 2009 non podería entenderse do mesmo xeito sen o traballo realizado desde CANDEA, onde, se se me permite, Adela Leiro xoga un rol determinante. Parabéns!
Fotografía do Diario de Arousa.
Nos vindeiros días publicarase un balance persoal do Ano Cabanillas, en xeral, no que se tocarán aspectos relacionados coas actividades postas en marcha polas diferentes organizacións, pero tamén coa parte política do asunto (como non podía ser doutro xeito desde esta páxina).