//
estás a ler...
Artigos de opinión, Cambados

O Aragunde que caeu do ceo


maximinocidQuen vira hoxe as imaxes da presentación de Maximino Cid Ferro como novo sarxento xefe da Policía Local de Cambados podería pensar que se acababa de convocar a praza hai pouco, pero todos sabemos que hai máis de oito anos que tal cousa sucedeu.

Quen escoitara as palabras do actual alcalde Luís Aragunde podería pensar, tal vez, que nunca formou parte de ninún goberno local en Cambados, pero todos sabemos que el era tenente de alcalde nos gobernos de Tourís, e en particular, durante todo o proceso xudicial de Cid Ferro.

As declaracións de onte serían máis propias dun Domingo Tabuyo ou dun Víctor Caamaño recén nomeados alcaldes, decididos a rematar cun litixio disparatado e que todos sabiamos que ía rematar desta forma, xa que a verdade e a xustiza nun sistema democrático deben rematar prevalecendo.

Pero non: eran palabras de Luís Aragunde, do mesmo Luís que formou parte do Goberno local todos estes anos. Do mesmo Aragunde que apoiou as decisións de Cores Tourís ao respecto e recurriron todas e cada unha das sentenzas que Maximino gañou durante estes anos.

Quizais é preciso pararse no que onte dicía o alcalde de Cambados para decatarse do insultantes que son as declaracións para a cidadanía deste Concello:

“Non cabe xa recurso, pero en todo caso xa non estaba na nosa intención volver a recurrir, porque cremos que debemos de comezar unha nova etapa.”

De ser isto certo, quere dicir que o Partido Popular de Cambados tardou 8 anos en decatarse de que se estaban equivocando? Que casualidade que xa fosen parar de recurrir xusto cando na sentenza non cabía recurso!

“isto vai sendo hora de rematalo, esta situación, vamos darlle unha oportunidade a este chaval, a este home.”

Parece que no Concello non entenderon nada, e iso que tiveron oito anos para facelo.

Luís Aragunde fala de darlle unha oportunidade, como se dun favor se tratase.

Pero, señor Aragunde, non é favor ningún, este home (xa non me vou referir a que primeiro lle chamara “chaval”… menos mal que el mesmo se corrixiu) sacou a máxima puntuación nas probas ás que foron sometidos os aspirantes, porque demostrou nos xulgados que os representantes do Concello puntuaran o seu exercicio de xeito parcial, para evitar que gañara a praza.

Non é cuestión de darlle unha oportunidade, é unha cuestión de que ten dereito a ese traballo que levan tanto tempo reténdolle.

Neste punto faise necesario resaltar como, máis unha vez, os representantes do Partido Popular pensan, non que gobernan, senón que lles pertence o Concello, e os postos de traballo que se derivan del. Están tan acostumados a facer política cos empregos públicos e das empresas concensionarias que cometen este tipo de “deslices” verbais como o que cometeu Aragunde.

Pero a cousa non queda aí, é que o actual alcalde referiuse tamén ao predesor, afirmando que lle dixera o seguinte: “paréceme perfecto, creo que é o mellor que podes facer. Creo que xa non cabe recurso, pero fas ben, Eu tamén me alegro que dunha vez por todas se acabe este trámite.”

E isto xa se converte nun insulto ao pobo de Cambados. Resulta que o propio Cores Tourís tamén fala do asunto como se non fose a súa responsabilidade!

¡Pero se foron estes señores os que levan gastados miles de euros (de todos!) en xuizos para demostrar o indemostrábel, para evitar que alguén capacitado ocupe un posto que lexítimamente lle pertence, porque pensan que os postos do Concello son propiedade exclusiva da xente do PP!

Por certo, Aragunde leva varios días evitando presentar contas, ou mesmo dar cifras aproximadas, do gasto que supuxeron estes oito anos de pleitos e que, coma sempre, pagamos entre todos. No vindeiro pleno terá outra oportunidade de sincerarse con todos nós respostando á pregunta que Víctor Caamaño anunciou hoxe que lle faría:

“Que importe supuxo, para o noso concello, os gastos xerados polos sucesivos contenciosos creados en relación coa asignación da praza de sarxento da Policía Municipal recentemente adxudicada ao demandante Maximino Cid Ferro?”

A ver se vai desta ou temos que agardar outros oito aniños para sabelo.

Imaxe extraída de Diario de Arousa.

Nas redes sociais

Novembro 2009
L M M X V S D
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

A %d blogueros les gusta esto: