Nun artigo recén publicado no xornal comarcal O Aturuxo, Pedro Sanmiguel (Galicia Bilingüe e concorreu nas últimas municipais na lista do Partido Popular) quéixase de que Xaquín Charlín (Chon) califica a Galicia Bilingüe como “grupo da dereita máis rancia” ou “pijos malcriados” pero comeza o seu artigo coas seguintes verbas: “Sobre la plataforma Queremos Galego: Bajo esta denominación (…) se esconden los mismos dictadores de siempre: A Mesa pola Normalización Lingüística, el BNG…”
Sanmiguel fai no seu texto unha mistura total de conceptos e de feitos, querendo relacionar á plataforma Queremos Galegos con actos terroristas, cando el ben sabe que a manifestación do 18 de Outubro non só foi a maior da historia, senón que foi unha expresión totalmente democrática e foi unha manifestación de amor pola nosa lingua e en contra de ningunha outra, ao contrario que aquela a que el asistira convocada por GB e que, ademais de ser un fracaso en número de persoas tamén fixo historia, por número de manifestantes traidos de fóra do país e por fomentar o odio hacia o noso.
Fala no seu artigo tamén d’A Mesa pola Normalización Lingüística, e parece escandalizado porque reciba subvencións públicas! Debería saber o señor Sanmiguel que A Mesa é a maior asociación cultural de Galiza, e como tal ten dereito a esas axudas. É máis, durante os gobernos de Fraga Iribarne os tribunais déronlle a razón a esta asociación porque non estaba a percibir o que lle correpondía. Pola contra, Sanmiguel (gran preocupado polas inxustizas deste mundo) non di nada de todos os miles de euros que recibe, por exemplo, La Voz de Galicia en concepto de normalización lingüística e que obvia por completo o uso desta lingua nas súas páxinas. Iso, que a todos lles debería parecer unha inxustiza, non interesa. Tampouco di nada de que a Deputación de Pontevedra pagou 50.000 euros por unha actividade de dous días organizada por Galicia Bilingüe e á que acudiron ponentes como membros da Fundación FAES…etc etc
Pedro Sanmiguel, por favor, non sexa tan demagogo, e sobre todo (e falo a título individual, pero seguro que comparto isto con moitos simpatizantes tanto do BNG como da Mesa) ninguén, e menos vostede, que parece que ten o galego no seu punto de mira e gusta de fomentar o odio hacia el, vai chamarme dictador a min. Non llo consinto.
Conversa
Os comentarios están pechados.