Participaron 55 persoas até a medianoite do xoves 19 de Novembro. Cinco desas persoas abandoaron a enquisa antes de rematala, os seus resultados foron desbotados.
Perfil medio: Menor de 40 anos e participante dalgunha actividade do Ano Cabanillas
Así é, un 67% dos enquisados marcaron que tiñan menos de 40 anos, a maioria deles no subgrupo 18-25 anos. O outro terzo dos totais marcou a opción Máis de 40. En xeral pódese apreciar que a idade dos participantes está moi repartida entre os diferentes grupos estabelecidos, prevalecendo a xente moza.
Ademais un 84% dos enquisados afirmou ter participado dalgunha actividade relacionado co Ano Cabanillas 09. Un 87% xa coñecía a obra do escritor cambadés pero dixo que afondara no seu coñecemento fronte a un escaso 9% que afirmou seguir sen coñecelo e un 4% que di que grazas a este evento leu por primeira vez ao poeta da Raza.
Bo percepción xeral do Ano Cabanillas pero con matices. A publicación da biografía por parte de Luís Rei foi o acontecemento máis valorado.
Un 49% dos enquisados valora o Ano Cabanillas como Bo ou Moi bo, e só un escaso 9% o tilda de Malo ou Moi malo; pero o grupo que escolleu Regular é considerabelmente alto, cun 42% ocupa o lugar de preferencia nos resultados. Co cal aínda que a percepción xeral é boa parece que moitos dos participantes teñen opinións intermedias sobre o asunto.
Do total de votos sobre a mellor actividade un 27% escolleu a publicación da biografía de Cabanillas (Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudade) por parte de Luís Rei como o máis interesante do ano. De perto lle seguía a exposición Cabanillas e os artistas do seu tempo e o Serán Ramón Cabanillas. Tamén cabe destacar que as opcións máis abertas, como Outra exposición, Outra actividade, etc, aínda que ocupan os últimos lugares suman entre elas o 21% dos votos, o cal deixa patente que por un lado a pregunta debería ter máis opcións nas respostas e que a diversidade de actividades foi boa en canto a que non todos atoparon a que máis gustaron entre as catro opcións principais.
A comisión organizadora non serviu como coordinadora; Suspenden a nova Xunta e o Concello e aproba a Xunta bipartita e CANDEA é a asociación escollida por unha maioría como a que máis fixo neste Ano Cabanillas 09.
O 64% dos participantes cren que a comisión organizadora, auspiciada polo Concello e tamén limitada por este por non dar entrada directa nela a todos os implicados, non serviu para coordinar aos colectivos na organización do Ano Cabanillas. O 27% non coñecen o traballo desta comisión e o 9% si cre que serviu como aglutinador de asociacións.
Das institucions, o 64% di que a xestión da nova Xunta de Galicia do PP no Ano Cabanillas é Mala ou Moi Mala. O Concello obtén unha lixeira mellor nota, pero non logra o aprobado xa que o 38% inclínase polas opcións críticas e só un 20% polas enteiramente positivas. Un nada desdeñábel 42% califica a xestión do Concello como Regular, sen especificar. A Xunta bipartita é a que sae mellor parada 54% de votos positivos e só o 9% de negativos.
CANDEA, a asociación de ensinantes do Salnés é con diferenza a mellor valorada entre as organizacións que participaron dalgún xeito no Ano Cabanillas. Un 27% marcaron a esta asociación como a máis activa na promoción da vida e obra do poeta a través das actividades. 8 puntos por detrás atópase a Asociación de libreiros e logo a Asociación Cultural e Deportiva Unha Grande Chea, centros escolares e xa no quinto posto aparece o Concello de Cambados cun 10% de votos.
Resulta chamativo neste apartado como todas as primeiras prazas son ocupadas por asociacións, non por institucións. Os enquisados marcaron, pois, organizacións de tipo non político e deixaron a Concello, Deputación e Xunta nos últimos lugares da táboa (xuntos todos só suman un 22%, ridículo ao carón do 27% só para CANDEA).
Detalles
Preme en Seguir Lendo para ver todos os resultados detallados, pregunta a pregunta.
Conversa
Trackbacks/Pingbacks
Pingback: Cambados(tk) » [O] Os Anos Cabanillas 2009 - 15/12/2009