Partido Popular
O PP de Cambados permanece “virxe” no que espazos web se refire. Non se lle coñecen nin sequera páxinas exclusivas para a campaña, moito menos proxectos a medio longo prazo.
O que é xa grave, o PP no goberno tampouco aproveita as ferramentas en internet: a propia web do Concello estivo máis tempo parada que funcionando, aínda que ultimamente parece que si se actualiza con novas de cando en vez. Aínda así os cidadáns non poden empregar a web máis que para recibir a saúda do alcalde e enviarlle un correo (non sabemos se con resposta). Ningunha xestión municipal pode ser executada a través da rede.
Partido Socialista
O PSOE de Cambados abriu un blog para as municipais de 2007. Pero a pesar de que houbo un amago de continuar actulizándoo tras a vitoria dos conservadores, o certo é que a páxina leva moito tempo parada. Tamén existiu un blog de apoio á candidatura de Domingo Tabuyo, pero ademais de non ser oficial non tivo continuidade a partir daquel Maio do 2007 e na actualidade un espazo en Facebook reclama a alcaldía para Tabuyo no 2011.
Bloque Nacionalista Galego
O BNG, aínda que irregular na publicación na súa web comarcal, é o grupo que máis ten experimentado na rede. Hai máis de un ano abría o seu propio fotolog e máis recentemente o seu perfil en Facebook, onde conta con máis de 686 amigos. Pola súa banda Víctor Caamaño creara na campaña electoral un blog pero leva máis de un ano sen renovar. Víctor é o único dos tres líderes que conta cun espazo en Facebook, pero a súa actividade é máis ben baixa.
ACTUALIZADO CO VÍDEO DE TELE SALNÉS (26/11/09)
O deputado do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, preguntou á Consellaría de Medio Ambiente polas obras que anunciou o goberno local sobre a colocación de comportas no Saco de Fefiñáns e á Consellaría non lle consta o proxecto, nin ningún estudo ambiental relacionado. Estas comportas permitirían regular o nivel de auga do lago interior para o seu uso en actividades lúdicas deportivas.
Para o voceiro local do Bloque, Víctor Caamaño, a actuación do Concello de Cambados é chapuceira e irresponsábel e acúsao de vender fume, xa que para esta obra, ou para o centro de día, ou para a ampliación do colexio de San Tomé non hai asignadas partidas nos Orzamentos da Xunta para 2010.
Caamaño critica duramente a ausencia dun estudo ambiental, porque se trata dunha zona marisqueira onde traballan 190 persoas. Para o BNG de Cambados a orde lóxica sería eliminar os verquidos de augas fecais que chegan ao estanque e realizar un estudo para non perxudicar aos sectores produtivos.
Vídeo extraído de CanalRíasBaixas.com
Imaxe: Macrolimpadón, actividade de limpeza que se levou a cabo nesa mesma zona en Abril de 2006