O ano político 2009 pode resumirse coas fotos de aquí arriba, e analizando o ano desde a nosa vila, estas foron as persoas que poden resumilo.
O ano 2009 foi un ano dobremente electoral: en marzo vivimos as eleccións galegas, que remataron coa experiencia do goberno de centroesquerda do bipartito PSOE-BNG e entregáronlle o poder ao Partido Popular de Núñez Feijoó. Nesas eleccións, cunha campaña moito máis suxa do habitual entre outras cousas pola introdución do tema lingüístico por parte do PP e das descalificacións dos conservadores, a cambadesa Rosa Oubiña concurriu fóra dos postos de saída da lista da dereita pero finalmente acadou un escano trala renuncia da súa compañeira Corina Porro.
Trala perda socialista e nacionalista, un verdadeiro golpe de moral ao electorado de esquerdas, ambos partidos se recompoñen poñendo a dous Vázquez como líderes: Pachi no PSOE e Guillerme no Bloque. Na nova executiva frontista a veciña de Oubiña Montse Prado pasa a ocupar o número 3 do BNG a nivel nacional. Montse formara parte ademais do Goberno Galego e participara nas listas sen obter representación.
Trala vitoria popular a nova Xunta require ao até entón alcalde de Cambados José Manuel Cores Tourís para ocupar o posto de Delegado Territorial na provincia de Pontevedra. A creación destas delegacións únicas foi polémica, os que as ocupan foron chamados “superdelegados”.
O novo posto de Tourís desencadea bastantes cambios no Concello: Anabel Carro, número 2 da lista local vaise co ex alcalde á Delegación, segundo as malas linguas para evitar que se fixese co relevo de Tourís. Luís Aragunde é elixido pola Corporación Municipal novo alcalde de Cambados, e este nomea novos tenentes de alcalde, Cores Chaves será o número dous de Aragunde, pero este seguirá facéndose cargo de Cultura e Iglesias Pombo será o novo edil liberado.
No BNG local tamén hai cambios: por unha banda en Xullo renóvase o consello local e Xoán Antonio Pillado deixa de ser responsábel despois de tantos anos, María José Cacabelos ocupa xa ese posto. Pouco antes de que iso pasara Martínez Ulloa volvía a converterse en concelleiro trala marcha de Amancio Gondar, que agora é presidente da asociación Zona Centro e do cal algúns rumores apuntan que a súa marcha é debida a desavenencias internas. Duarte Correa deixa de ser responsábel comarcal do Bloque.
Na parte que lle toca ao PSOE destaca a figura de Rafael Blanco, quen concorre nas listas ao Parlamento Galego sen acadar o seu escano e que recentemente foi elixido responsábel do PSOE na comarca. Rafael Blanco sen dúbida podería ser o político “revelación” nesta tranquila vida política municipal e apunta maneiras de cara a unha posíbel sucesión de Tabuyo, quen por outra banda parece disposto a ser candidato outra vez en 2011.
Como pincelada falar tamén das eleccións europeas, que aparte de moi aburridas supuxeron a volta, aínda que só por un tempo, do nacionalismo ao Parlamento Europeo da man da ilusionante Ana Miranda. Iso si, os resultados en votos do Bloque foron francamente malos.
E volvendo a Cambados, entre os temas máis importantes do ano cabe resaltar que as propias eleccións galegas dominaron a discusión local durante semanas, e ademais o Ano Cabanillas 09 tivo certa relevancia, así como o debate sobre a comisión organizadora, que finalmente saiu ao gusto do PP sen contar coa representitividade que a oposición requiría. Pese a moitas notas de prensa e reproches finalmente o Ano foi valorado en xeral como positivo por todos.
2009 foi o ano en que por fin rematou o proceso xudicial do Concello contra Maximino Cid Ferro, e este xa está traballando en Cambados como Sarxento da Policía Local.
A recente viaxe de Aragunde a Arxentina de Aragunde e Tourís con Louzán avivou o debate entre BNG e PP polo suposto gasto indebido do Concello nunha comitiva ao país sudamericano integrada exclusivamente por cargos do Partido Popular para repartir cheques.
E seguramente moitas moitas cousas queden no tinteiro, pero para iso está o arquivo deste blog e moitas outras páxinas e xornais que calquera pode consultar.
Só agardar un feliz 2010 para todos e que non se faga demasiado aburrido este ano non-electoral, por primeira vez en moito tempo. Soportarémolo?
O goberno da Xunta de Galicia deu pistas hoxe sobre o borrador do que será o decreto que regule o uso do idioma no ensino. Fíxoo no último Consello da Xunta do ano, a día 30 de Nadal, para evitar nestas datas de nadal o que se aveciña moi pronto: unha protesta educativa, sindical, política, social, que non tivo precendentes na historia do país, e que xa foi iniciada o pasado 18 de Outubro ca maior manifestación pola lingua da historia de Galiza.
Horas antes , e a pesar do escaso tempo de preparación e do silenzo previo de medios como La Voz de Galicia ou, moito peor, dos medios públicos da CRTVG, reunironse na praza do Obradoiro milleiros de galegos convocados por Queremos Galego! para protestar contra a derrogación do actual decreto. Foi no Obradoiro porque era o lugar escollido inicialmente por Feijóo para celebrar a reunión, unha reunión que foi cambiada de lugar a última hora para evitar protestas. A pesares deste xogo da gato e o rato da Xunta de Galicia, e a pesares da intensa choiva que caeu sobre Compostela, os manifestantes camiñaron desde o Obradoiro até as dependencias de San Caetano para berrarlle ao Partido Popular que Galiza non consinte unha volta atrás no tema do galego.
O NOVO DECRETO, GALEGO 33% (OU MENOS)
Alberto Núñez Feijoó presentou hoxe en rolda de prensa o borrador do decreto, no cal, como xa se adiantara desde Cambados(tk), tres linguas serán vehiculares: castelán, inglés e galego. En teoría cada unha suporá un terzo da educación de cada alumno, e en teoría tamén cada un terá “liberdade” para escoller que materias se imparten en cada lingua. Isto, evidentemente, é totalmente imposíbel porque supoñería segregación en aulas diferentes por idioma, co cal se seguirán fórmulas de votación entre os pais para decidir en cada clase ou colexio o reparto das asignaturas.
Por outra banda a propia Xunta de Galicia recoñece que non hai profesorado formado para impartir materias en inglés, polo cal en cada caso se decidirá en cal das outras linguas se dá clase. Isto, moi importante, supón que tras a bonita faciana do inglés escóndese a posibilidade de que o decreto signifique dous terzos en castelán e un en galego xa que a día de hoxe non hai cualificación deste tipo no profesorado para levar adiante este plan.
En infantil os pais votarán tamén o idioma que prefiran e impartiranse aulas no idioma que a maioría decide, doutra volta baixo o bonito velo da liberdade esconden o feito de que o galego deixará de ser a lingua inicial teórica de miles de nenos no país.
Iso si, Feijóo asegurou hoxe que conta con acadar un consenso con todos, ademais de PSOE e BNG, con colectivos e Real Academia Galega. Algo que agora mesmo parece imposíbel, xa que o Partido Popular é o único grupo (perdón, xunto con Galicia Bilingüe, que aínda pide máis español) que saiu do consenso anterior e que por primeira vez na historia de Galiza dá pasos atrás no uso do galego no ensino.
Con este borrado, con quen quere chegar a acordo? Unicamente o ten posíbel cos antes mencionados Galicia Bilingüe, especialistas no odio cara a nosa lingua propia, e quizais coa inexistente UPyD no país. Ou ben ten unha segunda opción: reconsiderar a súa teima de destruir o que nos é máis sagrado como pobo e volver ao consenso lingüístico que eles racharon.
Nos vindeiros días poderemos ler todas as análises, reaccións e quizais modificacións que se fagan sobre este borrador e tamén coñecer a convocatoria de todas as protestas que se aveciñan para este 2010.
Mal ano para o galego con esta Xunta, bo ano para loitar por el.
A protesta era inicialmente unha concentración no Obradoiro (1), pero os cambios na reunión do Consello da Xunta levaron a transformala en manifestación que percorreu e paralizou Compostela (2) até chegar até San Caetano (3).
Os veciños dun tramo da Avenida da Pastora (unha rúa de grande extensión que pasa por diante do Pazo de Ulloa, vai até o tanatorio e o cemiterio de Santa Mariña, bordea o Monte de Pastora para encanar coa estrada de Ribadumia case á altura do Mercadona) levan varios sustos cada vez que chove. E ultimamente chove bastante.
A zona conflitiva sitúase nos números 50 de dita rúa, onde se atopa o Restaurante A dos Piñeiros. Este local é un dos que sufre inundacións polas chuvias, hoxe podía verse na súa porta un aparello de madeira colocado polos propietarios para minimizar a entrada da auga. Os más afectados son os inmobles desa banda da rúa, os números impares, pola pendente da propia avenida. O Concello parece ser o responsábel das anegacións xa que a pesar das queixas repetidas dalgúns veciños no consistorio as arquetas están desde hai ben de tempo sucias e son o causante da acumulación de auga.
Nas fotos que se adxuntan pode verse como na zona onde se producen as inundacións hai unha arqueta que nin sequera podería ser limpada se así o quixesen os operarios do Concello porque este asfaltou por riba dela.
Ademais outro problema que se pode detectar a simple vista e que é un denominador común a outras rúas do Concello; é que o goberno local ao ir asfaltando en cada período electoral sen retirar as capas previas de pavimento provoca que o nivel da rúa vaia subindo e os portais cada ano estean máis abaixo.
Isto, que podería resultar incrible ou esaxerado, é un feito constatable en moitas das rúas de Cambados, como por exemplo na Rúa Sevilla, onde tamén son comúns as inundacións.
Aínda que esta nova non foi remitida por ninguén, lembra que podes denunciar calquera situación que consideres denunciábel no correo cambadostk (arroba) gmail.com.
En Setembro de 2005 publicábase na vella Cambados.tk un artigo titulado E menos mal que non chegou un tsunami… que trataba os temas das inundacións daquel ano. Este texto, publicado tamén no seu día no Faro de Vigo podes lelo premendo en Seguir Lendo.
Vista xeral do tramo da rúa
Un dos sumidoiros, este cuberto de asfalto. Ao operario que lle toque limpalo no seu día non lle ha resultar doado
Vista dunha entrada a un garaxe con restos de auga
Entrada ao restaurante tapada polos propietarios. A auga brota das alcantarillas e entra no local
A produtora virtual cambadesa Chourizofilms é obxecto dunha pequena reportaxe na Revista do Audiovisual Galego na cal se repasa a súa historia baixo o título “Chourizofilms consolida o fainotimesmo”. Podes ver a revista online premendo neste enlace, a reportaxe en cuestión atópase na páxina 42 da mesma.
Unha das cousas que se repasan na información dada é o éxito da primeira curta dos cambadeses, No volveré, que suma xa a día de hoxe en youtube máis de 200.000 visitas. O último traballo da produtora foi A man sagrada, adaptación dun poema de Ramón Cabanillas.
O domingo 27 de Nadal, Xaquín Xesteira ofrecerá no Auditorio da Xuventude de Cambados un concerto acompañado da Banda de Música de Castrelo. Será ás sete e media da tarde e poñerá punto e final ao Ano Cabanillas 09 organizado polo Concello de Cambados.
Onte o alcalde de Cambados, Luís Aragunde, cargaba contra o BNG e contra o seu portavoz polas denuncias sobre a viaxe de Aragunde, Louzán, Tourís e outros cargos do PP a Arxentina, onde repartiron cartos entre as familias de emigrantes. Asegurou Aragunde que Cores Tourís pagou do seu peto a viaxe. Víctor Caamaño resposta nesta nota de prensa ao alcade. Pola súa brevidade e tamén claridade reprodúcese integramente:
Moitas persoas teñen problemas económicos e o están a pasar mal, neste momento de crise económica, tanto en Cambados como en outras partes do mundo. Pero un alcalde ten como obriga a atención aos cidadáns do seu concello, mentres que das axudas internacionais deberán encargarse outros organismos públicos e privados.
A día de hoxe é de dominio público que os alcaldes do PP desempeñan o papel de “ministros de asuntos exteriores” cando a contrapartida consiste en carrexar votos dos nosos emigrantes, e non é casualidade que elección tras elección cheguen sacos de votos, con nulas garantías democráticas, de onde anteriormente estiveron os políticos do PP repartindo cheques en “xantares de confraternidade”. Mentres, o que nos transmite o Presidente da Xunta é que quere que esta situación anómala permaneza polo menos ata as Eleccións Xerais do 2.012 cando, de haber vontade política, podería solucionarse moito antes.
Que non se mofe Luís Aragunde dos cambadeses e cambadesas, pois a función dun alcalde debe ser a de xestionar axeitadamente o seu concello e non consiste en viaxar a Arxentina, casualmente en masa con outros cargos do PP, para intercambiar axudas económicas por votos. Que non intente disfrazar unha mala maña política detrás das axudas aos emigrantes.
E se realmente houbera intención exclusivamente de axudar, non sería necesario levar os cartos na man do alcalde nin pagar xantares para centos de invitados e, incluso, a nivel persoal, pódese formar parte dunha ONG de axuda aos emigrantes, pero esa non é, está claro, a intención do PP.
Sóache verdade? Esta é unha das miles de felicitacións que chegaron desde a semana pasada a todos os fogares cambadeses. Editado a toda cor e nun bo tipo de papel, a felicitación de Nadal vén asinada polo novo alcalde Luís Aragunde, quen nos desexa un bo Nadal e un ano 2010 “cheo de ilusións e novos proxectos”. Ademais, o poema Na casa de Nazaret de Ramón Cabanillas acompaña aos desexos de Aragunde.
Cantas copias terá publicado o Concello de Cambados? De seguro que a cifra oscila entre os 3.000 e os 7.000 folletos, que sumado ao gasto de envío por Correos nos dá a cantidade de euros que o Concello decidiu tirar á basura neste Nadal. Cartos que sempre predican que hai que administrar ben nestes tempos de crise pero que non dubidan de empregar á lixeira cando lles vén en gana (son de todos), véxase en felicitacións, véxase na viaxe a Arxentina, véxase no proceso xudicial contra Maximino Cid…
Hoxe en día hai formas e formas de chegar de xeito moi económico aos cidadáns…acaso non sería igual de efectiva unha felicitación electrónica?
E gratis!
O Grupo Municipal do BNG de Cambados pediu hoxe publicamente ao goberno local que aclare quen pagou os costes da viaxe que Luís Aragunde e Cores Tourís fixeron a Arxentina este mes. Publica hoxe Galicia Confidencial que o presidente da Xunta asegurou non ter constancia de que o delegado da Xunta en Pontevedra, Tourís, formara parte da comitiva, e máis tarde o propio Goberno Galego sinalou que o ex alcalde viaxara durante uns días de vacacións que se tomou. O BNG local quere saber agora se a viaxe a Arxentina foi pagada polo Concello.
Víctor Caamaño sinala que o Partido Popular xa iniciou a campaña das Eleccións Municipais de 2011, acudindo ao país sudamericano a “mercar vontades” seguindo o estilo de Rafael Louzán desde a Deputación.
Berros dende o alén vén de ser presentado en público hai escasas dúas horas no salón de actos do IES Francisco Asorey. Abriu o acto a presidenta da asociación de ensinantes CANDEA, Adela Leiro, que deu por fechados os actos de Ano Cabanillas 2009 coa presentación deste poemario. Indicou ademais que os responsábeis de CANDEA consideraran que a presentación en sociedade dun novo escritor era a mellor forma de rematar o Ano Cabanillas ollando ao futuro. Referiuse a portada do libro, na cal se pode ver o Portalén ou Porta do Alén, na serra do Cando, lugar cheo de lendas e monumentos naturais, e desde onde se poden divisar as Rías de Arousa, Pontevedra e Vigo.
Logo, o director do Asorey, José Rivera, falou do Ramón Nogueira que os profesores ven nas aulas, unha persoa colaboradora en actividades e interesada polo que sucede no mundo. Por último, o propio Ramón adicou palabras de agradecemento, especialmente á familia e aos seus amigos e a CANDEA pola oportunidade brindada.
O final do acto consistiu en que foses estes, os amigos, os que recitasen poesías que nós podemos ler no libro. Ramón encargouse de ler a última. Nos vindeiros días publicarase unha entrevista con el neste medio. E mentres, por suposto, pódese visitar o seu blog, ou facerse co libro nas librarías Contos e Cabanillas.