Mariñeiros e redeiras protagonizaron enfrontamentos co armador do barco, Ramón Durán, por considerar que a presenza deste en Cambados entorpece o labor dos traballadores do porto.
O Alvor é unha embarcación de 50 metros de eslora que se adicaba a pescar peixe espada en augas de Montevideo. A razón da parada en Cambados é a readaptación do barco para faenar no Gran Sol. O Patrón Maior, Benito González, admitiu que o propio sería que tivese buscado un porto de altura pero considera que a súa presenza non ten por que xerar problemas.
Non pensan o mesmo as redeiras: Aínda que o armador ten permiso de Portos de Galicia parece ser que se atopa amarrado nunha zona do muelle no que un cartel prohibe expresamente que se faga. As mulleres que reparan as redes dos barcos din que se está poñendo en xogo o seu pan, xa que teñen moitos aparellos na zona que non van poder ser recollidos polos mariñeiros. E é que o Alvor podería permanecer aí uns tres meses.
Resulta lóxica a actitude de Maximino Cid Ferro, xa nomeado novo sarxento xefe da Policía Local de Cambados, de querer deixar de lado o escuro pasado de demandas e recursos cun goberno local rencoroso que quería privalo dalgo que lle correspondía por xustiza.
Pero outra cousa é que todos os demais, os partidos politicos, os criticóns de turno (aquí me inlúo) e en xeral todos os cidadáns deste Concello deixemos pasar oito anos de xuizos perdidos un tras outro e sen máis sentido que engrandecer as decisions erradas do nefasto alcalde Cores Tourís.
Oito anos de litixios nos xulgados que aínda seguimos todos sen coñecer o desembolso económico o que supuxo. Para todos nós, non para Tourís, non para Luís Aragunde, non para o Partido Popular: para ti, para min e para cada un dos cidadáns de Cambados. Nós temos que pagar os caprichos sen sentido deste grupo de xente que goberna pensando que o de todos lles pertence.
Até cando imos ter que agardar para coñecer a cifra? E algo máis importate: é que non hai responsabilidades políticas que asumir?