Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía sustentábel de modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que…
1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.
2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.
3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, obstaculizando a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.
4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e obstaculiza a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizáronse extraordinariamente a creación e a emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.
5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posíbel sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo.
6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, críbeis e asequíbeis e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.
7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.
8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostíbel e realista de cara ao futuro.
9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do derecho de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.
10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e tendo consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.
Co suposto obxectivo de entrar en contacto co colectivo de cambadeses que reside no país sudamericano, o alcalde de Cambados, Luís Aragunde, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra e ex alcalde da nosa vila, Cores Tourís, viaxan a Arxentina. O dous terán reunións con directivos da Oficina do Salnés en Buenos Aires para coñecer as inquedanzas e propostas que lle plantexen. Queren ademais xestionar unha viaxe para o verán para que emigrantes que leven moito sen volver a Cambados poidan facelo coa axuda do goberno local. O Ano Cabanillas tamén é excusa para unha viaxe que pon de manifesto o comezo da actividade electoral de cara as municipais de 2011.
E é que segundo datos facilitados polo propio Concello de Cambados, uns 600 “cambadeses” residen en Arxentina, unha bolsa de votos moi apetitosa para a clase política, especialmente para o Partido Popular, que acostuma enviar aos seus dirixentes a facer campañas encubertas como visitas institucionais pagadas por todos nós. Resulta moi chamativo que, logo de repetir centos de veces as dificuldades económicas que se arrastran por mor da crise e de empregalo como excusa para recurtar servizos públicos, agora o alcalde dun Concello de 14.000 habitantes como Cambados faga unha viaxe intercontinental para interesarse polas necesidades dos emigrantes. Cando menos sospeitoso.
Visto en Diario de Arousa. Imaxe extraída de Diario de Pontevedra.