Onte o alcalde de Cambados, Luís Aragunde, cargaba contra o BNG e contra o seu portavoz polas denuncias sobre a viaxe de Aragunde, Louzán, Tourís e outros cargos do PP a Arxentina, onde repartiron cartos entre as familias de emigrantes. Asegurou Aragunde que Cores Tourís pagou do seu peto a viaxe. Víctor Caamaño resposta nesta nota de prensa ao alcade. Pola súa brevidade e tamén claridade reprodúcese integramente:
Moitas persoas teñen problemas económicos e o están a pasar mal, neste momento de crise económica, tanto en Cambados como en outras partes do mundo. Pero un alcalde ten como obriga a atención aos cidadáns do seu concello, mentres que das axudas internacionais deberán encargarse outros organismos públicos e privados.
A día de hoxe é de dominio público que os alcaldes do PP desempeñan o papel de “ministros de asuntos exteriores” cando a contrapartida consiste en carrexar votos dos nosos emigrantes, e non é casualidade que elección tras elección cheguen sacos de votos, con nulas garantías democráticas, de onde anteriormente estiveron os políticos do PP repartindo cheques en “xantares de confraternidade”. Mentres, o que nos transmite o Presidente da Xunta é que quere que esta situación anómala permaneza polo menos ata as Eleccións Xerais do 2.012 cando, de haber vontade política, podería solucionarse moito antes.
Que non se mofe Luís Aragunde dos cambadeses e cambadesas, pois a función dun alcalde debe ser a de xestionar axeitadamente o seu concello e non consiste en viaxar a Arxentina, casualmente en masa con outros cargos do PP, para intercambiar axudas económicas por votos. Que non intente disfrazar unha mala maña política detrás das axudas aos emigrantes.
E se realmente houbera intención exclusivamente de axudar, non sería necesario levar os cartos na man do alcalde nin pagar xantares para centos de invitados e, incluso, a nivel persoal, pódese formar parte dunha ONG de axuda aos emigrantes, pero esa non é, está claro, a intención do PP.
Sóache verdade? Esta é unha das miles de felicitacións que chegaron desde a semana pasada a todos os fogares cambadeses. Editado a toda cor e nun bo tipo de papel, a felicitación de Nadal vén asinada polo novo alcalde Luís Aragunde, quen nos desexa un bo Nadal e un ano 2010 “cheo de ilusións e novos proxectos”. Ademais, o poema Na casa de Nazaret de Ramón Cabanillas acompaña aos desexos de Aragunde.
Cantas copias terá publicado o Concello de Cambados? De seguro que a cifra oscila entre os 3.000 e os 7.000 folletos, que sumado ao gasto de envío por Correos nos dá a cantidade de euros que o Concello decidiu tirar á basura neste Nadal. Cartos que sempre predican que hai que administrar ben nestes tempos de crise pero que non dubidan de empregar á lixeira cando lles vén en gana (son de todos), véxase en felicitacións, véxase na viaxe a Arxentina, véxase no proceso xudicial contra Maximino Cid…
Hoxe en día hai formas e formas de chegar de xeito moi económico aos cidadáns…acaso non sería igual de efectiva unha felicitación electrónica?
E gratis!